Paisaxe
A construción da paisaxe a base de planos de cor e formas xeométricas dilúe as formas recoñecibles en favor dunha total abstracción. Lodeiro camiña cara a abstracción mediante unha orde ríxida de imaxes á vez que mantén a liña da interpretación tradicional dun contido lendario: a paisaxe. Os cadros desta época están traballados con espátula, aplicando reiteradamente capa de cor, cun modo de traballo calculado, metódico, movido pola atracción que Lodeiro tiña pola idea de racionalidade e orde, por confinar estruturas claramente diferenciadas nun exercicio máis intelectual que físico do acto creativo. Utiliza como carga o pedramol para texturizar unha cor que penetra no mecanismo psicolóxico do espectador e que o autor utilizará como sistema universal da comunicación.