Parella
Esta escultura de Silverio Rivas, realizada en 1991, substitúe outra do mesmo autor que, coma esta, estaba situada cara a un lado diante da porta principal da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Que quixo facer Silverio ao propoñer e levar a cabo este cambio? En principio, a obra actual poderiamos dicir que interpreta a mesma temática que a anterior: mostrarnos unha parella, dúas figuras en pé, enfrontadas ou xuntas, unha á beira da outra, supostamente un home e unha muller.
Silverio Rivas, escultor informalista e pioneiro na escultura abstracta en Galicia, que traballou indiferentemente co bronce, a pedra e a madeira, comezou a súa formación na Escola de Artes e Oficios de Vigo cos mestres Luís Torras, Camilo Nogueira e Carlos Sobrino. Con todo, en 1969 obtivo unha bolsa da Deputación Provincial de Pontevedra e decidiu seguir a súa carreira na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos e no Círculo de Belas Artes de Madrid. Foi alí onde tivo a oportunidade de traballar no taller do tallista Francisco Barón (vid. X.A. Castro, 1985; J. M. García Iglesias 2005: 59-69; X. Seoane, 2019).
Xa na década dos setenta, regresou á súa terra natal para expoñer na sala Caixavigo, formar parte da Bienal de Pontevedra e participar na exposición Arte Nova de Galicia ideada polo Museo Carlos Maside de Sada, pero en 1972 decidiu trasladarse a París ata 1973 (B. Castelo, 1993: 225-227). A partir de 1979, para darse a coñecer internacionalmente, decidiu viaxar de maneira itinerante entre Bélxica, París e Holanda e finalmente instalouse na capital francesa onde abriu o seu propio taller.
Posteriormente, na década dos oitenta, pasou a formar parte do grupo Atlántica e colaborou en diversas exposicións colectivas, grazas ás cales a súa produción comezou a transitar entre España, Inglaterra e Alemaña (S. Penelas, 1993: 338-339). Xa en 1986, decidiu regresar a Vigo para traballar na canteira O Buraco ata 1992 e a partir deste ano mudouse a San Xoán de Páramos en Tui, onde instalou un novo taller. Foi nesta década dos noventa cando logrou a súa madurez artística e deuse a coñecer no mundo da escultura contemporánea española (A. Castro, 1993: 442).
Se na escultura anterior a proposta dun determinado título -Homenaxe a Giorgio dei Chirico (1974)- alude á achega dun determinado creador, poñendo en valor o seu interese pola pintura metafísica á que el, coa súa plasmación escultórica, outórgalle unha nova solución plástica, agora, xa nos noventa, o autor quere deixar patente o seu novo modo de facer, libre de innecesarias citas, facendo patente o seu amor e o seu saber con respecto á granítica pedra de Porriño. E como na súa achega anterior opta por un tamaño grande, emulador neste caso daqueles case tres metros de altura da peza anterior. Sobrias e rotundas, fortes no seu ser, dous grandes bloques, en disposición vertical sobre unha única peaña, tamén potente na súa forma, coma se se tratase dunha parella de menhires sustentados nunha mesma base.
É este o Silverio Rivas construtor, en Vigo, da Porta do Atlántico (1992) ou que propón e dispón un Ara Solis na Coruña, nas inmediacións da torre de Hércules, imaxinando, por que non, unha localización precisa para unha ofrenda ante o sol no seu adeus diario no golfo Ártabro.
Pero volvamos ao principio da relación entre Silverio Rivas e a Facultade de Económicas e Empresariais da USC: a súa Homenaxe a Chirico. Desta peza púxose en valor “a súa localización nun espazo aberto”, o que insire a esta escultura na monumentalidade, entendéndoa como “unha transcrición magnificada do mesmo conmocionante impulso que informa as súas obras máis ‘intimas’, vertidas noutros materiais… Trátase dunha unidade escultórica que resulta na síntese de dúas corporeidades. É evidente o antropomorfismo básico: dous corpos desposuídos de verosimilitude fisionómica, conducidos a unha pura cadencia de volumes, convoca, na pureza da súa última nudez, a contemplación dunha cópula que, neste caso, resulta infinitamente casta… a organicidade tende ao encontro, ao axuste e, en sentido de sublimación finalista, ao amor” (Gamoneda, 1981: 6). Tamén foi relacionado “como unha reinterpretación libre e orgánica da obra dos manequíns xemelgos do artista italiano Chirico -Héctor e Andrómaca- do artista italiano” (Sobrino, 1996: 142).
Estaría Silverio de acordo coas valoracións feitas sobre a súa Homenaxe a Chirico? Como se dixo, retira a peza en 1991 e pon no seu lugar esta. Agora, sen renunciar a nada, depura a súa linguaxe, faina totalmente súa, na madurez dunha escultura para a que o seu autor fixou uns novos límites… E, mentres que a peza primeira presentaba unha textura lisa e unhas formas moito máis redondeadas; a nova é de maiores dimensións, de textura rugosa e cuns perfís rectos, obra dun escultor que mira a arte desde o tratamento inmediato e directo daquel material que trata; por iso di así: “… se teño que realizar unha escultura non fago un bosquexo, deixo o primeiro impulso que se dá directamente sobre a materia. Como mellor funciona o meu diálogo coa materia é con ese primeiro impulso” (F. Otero, 2008: 51).
E, quizais, con esa substitución dunha obra por outra, Silverio sexa consecuente co seu particular modo de operar: “… non chega á realización de ningunha das súas formas sen un previo proceso de análise abstractiva, de maneira que variantes e innovacións sexan consecuencia da análise e mais o razoamento” (F. Pablos, 1989: 390). É, en definitiva, a concreción dun novo modo de operar, no curso da súa traxectoria plástica, o que o leva ao cambio.
Cabe, en definitiva, encadrar esta nova escultura no que maxistralmente escribiu X. Seoane con respecto ás obras deste momento: “Son pezas limpas, rotundas, espidas, que emanan a sinxeleza do que soubo facer unha lectura propia e esencializada do minimalismo e doutras tendencias destes tempos. De aí xorden esculturas sen retórica, sen demagoxia. Pezas directas, sen maqueta, coa maxia da espontaneidade lograda no drama arriscado de facelas en directo, sen rede” (X. Seoane, 1997). Pero, como chega a producirse a idea en Silverio de que era conveniente na súa traxectoria o cambio de estilo que se observa ao comparar as dúas parellas que, sucesivamente, sitúa ás portas da Facultade de Económicas?. El mesmo o explica cando se lle pregunta sobre que sentía ou que lle faltaba á súa obra: “A perfección da liña, algo difícil de explicar. Non tiña a tensión de Brancusi. Parecía que quedaba sen resolver, coma se escapase por moitas partes. Semellaba que algo quedaba inacabado no sentido de que había que engadir ou perfilar algo máis. Nese proceso de buscar a perfección é cando aparece a liña recta” (C. Vidal, 2005:193).
B.Castelo, 1993: B. Castelo Álvarez, “A escultura nas décadas do sesenta e setenta”, en Castro, X. A. (coord.), Galicia. Arte Contemporánea (I), A Coruña (Hércules)1993, XVI, pp. 225-227.
X.A. Castro, 1985: X. A. Castro Fernández, Expresión Atlántica. Arte Galega dos 80, Santiago de Compostela (Editorial Follas Novas), p1985, pp. 60-61, 119-121.
X.A. Castro, 1993: X. A. Castro Fernández, “Os anos noventa”, en X. A. Castro, (coord.), Galicia. Arte Contemporánea (I), A Coruña (Hércules)1993, XVI, p. 442
A. Gamoneda, 1981: A. Gamoneda, Silverio Rivas, A Coruña (Editorial Atlántico), 1981.
J. M. García Iglesias, 2005: J. M. García Iglesias, “Silverio Rivas”, en (catálogo de exposición) Silverio Rivas. Esculturas, Vigo (Centro Cultural Caixanova), 2005, pp. 59-69.
F. Otero, 2008: F. Otero Bouza, El arte y su entorno, Santiago de Compostela (Editorial Compostela, S.A., Fundación Caixa Galicia), pp. 50-51.
F. Pablos, 1989: F. Pablos, Plástica galega. Vigo (Caixavigo), 1981, pp. 390-391.
S. Penelas, 1993: S. Penelas Figuera, “Os anos oitenta” en Castro, X. A. (coord.), Galicia. Arte Contemporánea (I), A Coruña (Hércules)1993, XVI, pp. 338-339.
X. Seoane, 1997: X. Seoane, “Silverio Rivas. Crónica de silencios e reflexos dun artista secreto”, en (catálogo de exposición) Silverio Rivas. Reflexo na auga, Madrid (caja de Madrid), 6 pp.
X. Seoane, 2019: X. Seoane, Silverio Rivas, unha vida dedicada á escultura, Ponteareas (Concello), 2019.
M. L. Sobrino, 1996: M. L. Sobrino Manzanares, “Las últimas décadas”, en M. D. Vila Jato (coord.), El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Estudios, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia, 1996, p. 142.
C. Vidal, 2005: C. Vidal, “Silverio Rivas”, en D. Barro, C. Vidal, Voces de Atlántica, Vigo (Editorial Galaxia, Fundación Marco), 2005, pp. 189-197.