Paisaxe de montaña
Esta obra pertence á serie que este pintor levou, entre 1980 e 1983, ás exposicións de Atlántica, o grupo artístico que revitalizou por aqueles anos a plástica galega. Estamos, con todo, ante unha pintura creada na década dos setenta, unha etapa onde experimentou cunha nova fórmula plástica, fundamentada na esquemática organización de diferentes planos xustapostos en tons moi cálidos. O artista decantouse por representar ambientes imaxinados e delicados a través dun xogo visual que conseguiu grazas á disposición das liñas e os volumes xeométricos.
Xosé Telmo Lodeiro Fernández (1931-1996) está vinculado ao estilo expresionista. Naceu en Teis, un barrio obreiro pertencente ao concello de Vigo, que influíu considerablemente na súa traxectoria artística, sobre todo na ansia por crear unha arte reivindicativa, social e de protesta. Interesouse pola pintura esquemática e simple, formada a partir de siluetas e figuras planas sen apenas volume pero cun gran cromatismo (X. L. Méndez Ferrín, 1988: 112-113; F. Pablos, 1981: 210; S. Cendán, 1993: 164-181).
A finais dos cincuenta, comezou unha etapa itinerante na que se deixou influenciar pola arte que se estaba desenvolvendo neses momentos e que tivo como punto de partida a capital francesa, na cal estivo durante dous anos. Posteriormente instalouse en Suíza por un período de tres anos e, finalmente, en 1963 volveu á súa cidade natal para dedicarse única e exclusivamente á pintura. En Vigo colaborou cos movementos obreiros e nacionalistas, que vivían un período de represión e mesmo clandestinidade, e isto foi algo que influíu na súa obra de maneira notable.
Posteriormente, seguiu viaxando polo continente europeo e América, onde expuxo a súa obra e entrou en contacto con outros artistas da súa época como Elsa Pérez Vicente ou Antón Abreu.
A inclusión dun autor como Lodeiro, un dos de maior idade entre os integrantes da colectiva Atlántica, levou implícita, por parte dos seus compoñentes máis novos, a asunción da modernidade que supoñía a obra dun pintor destas características, a cabalo, nos anos setenta, entre a práctica da abstracción e da nova figuración con acentos propios, moi persoais, fantástico na utilización da cor, preciso na delimitación das formas (vid. S. Penelas Figueira, 1993: 331-333; X. M. Durán, 1997). Un pintor, en fin, peculiar no contexto galaico (vid. S. Seoane, 1988; X. L. Méndez Ferrín, 1988).
Neste lenzo, Lodeiro presentou desde un punto de vista abstracto e simplificado unha paisaxe montañosa que estruturou en dúas partes separadas por unha sutil liña de horizonte. As montañas, absolutamente desertas e abatidas, dispúxoas en diferentes planos, cercadas por unha especie de muralla de cor violácea para deixar ver ao lonxe outros espazos, parcelados e cunha liña do horizonte moi alta, ao modo da primitiva pintura flamenca, iluminado por un sol, nacente ou poñente, que irradia unha potente luz. Valla a descrición para, desde ela, tentar captar algo do pormenor, do detalle que, desde puros valores cromáticos e de deseño, nos transmite Lodeiro a través dun xénero usual que, desde a súa particular interpretación, el fai único.
Cabe lembrar, neste caso, o que se apuntou sobre o seu modo de interpretar a paisaxe: “Lodeiro camiña cara á abstracción mediante unha orde ríxida de imaxes á vez que mantén a liña de interpretación tradicional dun contido lendario: a paisaxe." (M. J. Ruiz Vázquez, 2002: 135). E faino partindo dunha certa “abstracción xeométrica baseada en proxeccións lineais, en raios de luz graduais…” (D. Barro, 2005: 238).
D. Barro, 2005: D. Barro, “Xosé Lodeiro”, en D. Barro, C. Vidal, Voces de Atlántica, Vigo (Editorial Galaxia, Fundación Marco), 2005, pp. 235-239
S. Cendán, 1993: S. Cendán Caaveiro, “A pintura nas décadas do sesenta e setenta”, en Castro, X. A. (coord.), Galicia. Arte Contemporánea (I), A Coruña (Hércules)1993, XVI, pp. 164, 181.
X. M. Durán, 1997: X. M. Durán, A obra pictórica de Xosé Lodeiro, A Coruña (Espiral Maior), 1997.
X. L. Méndez Ferrín, 1988: X. L. Méndez Ferrín, “Lodeiro Fernández, Xosé”, Gran Enciclopedia Gallega, XIX (1974), pp. 112-113.
X. L. Méndez Ferrín, 1988: X. L. Méndez Ferrín, “(Lodeiro)”, en (catálogo de exposición), Lodeiro,Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1988, 1 p
F. Pablos, 1981: Plástica gallega. Vigo (Caixavigo), 1981, pp. 210-211.
S. Penelas Figueira, 1993: S. Penelas Figueira, “Os anos oitenta”, en Castro, X. A. (coord.), Galicia. Arte Contemporánea (I), A Coruña ( Hércules)1993, XVI, pp. 331-333.í
M. J. Ruiz Vázquez, 2002: M. J. Ruiz Vázquez, “Lodeiro”, en A. Pulido Novoa (dir.), Artistas Galegos Pintores. Realismos-Abstraccións, Vigo (Nova Galicia Edicións), 2002, pp. 130-171.
X. Seoane,1988: X. Seoane, “(Lodeiro)”, en (catálogo de exposición), Lodeiro, Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1988, 3 pp.