Paisaxe con vistas ao mar

Autoría descoñecida da escola flamenga

A paisaxe flamenga desenvólvese como xénero independente na segunda metade do século XVI, acadando o seu máximo apoxeo no Barroco. Deste período é esta obra, na que se amosa unha vista xeral na que unha serie de embarcacións están varadas nunha baía. Desprazado a un lateral do cadro, vemos en primeiro termo a escena principal na que unhas figuras están agrupadas arredor dunha fogueira, a cal se converte no foco de luz principal dese primeiro plano, mostra evidente da influencia do tenebrismo holandés, mentres que un segundo foco de luz exterior é o que ilumina a baía, establecéndose así unha gradación lumínica que, xunto co encadre, crea unha sensación de gran amplitude espacial. No relativo á composición, esta queda centrada pola árbore da marxe esquerda e as montañas rochosas, que se converten no elemento distribuidor do conxunto. Cabe destacar a paleta cromática, de gran variedade e riqueza de matices que van desde os tons pratas, grises e verdes. No ángulo inferior esquerdo o número 2263 en laranxa; no ángulo inferior dereito en branco, o número 973.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000408
Autoría: Autoría descoñecida da escola flamenga
Título: Paisaxe con vistas ao mar
Temas: 
Paisaxe con figuras
Data: 1600
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 158 cm Ancho: 215 cm
Materiais: 
Lenzo
Localización: Facultade de Dereito