Ramón Domínguez Sánchez
O retrato é un dos xéneros artísticos máis cultivados por Manuel Bonome. Neste caso, preséntanos a Ramón Domínguez Sánchez, catedrático de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Preséntao sentado, case frontal, aínda que en lixeiro escorzo, nun interior no que vemos unha librería e o birrete amarelo, cor distintiva dos estudos de Medicina. O retratado parece que fixo unha parada na súa actividade para posar, xa que sostén as gafas nunha man. Vai vestido coa toga académica e leva a medalla peitoral. O retrato sérvelle a Bonome para plasmar o coñecemento psicolóxico do personaxe, o seu dominio perfecto do debuxo e de aspectos técnicos como a perspectiva ou a luz, que lateralmente e desde fóra incide no retratado, deixando máis escuro o ángulo superior dereito, no que asina. Aínda que a paleta cromática é sobria, pola toga negra e o fondo escuro, Bonome emprega a cor amarela e dourada presentes na medalla, no birrete ou no remate das mangas da toga. As pinceladas son longas e a factura acabada, pouco cargada de materia.