Ramón María Aller Ulloa
O busto de Ramón María Aller (1878-1966) -catedrático extraordinario de Astronomía da Universidade de Santiago desde 1949- é obra póstuma, tanto no relativo ao personaxe representado como a quen o concibe. Trátase da reutilización dun modelado feito por Francisco Asorey “con motivo da preparación da estatua de Aller que, unha década antes, fora realizado para Lalín”. A fundición desta cabeza é, pois, propiciada polo reitor Echeverri quen encomenda esta obra para a inauguración do curso 1967-1968. Este busto estivo inicialmente “...sobre un pedestal provisional situado na antesala reitoral...” (R. Otero Túñez, 1970, p. 294).
O astrónomo Aller naceu en Lalín. Tras facerse sacerdote, estudará Ciencias Exactas nas universidades de Oviedo e Madrid. En 1944 defende a súa tese de doutoramento en Madrid e ese mesmo ano ocúpase da Cátedra de Astronomía da Universidade de Santiago. Aquí pon en marcha o Observatorio Astronómico que actualmente leva o seu nome, herdeiro do que previamente construíra o propio Aller en Lalín. En 1949 será nomeado catedrático extraordinario de Astronomía e desempeñou o seu labor ata unha idade moi tardía (J. A. Docobo Durántez, 2003; J. A. Docobo Durántez, 2013; A. Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008, pp. 528-532).
O busto en bronce do catedrático de Astronomía foi un encargo póstumo que parte do modelo deseñado por Francisco Asorey para a escultura que lle dedicou a vila de Lalín. Neste caso, recorre a unha linguaxe puramente naturalista na que se pode apreciar que a imaxe que se toma como punto de partida responde a un Ramón María Aller de avanzada idade, como así o demostra non só a alopecia, senón as engurras que se conseguen plasmar e as bolsas que sobresaen nas cavidades oculares. O xesto dos ollos, lixeiramente pechados, transmite a idea de cansazo ou fatiga. Con todo, o aceno perfilado nos seus beizos, lixeiramente apertados ou contidos, suxire un xesto de alegría, que queda reforzado coa expresión que xeran os seus pómulos.
Desta maneira, a través da escultura ofrécese unha imaxe real e amable do matemático, auténtica na súa configuración, e por tanto obxectiva, para transmitir a todos aqueles que non tiveron ocasión de coñecelo cal era a súa verdadeira personalidade.
Podería considerarse a Francisco Asorey como un dos grandes escultores galegos contemporáneos, precursor e exemplo para unha escola de artistas que configurarán o cadro da práctica escultórica galega: Faílde, Buciños, Acisclo Manzano, Xoán Piñeiro ou Ramón Conde forman parte deste grupo.
A carreira profesional de Asorey vén marcada desde a súa infancia, pois xa entón gustaba de elaborar pequenas figuras de santos e imaxes de Cristo en madeira, determinando unha das súas liñas de traballo máis características e determinantes. Continúa a súa formación no ámbito das artes fóra de Galicia. Ademais de ser escultor, compaxina os encargos que lle fan distintas institucións civís e relixiosas, coa súa actividade como docente, destacando a súa actividade desde 1918 como escultor anatómico na Facultade de Medicina en Compostela.
Na maneira de crear as súas esculturas, Asorey revela a súa admiración cara os conceptos técnicos e estéticos que desprende a obra de Rodin, que debeu de coñecer nas súas viaxes fóra do territorio galego, en Madrid e Barcelona, en exposicións, museos e galerías. A concepción da forza expresiva que desprende a materia, a maneira en que traballa as súas esculturas, suxerindo en ocasións a idea do inacabado, ou da figura que nace da propia materia e que está a emerxer; ese concepto concreto que en último termo revela a influencia manierista miguelanxelesca, chega a Asorey a través da obra rodiniana.
No relativo ás narrativas presentes na obra de Asorey, se algo cabe apuntar é a aproximación á tradición popular. Xa sexa a través dos santos e a maneira na que os entende o pobo, ou por medio doutro tipo de personaxes que se contextualizan en marcos costumistas, as súas esculturas falan de escenas facilmente identificables.
O escultor revoluciona e fai medrar o concepto de “escultura galega”. É un deses artistas que consegue axuntar o pasado co seu presente, adaptando o mellor da tradición local, o popular ou rexionalista, a estética local entendida no marco do Rexurdimento e a exaltación nacional decimonónica -Romanticismo, Pintoresquismo-; cos postulados das vangardas emerxentes, en especial coas correntes expresionistas que soubo adaptar á súa galería de imaxes.
Francisco Asorey foi académico de honra da Real Academia Galega e das Belas Artes de Nosa Señora do Rosario da Coruña. Participou en numerosas exposicións e certames artísticos. A obra do escultor é amplamente recoñecida non só polo elenco de esculturas monumentais que adornan os espazos urbanos galegos, senón pola cantidade de traballos, exposicións e homenaxes que se levaron a cabo en honra á súa figura. Son moitos os museos e institucións públicas, dun e doutro lado do Océano Atlántico, que contan con obra súa.
J. A. Docobo Durántez, 2003: J. A. Docobo Durántez, Ramón María Aller. Astrónomo (video) , Santiago (Universidade de Santiago-SERVIMAV), 3003.
J. A. Docobo Durántez, 2013: J. A. Docobo Durántez, Observatorio Astronómico Ramón María Aller, en http://www.usc.es/astro/allercast.htm. (Consultado el 20 de Julio de 2013).
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, p. 231.
R. Otero Túñez, 1970: R. Otero Túñez, “Los últimos vítores de la Universidad Compostelana”, Cuadernos de estudios gallegos, XXV, 77 (1970) pp. 290-298.
A.Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008: A. Torres Queiruga, M. Rivas García (coord.), Diccionario Enciclopédia do Pensamento Galego, Vigo (Xerais. Consello da Cultura Galega), 2008.
http://www.usc.es/astro/allercast.htm
https://historiadeza.wordpress.com/2014/06/02/el-homenaje-que-lalin-tributo-a-d-ramon-maria-aller-ulloa/
J. Filgueira Valverde, 1991: J. Filgueira Valverde (ed.), La Escultura gallega, el centenario de Francisco Asorey, Santiago de Compostela, Fundación Alfredo Brañas, 1991.
C. García Bayón, 1987: C. García Bayón, “Felipe Criado”, en Arte Galicia, 18, (1987), pp. 54-55.
M. Iglesias Baldonedo, 2011: M. Iglesias Baldonedo, “Notas para una biografía de Francisco Asorey”, en M. Fernández-Cid y M. Iglesias Baldonedo (eds.), Francisco Asorey: Cambados, 1889. Santiago de Compostela 1961, Pontevedra, 2011, pp. 3-21.
M. Iglesias Baldonedo, 2017: M. Iglesias Baldonedo, “Francisco Asorey, o escultor das Irmandades da Fala”, en J. Beramendi et al (eds.), Repensar Galicia: As Irmandades da Fala, Santiago de Compostela, 2017, pp. 713-728.
M. Iglesias Baldonedo, 2018: M. Iglesias Baldonedo, Francisco Asorey: escultor galego, Allariz, 2018.
F. J. Jorge Barreiro, 2015: F. J. Jorge Barreiro, “Francisco Asorey y la Facultad de Medicina de Santiago”, Galegos, 21, (2015), pp. 63-68.
J. M. López Vázquez, 1993: J. M. López Vázquez, “Francisco Asorey”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.), Galicia. Arte. Arte Contemporáneo, vol. XV, A Coruña, Hércules, 1993, pp. 242-250.
I. Mera Álvarez, 2003: I. Mera Álvarez, Francisco Asorey, Santiago de Compostela.
R. Otero Túñez, 1963: R. Otero Túñez, El escultor Francisco Asorey, Santiago de Compostela, 1ª ed. Santiago de Compostela Imp. Paredes, 1959, 1963.
G. Plaza Molina, 1981: R. Otero Túñez, Arte en Galicia. La década del “Boom”, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1981.
M. L. Sobrino Manzanares, 1982: M. L. Sobrino Manzanares, “La Edad Contemporánea”, en José M. Vázquez Varela et al. (ed.): Historia del Arte Gallego, Madrid, Alhambra, 1982, pp. 389-513.
VV. AA., 1989: Francisco Asorey: centenario. Exposición antolóxica organizada polo Patronato do Museo do Pobo Galego, Santiago de Compostela, 1989.
VV. AA., 1995: Gallaecia Fulget: (1495-1995): cinco séculos de historia universitaria, Santiago de Compostela, Universidad de Santiago de Compostela, 1995, pp. 562-563.