Paisaxe con cazadores

Autoría descoñecida da escola flamenga

A paisaxe flamenga desenvólvese como xénero independente na segunda metade do século XVI, acadando o seu máximo apoxeo no Barroco. Deste período é esta obra, unha escena de cacería que se converte nun tema secundario ante a representación da paisaxe na que se desenvolve. A escena principal, como é habitual neste tipo de cadros, queda emprazada a un lateral do cadro, neste caso o dereito; no primeiro termo, os cazadores cargando as súas armas e os cans e, no segundo termo, cazadores a cabalo e ao fondo as montañas e o ceo encaixado na parte esquerda da obra que contrasta coa frondosa vexetación da dereita. A gradación lumínica que se establece entre o primeiro termo máis escuro e o fondo co claro de luz, contribúe a crear a sensación atmosférica e a aumentar a amplitude espacial. Finalmente, destaca a paleta cromática, rica en pratas, verdes e terras.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000410
Autoría: Autoría descoñecida da escola flamenga
Título: Paisaxe con cazadores
Temas: 
Paisaxe con figuras
Data: 1601
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 195 cm Ancho: 145 cm
Materiais: 
Lenzo
Localización: Facultade de Dereito