Portada do Colexio de San Xerome - Reitoría

José Manuel García Iglesias

Esta portada procede do Hospital Vello, sito na Acibecharía, que se utilizará tamén para tarefas colexiais auspiciadas por Alonso III de Fonseca. En 1522 a súa advocación é a do “Glorioso Apóstolo Santiago o Maior” quen se presenta a un lado desta portada, tendo á súa beira a Xoán Evanxelista, o seu irmán, e a Francisco de Asís. Enfronte están Pedro, Paulo e Domingo de Guzmán.

As armas dos Fonseca, termadas por un anxo, valen como asento á figura da Virxe, que centra o tímpano entre o arcanxo Miguel e santa Catarina. Na arquivolta, culminada por unha representación de santa Ana, tamén se representan as santas María Salomé, María Cleofás, María Magdalena e Lucía, ademais de doutores -Xerome, Agostiño, Gregorio Magno e Ambrosio- e de diáconos -Lourenzo e Estevo-. O nome de Colexio de San Xerome será o que teña a partir de 1555.

Algo estaba a mudar en Compostela cando, en 1495, Lope Gómez de Marzoa recibe en cesión o antigo mosteiro de San Paio do abade de San Martiño para fundar alí un Colexio de Estudantes Pobres (entre outros, P. Saavedra, 2007, p. 120). A idea de apoiar a docencia púxose en marcha, pero aquela empresa morreu cando apenas iniciara a súa andaina e, xa en 1501, Gómez de Marzoa con Diego de Muros II, bispo de Canarias, e Diego de Muros III, deán de Santiago, constituirían un Estudo Xeral, coñecido como o Estudo Vello, agora nunha casa da Rúa Nova (M. P. Rodríguez Suárez, 1995, p. 118. Vid. A. López Ferreiro, 1885, pp. 479-493; X. R. Barreiro Fernández, 1991, pp. 132-137). O devandito espazo correspondíase cunha casa familiar do bispo de Canarias, Diego de Muros (M. P. Rodríguez Suárez, 1996, I, p. 18).

Neste mesmo sentido, o Hospital Vello, sito nun solar ocupado na Acibecharía onde actualmente se encontra o Mosteiro de San Martiño Pinario nas inmediacións dos xardíns episcopais, vai supoñer unha achega espacial máis ao ser utilizado para tarefas colexiais, neste caso auspiciadas por Alonso III de Fonseca (Vid. J. J. Viñas, 1857, pp. 8-9; V. de la Fuente, 1885, p.172; J. Pardiñas y Villalobos, 1887, pp. 60-62; A. Milón y Reales, 1895, p. 110; I. Millán. 1945, pp. 22-23; X. R. Barreiro Fernández, 1991, pp. 145-147; F. López Alsina, 1998, pp. 830-850); a súa finalidade particular era a de formar sacerdotes. A escritura correspondente alude a que as rendas do Hospital da Acibecharía fosen para a dotación de “… preceptores, lectores y estudiantes pobres que estudiasen y supusiesen ciencia y doctrina, con ella sirviesen a Nuestro Señor y administrasen los Santos Sacramentos, é hiciesen lo que incumbe a buenos clérigos y sacerdotes” (A. Milón y Reales, 1895, p. 11). Estamos agora en 1522 (Vid. X. M. García Iglesias, X. M. Monterroso Montero, 2000, pp. 17-22 ). A advocación primeira para el será, como se dixo, a do Glorioso Apóstolo Santiago o Maior (M. P. Rodríguez Suárez, 1996, p. 19; F. López Alsina, 1998, pp. 833-834). Na súa portada figuran as armas dos Fonseca, termadas por un anxo. Desde tal lugar, central no conxunto da porta, a evocación ao fundador resulta evidente (Vid. J. M. García Iglesias, X. M. Monterroso Montero, 2000, 22-45). O nome de Colexio de San Xerome será o que teña a partir de 1555 (J. J. Viñas, 1857, p. 14; A. Milón y Reales, p. 113. Vid,. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 35-37).

X. R. Barreiro Fernández, 1991: X. R. Barreiro Fernández, A Galícia do Antigo Réxime. Ensino, Ilustración e Política, A Coruña (Hércules Ediciones, S. A.), 1991.

V. de la Fuente, 1885: V. de la Fuente, Historia de las Universidades, colegios y demás establecimientos de enseñanza en España, Madrid (Imprenta de la Viuda e Hija de Fuentenebro), 1885, T. II. Cuenta con una reimpresión: Frankfurt am Main (Sauer & Auvermann), 1969-1975.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

X. M. García Iglesias, X. M. Monterroso Montero, 2000: X. M. García Iglesias, X. M. Monterroso Montero, Fonseca: patrimonio e herdanza. Arquitectura e iconografía dos edificios universitarios composteláns (séculos XVI-XX), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2000.

F. López Alsina, 1998: F. López Alsina , “Marzoa, Melgar, Muros, Fonseca: de la escuela medieval al estudio universitario en Galicia”, Compostellanum, 43, 1-4 (1998), pp. 797-850.

A. López Ferreiro, 1885: A. López Ferreiro, Galicia en el último tercio del siglo XV, Santiago de Compostela (Imp. De Jesús L Alende), 1885.

I. Millán, 1945: I. Millán, “El III de los Fonsecas”, Finisterre. Revista de Galicia, III, 21 (1945), pp. 22-23.

Milón y Reales, 1895: A. Milón y Reales, “Universidad de Santiago”, Boletín Oficial de la Dirección General de Instrucción Pública, 3 (1895), Madrid (Tipografía de los Hijos de M. G. Hernández), 1895, pp. 107-152.

J. Pardiñas y Villalobos, 1887: J. Pardiñas y Villalobos, Breve Compendio de los Varones Ilustres de Galicia, La Coruña (Andrés Martínez-Editor), 1887.

M. P. Rodríguez Suárez, 1995: M. P. Rodríguez Suárez, “La Universidad de Santiago en los siglos XVI y XVII”, en (catálogo de exposición), Gallaecia Fulget. V Centenario de Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, PP. 118-128.

M. P. Rodríguez Suárez, 1996: M. P. Rodríguez Suárez, La Universidad de Santiago en los siglos XVI, A Coruña (Fundación Pedro Barrié de la Maza), 1996 2 vols.

P. Saavedra, 2007: P. Saavedra, A Galicia do Antigo Réxime (ca. 1480- Ca. 1835). Política e Cultura. Vol 2. O Ensino: Desde as Escolas de Ferrado á Universidade, A Coruña (Arrecife Edicións Galegas. S. L., La Voz de Galícia, S. A.), 2007.

J. J. Viñas, 1857: J. J. Viñas, 1857, “Breve reseña de la Universidad de Santiago por el actual Rector de la misma”, ANUARIO (1857), pp. 5-50.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000891
Título: Portada do Colexio de San Xerome - Reitoría
Data: século XVI