Recipiente de mate

Autoría descoñecida
Ana Pérez Varela

Mate con bombilla. Doazón de dona Elvira Ares y Parga (Ferrol) cara finais do século XIX (1880-1890) para o Gabinete de Curiosidades da Universidade, creado en 1841. Neste caso, o recipiente é tradicional, feito de cabaza no que se talla a decoración externa, aínda que é particular na súa forma con asa de cabaza. A bombilla, a boca e o pé do recipiente están feitas en prata.

Este mate, unha das pezas conservadas do Gabinete, presenta unha forma que responde á chamada de galleta, aplicada aos mates esféricos ou de esfera achatada, con ou sen asa -neste caso si que a leva-, e que se distinguen dos alargados ou ovoides, denominados poros. A cabaza tallouse polo miúdo con grecas vexetais, mentres que as aplicacións de prata se repuxaron con pólas de grandes follas que se entrelazan e cruzan. As patas curvas rematan en cabezas de bestas semellantes a peixes, e a asa acaba nunha pequena figura dun galo. A bombilla presenta un fuste ou colo helicoidal nos seus terzos superior e intermedio, mentres que o final é liso e termina na parte ensanchada con perforacións empregadas como filtro para conter as follas. A boquilla ou bico, así como pequenos aneis vexetais intermedios ou algún motivo decorativo do propio mate -varias follas e un corazón-, están sobredourados, contrastando coa prata na súa cor.

O mate -do vocábulo quechua mati, cabaza- é o recipiente tradicional no que se toma a bebida homónima propia de América do Sur. Emprégase a xeito de vaso, no que se verte a auga fervendo coas follas da infusión, que se sorbe a través dunha cana. Ambas as dúas partes poden estar realizadas de diversos materiais, sendo os máis habituais a madeira, o metal, o vidro ou a cerámica, e especialmente a cabaza que lle dá nome, coma neste caso, que se baleira e serve para formar o propio recipiente. Do mesmo modo, poden empregarse outros materiais con forma natural de conco, tradicionalmente utilizados polas culturas precolombinas, tales como pomelos baleirados ou cornos de animal. O habitual é gornecer ese vaso cun aparato decorativo que adoita incluír un ou varios aneis -sobre todo superior e inferior, para facer a cabaza máis resistente-, asas e patas. Esas partes son habitualmente metálicas, sendo as máis comúns de prata de baixa lei ou alpaca. Estes metais tamén se empregaban para a bombilla e, ocasionalmente, un pratiño ou bandexa.

Esta peza foi doada entre 1880 e 1890 por Elvira Ares y Parga, unha dama ferrolá que tamén regalou no mesmo lote un ovo de ñandú adornado con borlas de seda (A. Bugallo Rodríguez, 1995, p. 160). Esta doazón responde a aquelas que foron chegando ao longo da segunda metade do XIX expresamente dirixidas ao Gabinete de Curiosidades, e que consistían en obxectos directamente relacionados coa emigración galega a América do Sur. O mate, un dos obxectos máis representativos da cultura daquelas terras -Arxentina, Uruguai, Chile, etc-, cumpre o gusto deste tipo de gabinetes polos obxectos exóticos que atenden a un uso particular e que mostran os costumes e tradicións de pobos e culturas afastadas, á vez que incorpora o interese destas coleccións polos materiais exóticos e suntuosos, especialmente en combinación.

A. Bugallo Rodríguez, 1995: “O gabinete de curiosidades”, en J. M. García Iglesias (dir.), Gallaecia Fvlget (1495-1995). Cinco Séculos de Historia Universitaria, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1995, p. 160.

 

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000168
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Recipiente de mate
Temas: 
Decoración vexetal
Data: 1880 - 1890
Técnicas: 
Orfebrería
Talla
Dimensións: 
Mate Alto: 13 cm Longo: 7,5 cm Ancho: 9,5 cm Bombilla Alto: 22 cm
Materiais: 
Ouro
Prata
Outros