Ramón del Valle Inclán
Débese a Felipe Criado o retrato de Ramón María del Valle Inclán, tamén ultimado como vítor. É o resultado dunha proposta realizada polo decano da Facultade de Filosofía e Letras, Otero Túñez, en 1967 con motivo do centenario do nacemento do escritor, cun enmarcado similar ao do cadro de Asorey. Neste caso ten “…unha placa de metal, gravada por Mayer, Valle Inclán/ Alumno desta Universidade/ 1866-1936”; refírese aos seus estudos en Dereito entre 1885 y 1890. Estamos, tamén aquí, ante un retrato que atende a expoñer, sobre un fondo neutro, a individualidade do personaxe co complemento dunha mesa e duns libros, alusivos á súa actividade literaria.
Valle Inclán estuda Dereito en Santiago, polo que a USC lle encarga a Felipe Criado Martín (Gijón, 1928 - Mera, 2013) un retrato seu. Represéntao seguindo patróns fotográficos. Concibido como vítor, neste caso a singularidade de trazos como a longa barba branca con remate en pico, os seus inconfundibles anteollos de forma circular ou a elegante pose que o define como membro da fidalguía galega, permiten identificar ao creador de personaxes tan excepcionais como o Marqués de Bradomín ou o Tirano Banderas.
Felipe Criado presenta ao dramaturgo arousán máis universal nun retrato tres cuartos, sentado, baixo unha imaxe habitual, coñecida a través das fotografías. O escritor, coa súa fonda e crítica mirada detrás das lentes mira directamente ao público. Recóllese nun momento de actitude relaxada, malia que a súa mirada firme suxire inquietude, mesmo certo desafío ou incluso análise. A dignidade do personaxe percíbese a través da propia postura corporal, recta, coas pernas cruzadas e elegancia na disposición do brazo esquerdo que apoia sobre varios libros. Pero tamén se aprecia na elegancia coa que viste o traxe de chaqueta e a capa que se intúe que repousa sobre os ombreiros.
Alén da imaxe que elixe para Valle Inclán, nunha idade avanzada que resulta facilmente recoñecible, interesa o espazo que o artista configura ao seu redor. Aínda que Criado Martín tamén se forma dentro dun espazo académico, desde sempre despuntou pola maneira na que debuxa a súa obra co xogo da cor. E neste caso, estamos diante da descomposición real dun espazo que so se suxire con toques de cor, facendo uso da técnica de manchas que lembra a tradición impresionista. No medio da maraña de toques de cor destaca a cabeza de Valle Inclán, con longa cabeleira e barba en diferentes tons brancos. O mesmo sucede coa chaqueta e a capa, pero neste caso empregando os tons azuis e vermellos. O uso da sinuosa liña en determinadas partes, como os cabelos, as barbas e as gafas, contribúe a reforzar a personalidade do escritor dos esperpentos.
Ramón María del Valle Inclán (Vilanova de Arousa, 1866-Santiago de Compostela, 1936) foi distinguido entre as súas múltiples habelencias de escritor como creador do concepto literario “esperpento”, plasmado de maneira brillante nas súas novelas e obras de teatro. Foi un escritor reiteradamente retratado (J. M. B. López Vázquez, 2011, pp. 85-131). Este aquí presentado é o resultado dunha proposta realizada polo decano Otero Túñez con motivo do centenario do nacemento de escritor: “O 1 de Xullo de 1967, en presenza do Director Xeral de Ensino Superior, D. José Hernández Díaz, e do Reitor da Universidade compostelá, D. Ángel Jorge Echeverri, que honraban coa súa presenza a reunión, propuxen á Xunta de Facultade (Libro de actas, que se inicia en 1963, Sesión do 1 de xullo de 1967, fol. 48. Arquivo da Facultade de Filosofía e Letras) colocar nalgunha das nosas aulas un vítor de D. Ramón María del Valle Inclán polo centenario do seu nacemento (R. Otero Túñez, 1970, p. 292).
Co ánimo de emparellar este vítor e o de Asorey -ou, o que é o mesmo, as Letras e as Artes-, encargáronselles marcos similares e, neste caso, “…unha placa de metal, gravada por Mayer, Valle Inclán/ Alumno desta Universidade/ 1866-1936” (R. Otero Túñez, 1970, p. 293). Estamos aquí, tamén, ante un retrato que atende a expoñer, sobre un fondo neutro, a individualidade do personaxe, co complemento dunha mesa e uns libros alusivos á súa actividade literaria (M. C. López Calderón, 2007, p. 108 ).
A relación de Valle Inclán (1866-1936) con Compostela -na que foi estudante na súa Facultade de Dereito entre 1885 e 1890- plásmase na súa escultura pública, a través dun busto obra de Eduardo Parrado Conde (M. J. Jiménez García, 2000). Sitúase desde 2014 na Praza de Galicia -obra pertencente ao Concello e que estaba depositada no Museo do Pobo Galego- así como dunha figura sedente súa nun banco da Alameda compostelá, contemplando desde alí o conxunto do centro histórico. É obra de César Lombera (1956) quen a dispón en tal lugar en 1999. A un lado do personaxe, nas travesas que configuran o banco no que senta, pode lerse: A DON RAMÓN MARÍA DEL VALLE-INCLÁN/ 1866-1936/ A UNIVERSIDADE E O CONCELLO DE COMPOSTELA/ SANTIAGO 5 DE XANEIRO 1999.
En tanto, ao outro lado da Ferradura, pode lerse un fragmento deste escritor relativo ao espazo que contempla: disponse sobre unha base granítica, na marxe do espazo axardinado e di así: ROSA MÍSTICA DE PIEDRA, FLOR ROMÁNICA Y TOSCA, COMO EN EL TIEMPO DE LAS PEREGRINACIONES,/ CONSERVA UNA GRACIA INGENUA DE VIEJO LATÍN RIMADO (LA LÁMPARA MARAVILLOSA)… RAMÓN MARÍA DEL VALLE-INCLÁN. Deste modo, a lectura do texto complementa esa visión contemplativa que Valle fai da cidade.
Felipe Criado Martín (1928-2013) naceu en El Musel-Xixón, pasou a súa infancia entre Asturias, Cataluña e Santander, e morreu na Coruña. Establécese en Galicia cando ten nove anos, en Ourense e con posterioridade en Compostela, en tempos da Posguerra e desde aí ata a década de 1970. Durante esa época de 1940 comeza a desenvolver o seu interese pola práctica da pintura, á par que realiza os estudos de Medicina e Anatomía. Este feito propicia que xunto con Francisco Asorey afonde en cuestións como o estudo da anatomía artística, disección e modelado anatómico en escultura (1949-1952). A súa seguinte etapa (1954-1959) virá marcada polo seu ingreso na Escuela de Bellas Artes de San Fernando.
Os anos sesenta supoñen para o artista e seu afianzamento profesional como profesor, primeiro como catedrático de Debuxo, en Institutos Nacionais de Ensino Medio, para posteriormente ser designado profesor de termo por oposición libre de Anatomía Artística e Debuxo do Natural en Movemento. En 1963 é designado director da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos en Santiago de Compostela. En 1966 conseguirá a cátedra de Debuxo do Instituto Eusebio da Guarda, na Coruña.
En canto á súa faceta como artista-creador pode dicirse que o seu recoñecemento é internacional, participando en numerosas exposicións nacionais como Santiago, A Coruña, Vigo ou Madrid, e internacionais como Los Ángeles -1973-, San Luis Obispo -1974- ou Nova York -1975-. A importancia da obra de Felipe Criado faise evidente por medio do respaldo de numerosos museos e institucións públicas que a acollen: Museo do Pobo Galego, Pinacoteca da Universidade de Santiago, Pinacoteca de la Academia de Bellas Artes, CGAC, Museo Provincial de Lugo, Parlamento de Galicia ou Salomon by Company de Londres. Entre outros méritos destacables, Felipe Criado foi membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Recibiu a Medalla de Prata da Exposición Trienal de Pintura, Escultura e Gravado de Santiago de Compostela.
Pola súa traxectoria, Felipe Criado Martín engrosa a listaxe de artistas contemporáneos que se inclúen dentro da historia da arte galega. É deses artistas con identidade propia. Os trazos da súa obra identifícana co estilo recoñecido tradicionalmente como Expresionismo Neobarroco. O universo Criado Boado configúrano obras gráciles e alegres. Nesta tarefa súmanse factores como a destreza, coñecementos en composición e modelado, produto da súa formación en estudos anatómicos. Isto permitiulle desenvolver obra puramente gráfica e pictórica. Óleos e murais, debuxos, acuarelas e técnicas mixtas como o linóleo son algunhas das técnicas que practicou.
No tocante ao emprego de temas, parece evidente a súa preferencia polos retratos, especialmente femininos e tamén paisaxes centradas en escenas marítimas. Malia que na súa traxectoria artística, coincidindo co apoxeo da súa carreira profesional -anos sesenta- percíbese un primeiro momento de maior pesimismo, axiña se aprecia un cambio radical, talvez o máis significativo da súa obra, coa recreación dun mundo idealizado, repleto de gozos vitais. Detrás de trazos característicos da súa obra como a inxenuidade e inocencia que desprenden os seus debuxos, suavizados polo emprego da curvilínea, así como o seu gusto pola arte figurativa, acúsase a influencia de artistas mestres no emprego e estudo das cores: El Greco, Zuloaga, Benjamín Palencia ou Matisse foron algúns dos seus referentes.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp
M. J. Jiménez García, 2000: M. J. Jiménez García, Eduardo Parrado (1921), (Tesis de licenciatura dirigida por FERNÁNDEZ CASTIÑEIRAS, E.), Universidade de Santiago de Compostela, 2000. En
http://www.eduardoparrado.com/pdf/Tesis_Eduardo_Parrado.pdf
M. C. López Calderón, 2007: M. C. López Calderón, “Artistas para a memoria”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 101-112.
J. M. B. López Vázquez, 2011: J. M. B. López Vázquez, 2011, “Iconografía de don Ramón María del Valle-Inclán en la plástica coetánea: la conformación de un personaje”, en (Catálogo de Exposición) Retratos de Valle-Inclán, Pontevedra (Deputación de Pontevedra-Museo de Pontevedra), 2011.
R. Otero Túñez, 1970: R. Otero Túñez, OTERO TÚÑEZ, R., “Los últimos vítores de la Universidad Compostelana”, Cuadernos de estudios gallegos, XXV, 77 (1970) pp. 290-298.
X. A. Castro, 2014: X. A. Castro, Felipe Criado. Homenaxe, catálogo de la exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2014.
M. E. Cortés López, 2018: M. E. Cortés López, Pegadas sobre papel: o gravado galego no Museo do Gravado á Estampa Dixital de Artes, Ribeira, Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital, 2014.
F. Criado y M. A. Fernán-Vello, 1987: F. Criado y M. A. Fernán-Vello, Felipe Criado, catálogo de la exposición, A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
F. Criado y J. Lens, 2004: F. Criado y J. Lens, Felipe Criado, catálogo de la exposición, A Coruña, 2004.
S. García-Bodaño, 1985: F. Criado y J. Lens, 37 debuxos para un país, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1985.
R. Pereiro y A. Castro, 2000: R. Pereiro y A. Castro, Felipe Criado: pinturas e debuxos: 1989-1999, catálogo de la exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2000.
VV. AA., 1985: Felipe Criado. 4 variantes para 14 posibles temas, Oviedo, Centro Regional de Bellas Artes de Asturias, 1985.
VV. AA., 1993: “Felipe Criado” en Galicia Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, p. 173.
VV. AA., 1997: Felipe Criado, catálogo de la exposición, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1997.
VV. AA. 2008: Felipe Criado, Santiago de Compostela, 2008.
VV. AA., 2011: Felipe Criado: dende as vivencias 2007-2010, catálogo de la exposición, Ourense, Diputación Provincial.
VV. AA., 2014: Felipe Criado: inicio de catálogo razonado, 1952-2012, A Coruña, Diputación Provincial.