Paisaxe

Xosé Ramón Morquecho Barral
José Manuel García Iglesias e Silvia Hermida Sánchez

Xunto coa figuración, a paisaxe é o outro xénero habitual en Morquecho; con este xénero iníciase na pintura e responde á admiración que sempre sentiu polo impresionismo francés. Neste caso, amósanos unha paisaxe dun bosque presidido por unha serie de rochas que ocupan a maior parte da superficie da táboa e, ao fondo, as pólas das árbores -moi empregadas polo pintor na segunda metade dos 80-. Con respecto ás cores predominan, xunto co amarelo, os verdes e azuis, que son para Morquecho a referencia á paisaxe galega presentes xa desde os inicios da súa carreira. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

Como bo debuxante que é, ademais do interese que mostrou ao longo da súa carreira artística pola figuración, tamén o apaixonou desde os inicios a representación dos espazos abertos e da natureza. Con todo, non foi ata 1985 cando comezou a pintar, cunha característica pincelada solta e rápida, as súas singulares paisaxes con arboredos en tons amarelos influenciados polo postimpresionismo e, en menor medida, polo fauvismo.

A súa andaina no mundo da arte comezou a unha idade moi temperá debido a que a súa familia sempre sentiu un verdadeiro interese por esta disciplina. Nos anos sesenta, influenciado polo impresionismo francés, realizou as súas primeiras acuarelas e óleos de temática paisaxística. Posteriormente, en 1972, inaugurou en Pontevedra a súa primeira exposición persoal e, un ano despois, a primeira fóra do ámbito galego, en Soria (J. M. García Iglesias, 2002a; J. M. García Iglesias, 2002 b).

Nos seus cadros ata mediados da década dos setenta, en concreto ata 1977, predominou a temática naturalista, pero a partir deste ano, decidiu introducir a figuración e inclinouse cara a unha pintura máis expresiva de cores máis tenues e apagadas. Non lle interesou a representación da figura individualizada e por iso entendeu as personaxes como unha masa, como un grupo homoxéneo sen rostros que deseñou a partir de fortes pinceladas negras (vid. X.A. Castro 1985).

Na década dos oitenta, a paleta de cores utilizada polo artista cambiou radicalmente e a súa pintura pasou a ser cada vez máis formal, comedida e simple, prescindindo de todos aqueles compoñentes innecesarios. Ademais, pasou a aplicar unha pincelada moito máis violenta, lembrando o movemento pictórico do fauvismo. Foi en 1986 cando comezou a formar parte do grupo compostelán de artistas “O Nome”, o cal reivindicou que a pintura funcionaba como un medio expresivo no que debían confluír as experiencias paisaxísticas, as figurativas e as experimentais, sempre asociadas á linguaxe plástica (J. M. Lens, A. Otero, 2007; F. Otero, 2008).

Xa entrados os anos noventa, trasladouse a Nova York, onde se interesou polo ambiente pictórico que se estaba cultivando nese momento. A partir deste intre e ata os últimos anos da súa produción, decantouse por pintar inmensas manchas cheas de cor e resplandecentes coas que quixo aludir ás experiencias mediterráneas.

A súa relación coa paisaxe lévao a presentala en moi variados tamaños tendo, en cada caso, unha solución diferente. Polos tempos en que fai esta paisaxe, concretamente en 1987, afirmaba: “aínda que viva na cidade, a min absórbeme o campo moito tempo. Alí atopo unha satisfacción que non atopo na cidade. No campo hai paz e beleza… é o único sitio onde se nos dá a beleza sen pedir nada a cambio” (J. M. García Iglesias, 2002 b: 267).

Pode ser escrupulosamente interesado no máis minúsculo detalle, na distancia curta, a transformar o seu modo de facer ata os bordos mesmos da máis trepidante abstracción se se enfronta ao tamaño grande, como é este caso. Nesta obra, decidiu representar un bosque presidido por toda unha serie de formacións rochosas que invaden a maior parte do lenzo. O artista creou unha paisaxe conformada por unhas significativas, extensas e espontáneas pinceladas de cor coas que, ademais de esvaecer os elementos, dotounos de tensión e movemento. Sobresae, xunto co amarelo, as manchas de cores azuis, verdes e moradas, que para el simbolizan o modelo de paisaxe galega, iso si, a partir dunha mirada e un modo de facer que o levou, ao longo da súa vida, a mostrarnos, desde a súa particular óptica, retrincos da natureza de lugares tan diversos como poden ser os de Nova York ou Berlín.

X. A. Castro Fernández, Expresión Atlántica, Santiago de Compostela (Edit. Follas Novas), 1985.

J. M. García Iglesias, 1993: J. M. García Iglesias, “Dez artistas na Compostela de fin de século”, en (catálogo de exposición) Dez visións da arte compostelá, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago), pp. 23-24.

J. M. García Iglesias, 2002a: J. M. García Iglesias, “Historia e Arte na “Casa Grande do Pozo”, en (catálogo de exposición), Historia e Arte na “Casa Grande do Pozo”, Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), p. 65.

J. M. García Iglesias, 2002b: “Morquecho” en A. Pulido Novoa (dir.) Artistas Galegos. Pintores. Figuracións – Abstraccións, Vigo (Nova Galicia Edicións), pp. 262-289.

J. M. Lens, A. Otero, 2007: J. M. Lens, A. Otero, “Morquecho”, en (catálogo de exposición) Compostelarte, Santiago de Compostela (Concellaría de Cultura), pp. 71-75.

F. Otero, 2008: F. Otero Bouza, El arte y su entorno. Santiago de Compostela (Editorial Compostela, S.A., Fundación Caixa Galicia), pp. 56-57.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000676
Autoría: Xosé Ramón Morquecho Barral
Título: Paisaxe
Temas: 
Paisaxe
Data: 1988
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 100 cm    ancho: 251 cm    fondo: 2 cm
Materiais: 
Táboa