A procesión
O xénero da paisaxe, do bodegón e as escenas costumistas, sobre todo as obras con multitude de xente, como romarías ou este cadro titulado "Procesión", son constantes na produción do coruñés Fernández Sánchez. De temática relixiosa, represéntase a saída dun paso procesional de Semana Santa, que encabeza un grupo de penitentes encapuchados. O autor mostra a escena desde un punto de vista alto, como a vista de paxaro, o que permite ver a disposición da xente que acode á procesión formando un espazo coa forma da cruz latina dentro da cal transcorre o paso procesional. Estas escenas con multitude de xente permítenlle ao autor empregar unha pincelada de mancha cunha paleta cromática rica e variada. Asinado a. i. e.: "J. Fernández Sánchez" Inscrición no reverso: "LA PROCESIÓN".