Portada da Real Universidade (actual Facultade de Xeografía e Historia)

Ramón Núñez
José Manuel García Iglesias

A ampliación da Real Universidade, cun andar máis, outorgoulle un novo sentido á súa portada. Así a orixinaria -que segue a opción proposta por José Pérez Machado en 1799, con esculturas de José Ferreiro (1803)- é alterada desde o proxecto datado en 1889 e asinado por Ricardo Velázquez Bosco, levado a cabo entre 1894 e 1906. No relativo a esta portada cabe supoñer un papel relevante do propio Montero Ríos como mentor, en tanto que será Ramón Núñez quen se encarga do programa escultórico, datado en 1902.

Un relevo alusivo a Minerva -ou “a Sabenza coroando a mocidade estudosa”- , entre medallóns que nos mostran a Diego de Muros e Alonso de Fonseca, acompáñase de figuras en pé que representan a Lope Gómez de Marzoa, Álvaro de Cadaval, Conde de Monterrey (Manuel Acevedo y Zuñiga) e Juan de Ulloa. Todo isto coróase co escudo real entre portadores.

Así se entende esta Real Universidade a finais do século XIX : “… nuevo palacio de Minerva, que este siglo XIX, en sus postrimerías, lega a esta ciudad como fórmula y expresión de su concepto científico, al siglo XX que se aproxima…” (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, 1894, p. 27). Ata entón considerábase, aludindo á súa primeira altura, que, “El claustro superior nada tiene de particular, y en él están la Biblioteca, el Archivo, la Secretaría, la Sala de claustro, la excárcel y las cátedras de Física Experimental e Historia Natural, ambas desempeñadas por profesores de conocido mérito” (A. Neira de Mosquera, 1845, p. 251. Sobre a Historia Natural, en relación con esta Universidade, vid. A. Bugallo Rodríguez, 2003).

A insuficiencia espacial do edificio da Universidade aconsellou que, contando co apoio de Eugenio Montero Ríos, Ministro de Fomento por 1885, se puidese expor unha ampliación da devandita construción engadíndolle unha altura máis (Vid. M. Barral Martínez, 1998, pp. 203-228; M. Barral Martínez, E. García López, 1999; R. Villares, 2003, pp. 479, 502-504; M. Barral Martínez, 2006). Isto supoñía, entre outras cuestións, remodelar a fachada. Ricardo Velázquez Bosco encárgase do proxecto correspondente en 1887 (J. A. Sánchez García, 1996, p. 56); atende ao que se expresa na R. O. do 4 de febreiro de 1887: “… para que procediese al estudio y formación de un proyecto para la construcción del segundo cuerpo de esta Universidad y obras indispensables para la consolidación del establecimiento” (A. Milón y Reales, 1888, p. 4). O tema dáse a coñecer en Santiago por 1889; é entón cando se informa diso na Gaceta de Galicia, 15, V, 1889 que se remite ao que se di en El País Gallego.

O proxecto de Ricardo Velázquez Bosco leva a suprimir o conxunto realizado por José Ferreiro dispoñendo na parte da portada, nun alzado asinado e datado en 1889, como fronte da segunda planta un programa constituído por un relevo no centro, tamén alusivo a Minerva; aos seus lados, dous medallóns e, nunha posición máis adiantada, catro figuras en pé, situándose entre cada dous os citados medallóns. Mais arriba, ante a cuberta, pode verse un escudo real entre portadoras femininas (X. Fernández Fernández, 1996, p. 127). Este proxecto ía ser altamente debatido na Compostela da época. Defendían esta opción tanto o Concello como A Real Sociedade Económica de Amigos do País que, ademais, propoñía que se mantivese o conxunto de Ferreiro no novo coroamento do edificio (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, 1894, pp. 27-29).

A opinión da Sociedade Económica exprésase, nesta orde de cousas, do seguinte modo: “…ha quedado a la discreción de la Academia de Bellas Artes de San Fernando, la designación, que ha de verificar aún de los temas de la rica decoración escultórica del ático, que el arquitecto solo ha puesto en el plano como indicación, y para cubrir un hueco, conviene que la Sociedad Económica, interpretando, sin duda alguna, el sentimiento de todos, se dirija respetuosamente a la docta Academia, para que, si dificultades de la composición general no lo impiden, comprenda en el proyecto las estatuas de Minerva y Genios que, sobre acroteras, rematan actualmente el frontispicio, y con las que puede formarse, hasta con mejora de precio de las restantes esculturas, el grupo de la coronación que figura en el presupuesto. De esta suerte, continuará erguida sobre la cumbre del monumento, la estatua que nos es tan conocida y simpática de la Diosa de las Ciencias, como recuerdo del gran Ferreiro, y eslabón entre lo pasado y lo futuro, por un símbolo venerado, que hace que tenga en Santiago un significado más propio que en ninguna otra Universidad, la expresión de hijos de Minerva” (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, 1894, pp. 27-28. Disto faise eco a Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 10, V, 189; relaciónase aquí o escrito co director da Sociedade Económica, Joaquín Díaz de Rábago).

Deféndese a reforma, tamén, desde as páxinas da Gaceta de Galicia, Diario de Santiago: “La gente timorata y pusilánime que no ha visto más allá de las brumas del Pedroso, cree un atentando la transformación radical del pasado…”. E, curiosamente, entre as razóns que se aducen para a obras, cítase que “… el despacho del secretario general está colocado en un pasillo que apenas sí tendrá dos metros y medio en cuadro”. Tampouco deixa de ser significativo o peche do artigo, ao “… tributar al modesto hombre de estado (Montero Ríos) su felicitación más entusiasta que hace extensiva al Sr, Vicenti director general de Instrucción pública, a nuestro diputado Sr. García Prieto y al rector Sr. Teijeiro…” (Gaceta de Galicia, Diario de Santiago, 27, VI, 1893). Tal postura favorable mantense no tempo (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 7, X, 1893, 21, VII, 1894).

En tanto se manifestaban en contra “… el periódico carlista, El Pensamiento Gallego y, también El Alcance, y El Globo, igualmente contrarios a la modificación como también una parte de los estudiantes universitarios, lo que se argumenta, desde El Diario de Pontevedra, que obedece a motivos políticos, y alguna persona relevante como ‘el catedrático de la Universidad Sr. Carracido’, exponiendo su parecer en el ‘Ateneo de Madrid’, algo que, visto desde la Gaceta, lo hace manipulado por los intereses regionalistas” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 2, VII, 1893; 15, XI, 1893 e 19, XI, 1893; 20, II, 1894; 3, III, 1894). Con todo, o que estes propoñían non era outra cousa senón que se fixese a ampliación construíndo un edificio máis ( J. A. Sánchez García, 1996, pp. 56-59). Tamén se debate o tema na Deputación da Coruña (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 7, IV, 1894; 12, IV1894; 12, IV, 1894; J. A. Sánchez García, 1996, pp. 56-59). Igualmente faise unha manifestación en Santiago “para protestar contra el acuerdo de la excelentísima Diputación provincial de pedir al ministro de Fomento la supresión de las obras de la Universidad” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 1, V, 1894).

Estamos, en todo caso, ante un edificio que se recoñece entre os certamente importantes en Compostela. Iso leva, por exemplo, a que en 1892 o pintor Mateos lle dedique unha vista á súa fachada principal na que se testemuña a grandeza da súa portada e, concretamente, do seu remate, que se defende desde as páxinas de El Globo, aludindo ao que o devandito conxunto ten de modélico, algo ao que haberá de enfrontarse unha vez máis a Gaceta de Galicia (19, XI, 1893). Por outra banda, exponse para a fachada unha opción alternativa que o arquitecto italiano Augusto Guidini plasma no correspondente proxecto; desde esta opción o programa escultórico neoclásico mantiña a súa posición orixinaria (J. A. Sánchez García, 1996, pp. 57, 59).

Os contratistas da obra da Universidade, os señores Estévez Troncoso e Bouzón anuncian en novembro de 1893 a súa chegada a Santiago para o comezo desta ampliación (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 4, XI, 1893). En tanto, o ministro de Fomento nomea ao arquitecto municipal Daniel G. Vaamonde arquitecto-director das obras da Universidade (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 10, XI, 1893); comezaron en 1894 e concluiríanse en 1906 (A. Milón y Reales, 1909, p. VI). Iso vai supoñer, nun principio, a chegada de moitos carros de pedra desde a canteira da Escravitude (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 3, III, 1894). Vincúlase, dun modo moi directo, a formulación da obra con Montero Ríos. Así, a prensa local recoñéceo como o único impulsor, o responsable do seu ideario e o seu iniciador (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 7, XII, 1891). Nesta mesma liña de apoio a esta reforma, a Gaceta de Galicia anuncia que os seus abonados reciben unha copia dos planos das obras proxectadas na Universidade cun dos seus números (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 18, I, 1894).

Rodríguez Seoane, na inauguración do curso 1895-1896, manifestaba “aquella ansia que como la del pueblo de Israel nos domina de ver nuestro templo reedificado, de ver erguida en alto nuestra protectora Minerva” (L. Rodríguez Seoane, 1895, p. 8; R. Otero Túñez, 1957, p. 8). Nese momento vai ser crucial o apoio que o ministro de Fomento, Aureliano Linares Rivas, fai á continuidade da obras sendo, como se dixo, Daniel Vaamonde, o arquitecto municipal, director delas (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 5, III, 1896 e 7, III, 1896). A cuestión do adorno superior da portada universitaria vai ser debatida ata pouco antes de ser concretada; hai constancia de que o arquitecto director da Universidade, Arturo Calvo, aínda “discute” co reitor Romero Blanco, en 1897, a ornamentación da fachada principal, como son estatuas e outros elementos (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 7, VIII, 1897).

Parece, pois, que naquel momento primaba a idea de manter á deusa no alto do edificio. Con todo, o proxecto de Ricardo Velázquez Bosco, de 1889, vai ser o que se levará a cabo sen cambio ningún. É moi posible que na perseveranza nese programa iconográfico fose determinante a opinión de Montero Ríos, o que contribúe a explicar que non se fixese ningún tipo de modificación. Lembremos que é valorado como “responsable do seu ideario” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 7, XII, 1891).

Así pois, o que fai Ramón Núñez -quen figura como socio na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago-, cando se encarga das esculturas da renovada portada universitaria é materializar, seguindo o proxecto, uns contidos que estaban xa apuntados na proposta que fixera Ferreiro -un contido heráldico e a presenza de Minerva-, con outro desde o que se fai mención á historia universitaria compostelá a través da presenza dalgún dos personaxes máis ilustres. Ramón Núñez figura como profesor de “Modelado e Baleirado” na Escola de Artes e Oficios de Santiago desde 1894 ata 1911. Desde 1903, tamén o é de “Labra Artística en pedra e madeira” (J. Sousa, F. Pereira, 1988, pp. 143-144).

Neste sentido, hai que dicir que o arquitecto proxecta a presenza dun único escudo ocupando, neste caso, a parte superior da edificación, agora alzada, substituíndo os leóns de outrora por portadoras femininas, dispostas de forma sedente. Débese ter en conta, ademais, que se suprimen, con respecto ao plan anterior, os que quizais debían de aludir a Galicia e á propia Universidade para deixar todo o protagonismo ao real, con coroa real pechada, na forma recoñecida como “Escudo pequeno” e co escudón propio da Casa de Borbón-Anjou, así como co Toisón de Ouro.

Tamén se cambia o modo de entender a Minerva, agora nun apaisado relevo de notables dimensións; así, nun espazo interior, aparece acompañada de cinco personaxes -tanto como os nenos do conxunto anterior-, coroando a un deles, co que cabe deducir que se mantén, no fundamental, a idea anteriormente desenvolvida por Ferreiro.

A escena relativa a Minerva, entendeuse como “a sabedoría coroando á mocidade estudosa” (R. López e López, 1920, p. 114 ; C. Pérez Bustamante, S. González García-Paz, 1934, p. 80). A deusa, de perfil, preséntase sedente, cuberta co seu casco e cunha rama de loureiro -símbolo da vitoria e do triunfo- sobre o colo e cunha coroa, tamén de loureiro, que alza para coroar a un dos tres mozos que están perante dela. En tanto, outros dous, á beira da deidade, contemplan a escena. Se se compara a solución final e a imaxe previa, no alzado de Velázquez Bosco hai diferenzas na localización dos personaxes -alí Minerva ten unha posición máis central, gardándose para toda a figuración do grupo unha maior proporcionalidade-. Tamén Núñez crea, para concibir o conxunto, o interior dunha arquitectura de formas clásicas, o que non deixa de ser unha alusión ao propio espazo universitario.

Cabe poñer en relación, quizais, o número dos personaxes que están nese suposto templo de Minerva cos estudos universitarios composteláns que, tras o Plan Moyano (1857), e á altura de 1889, concretábanse na existencia de cinco facultades xa que, desde 1867, suprimiuse a propia de Teoloxía por decisión de Manuel Orovio, entón Ministro de Fomento (X. R. Barreiro Fernández, M. A. Cendón Amado, M. X. Souto Branco, 2002,. 327-338, 459). Das cinco facultades, terían a condición de maiores as de Medicina, Dereito e Farmacia; e dúas menores: Ciencias e Filosofía e Letras (L. Fernández Prieto, 1995, p. 437; sobre a consecución dun rango maior para os estudos de Ciencias e Filosofía e Letras, vid. I. Varela González, 1989, pp. 34-38). Non é cuestión menor que, dun modo ou doutro, se faga mención ao número de facultades e á súa condición, sobre todo no momento no que o proxecto toma a súa forma definitiva. Debe terse en conta, neste sentido, que á altura de 1899 chega a Compostela a noticia de que se pensa suprimir ou ben a facultade de Dereito de Santiago ou ben a de Oviedo (sobre a evolución histórica desta Facultade vid. F. Puy Muñoz , 1997, páxinas 121-137). Iso dá lugar a un texto escrito por Alfredo Brañas -Exposición de la Ciudad de Santiago de Galicia a las Cortes del Reino-; localízase nos fondos do Arquivo Municipal do Santiago, no cartapacio Universidade. Antecedentes Varios 1834-1899 (I. Varela González, 1989, p. 115). Tamén hai unha importante resposta popular en toda Galicia (I. Varela González, 1989, pp. 15-20).

Os demais contidos figurativos están constituídos pola presenza de seis personaxes: dous tallados en pedra, en medallóns, gardando en certa maneira a ese templo de Minerva coroando aos mozos e catro en pé dispostos en liña coas columnas xónicas que estruturan a portada; concíbense, neste caso, para ser concretados en cemento, algo certamente novo naquel momento. As obras de mellora realizadas nas cubertas deste edificio nos anos 2013-2014 permitiron valorar de preto tanto estas estatuas, certamente deterioradas, como a parte heráldica superior. O escultor traballou a parte máis externa do conxunto dándolle un especial protagonismo na composición do cemento á area; deste xeito o acabado aproxímase visualmente máis ao que tería de ser concibido en pedra. Hai que dicir que pouco tempo antes, o mesmo escultor fora o responsable dos monumentos funerarios da capela de D. Lope, ou da Comuñón, na Catedral, utilizando nese caso o mármore. (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 21, III, 1899).

Á hora de facer a selección dos personaxes é indubidable que se partiu da historia universitaria compostelá, tendo moi en conta as liñaxes incorporadas en tres dos cuarteis do escudo oficial da Universidade compostelá -Marzoa, Muros e Fonseca- que están aquí mostrados desde figuras concretas, tamén presentes por medio dos seus nomes nas paredes do Paraninfo, que por entón existía na planta baixa deste mesmo edificio, na parte central do seu lado oriental. Sabemos que por 1885, no devandito espazo podíanse ver “… en tarjetones ovalados los nombres de los fundadores del Estudio público de humanidades Diego de Muros, obispo; Diego de Muros, deán; Lope Gómez de Marzoa, todos con la fecha de 1501; el del catedrático Pedro de Victoria (1503); el del fundador de la universidad, D. Alonso de Fonseca (1525); el de Santo Toribio de Mogrovejo (1568); el del conde de Monterrey….(1610); en fin, el del insigne maestre de la santa iglesia catedral D. Diego Juan de Ulloa, rector y visitador regio (1751)…” (J. M. Fernández Sánchez, F. Freire Barreiro, 1895, p. 232). Á hora de seleccionar entre os oito personaxes alí evocados, tivéronse en conta cinco dos anteriormente apuntados e prescindiuse, de “Diego de Muros bispo” -é dicir, Diego de Muros II, bispo de Canarias-, Pedro de Vitoria e Toribio de Mogrovejo. O sexto elixido, Alonso de Cadaval, non figuraba entre os citados anteriormente (Vid. J. J. Viñas, 1857, p. 7; J. Pardiñas e Villalobos, 1887, pp. 32-34; J. F. Ogando Vázquez, 1971, pp. 220-221; M. C. Díaz e Díaz, 1996, pp. 323-359; J. García Ouro, M. J. Porte Silva, 1996, pp. 303-355; F. López Alsina, 1998, pp. 828-829); o seu nome extraeuse de quen asina a inscrición, datada en 1544, que percorre o patio do Colexio de Fonseca (Vid. J. J. Viñas, 1857, pp. 12-13; J. M. Fernández Sánchez, F. Freire Barreiro, 1885, p. 216; A. Milón y Reales, 1895 p. 113; A. Fraguas Fraguas, 1995, p. 121).

A seguinte cuestión foi considerar o modo de situalos. Neste plano, dispóñense nos medallóns dous bustos que se corresponden con personaxes eclesiásticos. No da dereita presentarase a Diego de Muros deán -é dicir, Diego de Muros, deán de Santiago e posteriormente bispo de Mondoñedo e Oviedo-, aludíndose, de tal modo, á fundación da tamén denominada “Escola Compostelá”, tal como se apunta nun epígrafe incorporado a un retrato deste personaxe realizado por Plácido Fernández Arousa en 1816 (E. Fernández Castiñeiras, 2007, pp. 38-40). E no da esquerda, a quen se nos mostra é a Alonso III de Fonseca, fundador do Colexio de Santiago Alfeo. Deste xeito, estes dous personaxes, que se vinculan máis directamente coa escena de Minerva, fan alusión ao papel dos eclesiásticos na posta en marcha, en dous momentos distintos, dos estudos universitarios en Compostela.

En tanto, os catro personaxes, vestidos desde criterios historicistas e que se mostran en pé, deben entenderse como representantes, máis ben, da sociedade civil, con independencia de que un deles, Diego Juan de Ulloa, teña a condición de ser eclesiástico (M. Taín Guzmán 1998, pp. 321-357). Gardan unha orde cronolóxica se os contemplamos de esquerda a dereita: D. Lope Gómez de Marzoa e D. Álvaro de Cadaval, a un carón; o Conde de Monterrey e D. Diego Juan de Ulloa, ao outro.

Marzoa significa a participación dun personaxe civil na escola fundada nun primeiro momento. Con Cadaval alúdese, en tanto, a quen exerce o maxisterio e senta cátedra en Compostela (M. C. Díaz y Díaz, 1996, pp. 326-359). O mesmo declárase que “hes hombre libre hijodalgo y no tiene muger ni otro embarazo” (M. C. Díaz y Díaz, 1996, p. 328); é Mestre na Universidade de Santiago en 1542, tras ser contratado polo reitor do Colexio Lope Sánchez de Ulloa. Aquí exerceu cátedra “uns vinte anos”. En 1571 encárgaselle, aínda, a oración da festa de San Lucas (M. C. Díaz y Díaz, 1996, pp. 330-333). Desde o que del se coñece, foi valorado como “Hombre soberbio y vanidoso, quizás fosco y ligeramente misántropo, reacio a mantener relaciones con gentes que él no consideraba superiores, aspiraba sólo a amistades con grandes personajes de los que gustaba luego alardear con mayor o menor fundamento” (M. C. Díaz y Díaz, 1996, p. 340).

A relación desta Universidade co Conde de Monterrey baséase en que, sendo este sobriño de Alonso de Fonseca, é quen, como patrón do Colexio de Santiago Alfeo, vai desempeñar un certo papel en que se constitúa como universidade real (S. Cabeza de León, 1931, pp. 204-205; X. R. Barreiro Fernández, 1998, pp. 79-102); será no seu tempo, por 1553, cando se concretan unhas Primeiras Ordenanzas. Xa en 1555, o Goberno da nación intervén na dirección da Universidade, mediante a visita do Dr. Cuesta (A. Milón y Reales, 1895, pp. 114-115); e, convocado polo visitador, non acudirá á cita. Figura, en todo caso, entre as persoas cuxa asistencia era obrigatoria no claustro ordinario por 1566 (A. Milón y Reales, 1895, pp. 116-117). Nesta portada, o Conde de Monterrey ao que se fai mención ha ser quen ostenta o título por 1610, ano no que “… ofreció dotar algunas cátedras de esta rama (Medicina) con el producto de varios beneficios eclesiásticos de que era patrono…” (J. J. Viñas, 1857, p. 21. Tamén en V. de la Fuente, 1887, III, pp. 141-142). Ademais, esa é a data que se vinculaba con este conde na cartela que, a modo de aclamación, facía mención ao seu nome no antigo paraninfo. Trátase, pois, do VI Conde de Monterrey, Manuel de Acevedo y Zúñiga (1586-1653), tamén coñecido como Manuel de Fonseca y Zúñiga ou Manuel de Zúñiga y Fonseca.

Por último, a presenza de Diego Juan de Ulloa debe entenderse, tamén, desde o que del se dicía no vello paraninfo: “rector y visitador regio (1751)”. A aludida data é a que se corresponde co Real Proxecto que se vincula á súa persoa e que orienta os estudos composteláns por novas vías universitarias (Vid. P. L. Gasalla, P. Saavedra, 1998, pp. 295-339). A figura de Diego Juan de Ulloa resulta, en todo caso, clave á hora de construírse este edificio e dar renovados horizontes a esta Universidade. Desde a súa condición de Visitador Real, indica que “… se me mandó por otro Capitulo del Real proyecto redificase la Universidad, y Colegios, y consultase sobre alargar el Patio. Hizelo de la redificación de que di quenta, y quanto al patio, y Aulas aunque se hizo lo que se pudo siempre es todo ello corto para Universidad. y Colegio mayormente ahora que an crecido el Numero de Colegiales, para los quales es necesario toda su extensión, y no haviendo a el contiguo donde estenderse me ha parecido preciso favricar una nueva obra para sola la Universidad que puede ser de las mejores de España, y lo es ya oy en el numero de estudiantes, haviendo en ella mas que en la de Salamanca y Valladolid, y le sobra en cada año caudales desde la forma, y execucion del Real proiecto para subportar cualesquiera gesto que tenga esta obra encomendandola a quien sepa dirigirla, y dandole facultar Real para comprar y hacer vender a tasacion el sitio que sea preciso que vien inmediato le ay… Santiago 29 de febrero de 1764….” (F. Pérez Rodríguez, M. Mandianes Castro, 1998, p. 736).

O albor do XX mostraba, con estas catro estatuas no alto da portada, un aleccionador achegamento a unha historia varias veces centenaria. E é que Marzoa significa o inicio dun acontecer, a datar nas postrimerías do XV, en tanto que Cadaval, desde o XVI, supón o recoñecemento ao seu saber e á súa docencia en Fonseca. No que respecta ao Conde de Monterrey, Manuel de Acevedo y Zuñiga, leva xa no XVII o acrecentamento en medios dunha Universidade á que o XVIII, e Diego Juan de Ulloa, outorgaralle a estrutura conveniente, acorde co seu tempo, aquel no que os estudos universitarios composteláns se asentan neste espazo, entón construído e agora acrecentado.

Unha cuestión máis á hora de aproximarnos á forma e intencionalidade primeira deste novo conxunto figurativo da portada; trátase de valorar o seu acabado orixinal. As citadas obras feitas nas cubertas recentemente (2013-2014), permitiron valorar o feito de que tanto a escena de Minerva como os medallóns tiñan un acabado en branco, co cal se buscaba con iso unha factura de orde clásica. Que sucedeu cos personaxes en pé, concretados en cemento? É moi posible que, nun principio, se pensase noutro tipo de acabado para estas imaxes que inicialmente puideron exporse para seren feitas en pedra, como a antiga e agora destronada Minerva, ou ben en bronce, como o foi a imaxinería sita no remate do Ministerio de Fomento en Atocha, obra, tamén, de Velázquez Bosco levantada por 1893-1897. A solución definitiva en cemento imitando pedra, pode xustificarse en base a uns condicionamentos económicos que limitaban a concreción da obra, aínda cando unha terminación en cor bronce -como sucede nalgunha obra en cemento de Ramón Núñez- ben puido ser valorada (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 80-91).

M. Barral Martínez , 1998: M. Barral Martínez, "O mecenado de Montero Ríos na universidade de Santiago", Semata, 10 (1998), pp. 203-228.

M. Barral Martínez , 2006: M. Barral Martínez, “A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. A institución no século XX”, en (catálogo de exposición) Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela/1784-2006, Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), 2006, pp. 81-99.

M. Barral Martínez,, E. García López, 1999: M. Barral Martínez,, E. García López, (ed.), Discursos parlamentarios de Montero Ríos na restauración borbónica (1874-1923), Santiago de Compostela ( Escola Galega de Administración Pública), 1999.

X. R. Barreiro Fernández, 1998: X. R. Barreiro Fernández, “A fase fundacional (1495-1550)”, en X. R. Barreiro Fernández (dir.), Historia da Universidade de Santiago de Compostela, II, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1998, pp. 79-102.

X. R. Barreiro Fernández, M. A. Cendón Amado, M. X. Souto Blanco, 2002: X. Barreiro Fernández, M. A. Cendón Amado, M. X. Souto Blanco, “O Século XIX”, en BARREIRO, X. R. (dir.), Historia da Universidade de Santiago de Compostela, II, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2002.

A.Bugallo Rodríguez, 2003: A. Bugallo Rodríguez, O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago (Parlamento de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela), 2003.

S. Cabeza de León, 1931: S. Cabeza de León, “O Conde de Monterrey e a Universidá de Sant-Yago”, Boletín de la Real Academia Gallega, XX, 235-240 (1931), pp. 205-212.

M. C. Díaz y Díaz, 1996: M. C. Díaz y Díaz, “Álvaro de Cadaval, primer latinista de la Universidad de Santiago: Unas notas”, Cuadernos de estudios gallegos, 43, 108 (1996), pp. 323-359.

E. Fernández Castiñeiras, 2007: E. Fernández Castiñeiras, “O retrato. Un xénero na vida universitaria”, en (catálogo de exposición) Sigillum Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 33-47.

X. Fernández Fernández, 1996: X. Fernández Fernández, Arquitectura del Eclecticismo en Galicia (1875-1914). Vol II. Edificación del ferrocarril, escolar y de recreo, La Coruña (Universidade de A Coruña ), 1996.

L. Fernández Prieto, 1995: L. Fernández Prieto, “La Universidad de Santiago en el siglo XX: de la Universidad de élites a la Universidad de masas”, en (catálogo de exposición), Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, pp. 436-443.

J. M. Fernández Sánchez, F. Freire Barreiro, 1885: J. M. Fernández Sánchez, F. Freire Barreiro Guía de Santiago y sus alrededores, Santiago (Imprenta del Seminario Conciliar), 1885.

A.Fraguas Fraguas, 1995: A. Fraguas Fraguas, O Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago), 1995.

V. de la Fuente, 1887: V. de la Fuente, Historia de las Universidades, colegios y demás establecimientos de enseñanza en España, Madrid (Imprenta de la Viuda e Hija de Fuentenebro), 1887, T. III. Cuenta con una reimpresión: Frankfurt am Main (Sauer & Auvermann), 1969-1975.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

J. García Oro, M. J. Porte Silva, 1996: J. García Oro, M. J. Porte Silva, El Maestro compostelano Álvaro de Cadaval: breve historia de un embajador literario entre Galicia y Portugal”, Compostellanum, 41, 3-4 (1996), pp. 303-355.

P. L. Gasalla, P. Saavedra, 1998: P. L. Gasalla, P. Saavedra, “Debates renovadores. Do plano de estudios de 1772 ó de 1872”, en X. R. Barreiro (dir.), Historia da Universidade de Santiago de Compostela, I , Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1998, pp. 397-477.

F. López Alsina, 1998: F. López Alsina , “Marzoa, Melgar, Muros, Fonseca: de la escuela medieval al estudio universitario en Galicia”, Compostellanum, 43, 1-4 (1998), pp. 797-850.

R. López y López, 1920: R. López y López, Santiago de Compostela: Guía del peregrino y del turista, Santiago (Tip. de El Eco Franciscano), 1920.

A.Milón y Reales, 1888: A. Milón y Reales, “Introducción”, Memoria estadística del curso 1885 a 1886 y 1886 á 1887, Santiago (Imprenta de José M. Paredes), 1888, pp. 3-9.

A.Milón y Reales, 1895: A. Milón y Reales, “Universidad de Santiago”, Boletín Oficial de la Dirección General de Instrucción Pública, 3 (1895), Madrid (Tipografía de los Hijos de M. G. Hernández), 1895, pp. 107-152.

A.Milón y Reales, 1909: A. Milón y Reales, “Ligera reseña histórica de la Universidad Compostelana”, en Memoria acerca del estado de la Universidad de Santiago en el curso de 1907 a 1908, Santiago de Compostela (Establecimiento tipográfico de José Mª Paredes), pp. IV-IX.

A.Neira de Mosquera, 1845: A. Neira de Mosquera, “La Universidad de Santiago”, Seminario Pintoresco Español (18, V, 1845), pp. 153-155. Se cita desde …Santiago de Compostela (Ara Solis. Consorcio de Santiago), 2000, pp. 249-254.

J. F. Ogando Vázquez, 1971: J. F. Ogando Vázquez, “Un gallego maestro insigne en Coimbra. Francisco de Caldas Pereira y Castro, Boletín Auriense, 1 (1971), pp. 215-269.

R. Otero Túñez, 1957: R. Otero Túñez, El escultor Ferreiro (1738-1830), 10ª Exposición del Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, Santiago de Compostela (Tip. Seminario), 1957.

J. Pardiñas y Villalobos, 1887: J. Pardiñas y Villalobos, Breve Compendio de los Varones Ilustres de Galicia, La Coruña (Andrés Martínez-Editor), 1887.

C. Pérez Bustamante, S. González García-Paz, 1934: C. Pérez Bustamante, S. González García-Paz, La Universidad de Santiago (el pasado y el presente), Santiago de Compostela (Universidad de Santiago), 1934.

F. Pérez Rodríguez, M. Mandianes Castro, 1998: F. Pérez Rodríguez, M. Mandianes Castro, “El proceso constructivo de la fachada principal de la Universidad de Santiago, 1790-1805: su arquitectura y escultura”, Cuadernos de Estudios Gallegos, 45, 110 (1998), pp. 195-232.

F. Puy Muñoz, 1997: F. Puy Muñoz, “Los estudios de Derecho en Compostela. Una mirada al pasado pensando en el porvenir”, Dereito, 6 (1997), pp. 121-137.

L. Rodríguez Seoane, 1895: L. Rodríguez Seoane, Discurso inaugural del Curso académico de 1895 a 1896, Santiago (Universidad Literaria de Santiago. Imprenta de José M. Paredes), 1895.

J. A. Sánchez García, 1996: J. A. Sánchez García, “ De la reforma de Montero Ríos al Estatuto de Autonomía”, en M. D. Vila Jato (coord.), El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela, Estudios, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela-Parlamento de Galicia), 1996, pp. 56-79.

Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, 1894: Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, Las obras de la Universidad de Santiago, Santiago de Compostela, 1894 (Estab. Tipog. De José M. Paredes) , 1894.

J. Sousa, F. Pereira, 1988: J. Sousa, F. Pereira, Historia de la Escuela de Artes y Oficios de Santiago de Compostela 1888-1988, La Coruña (Excma. Diputación Provincial de La Coruña), 1988.

M. Taín Guzmán 1998: M. Taín Guzmán, “La biblioteca del canónigo maestrescuela Diego Juan de Ulloa, impulsor del Barroco compostelano”, Sémata, 10 (1998), pp. 321-357.

I.Varela González, 1974: I. Varela González, "Universidad", Gran Enciclopedia Gallega. XXIX (1974), pp. 187-193.

I.Varela González, 1989: I. Varela González, La Universidad de Santiago, 1900-1936. Reforma universitaria y conflicto estudiantil., Sada, A Coruña, (Ediciós do Castro) 1989.

R. Villares, 2003: R. Villares, “La ciudad de los “dos apóstoles” ”, en E. Portela Silva, Historia de la ciudad de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Concello de Santiago, Consorcio de Santiago, Universidade de Santiago de Compostela), 2003, pp. 477-557.

J. J. Viñas, 1857: J. J. Viñas, 1857, “Breve reseña de la Universidad de Santiago por el actual Rector de la misma”, ANUARIO (1857), pp. 5-50.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000884
Autoría: Ramón Núñez
Título: Portada da Real Universidade (actual Facultade de Xeografía e Historia)
Temas: 
Arquitecturas e edificios
Data: 1902