A Pasionaria / O galo
Emblemática peza, coñecida como "O Galo" ou "A Pasionaria". Mostra da súa imaxinativa e grandilocuente linguaxe, trátase dunha monumental invención, un ser imposible, fantástico, con certa aparencia prehistórica, produto da acumulación de elementos dispares. Características presentes nas obras de Camilo Otero como o humor ou a ironía, a mestura entre realidade e surrealismo ou o primitivismo, están presentes nesta peza, sobre a que o autor dixo que se trataba dunha síntese do Otero máis libre, auténtico e pasional e se lograba personificar o enxeño "neo-dadá con esquemas figurativos". O orixinal desta peza está realizado en madeira de carballo e atópase nun parque de Turín e enténdese dentro dunha etapa na que o autor realiza grandes figuras en madeira de formas rústicas e potentes.