Rapaza
Fronte a complexidade dos espazos compositivos empregados por Quessada ao longo da súa produción pictórica, aquí decántase por un de gran sinxeleza: o interior dunha habitación da que tan só vemos a cadeira sobre a que está sentada a rapaza; esta, a pesar de que o rostro está apenas bosquexado, parece ausente. Destaca tanto o cromatismo -no que predominan os verdes, azuis e malvas que compoñen o fondo da estancia e aportan gran luminosidade ao cadro-, e a técnica, directamente relacionada co uso que fai das cores que logran dar a sensación de textura e creando un ambiente íntimo e a sensación dunha atmosfera etérea, logrando deste xeito crear un efecto de atemporalidade da mesma. O efecto de ambiente intimista obtido coa gama cromática en tons pasteis é unha influencia da etapa rosa de Picasso. Comprada á galería Citania en 1981.