Reloxo de peto esmaltado

Ana Pérez Varela

Reloxo de peto de metal e porcelana esmaltada. Decorado no exterior cos retratos de Filipe IV e o príncipe Baltasar Carlos de Austria e no interior cunha infanta. Está documentado como da época de Filipe IV (1621-1640). Gardado na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841.

Esta peza, procedente do Gabinete de Curiosidades, é un pequeno reloxo de peto duns seis centímetros de diámetro, acompañado duna pequena chave decorada do mesmo estilo. Correspóndese coa forma redonda, aínda algo avultada, con aplicación de esmaltes en champlevé ou pintados, tipoloxía afianzada ao longo do XVII por mor da reloxería francesa (A. Aranda Huete, 2018, p. 55).

En cadansúa parte, este reloxo ostenta un retrato de miniatura: o de Filipe IV na tapa, o do seu fillo, o príncipe Baltasar Carlos, no reverso, e o dunha infanta no interior. Tendo en conta que a efixie do herdeiro o representa como un adolescente, podería datarse pouco antes da súa desafortunada morte en 1646, aos dezasete anos. O seu aspecto é semellante ao que ofrece no lenzo de Martínez del Mazo conservado no Museo del Prado, datado en 1645, e definitivamente maior que o derradeiro cadro que pintou Velázquez do herdeiro en 1638, custodiado no Kunsthistorisches Museum de Viena. Mentres que na pintura de Mazo a iconografía da súa vestimenta é moi similar á tradicional roupa negra con pulcra gola branca do seu pai —que efectivamente mostra o rei neste reloxo—, nesta peza presenta un traxe de tonalidades verdes e douradas, atravesado pola banda militar carmesí, que lle outorgan máis colorido e riqueza á peza. O retrato de Filipe IV non está estritamente copiado de cadro ningún de Velázquez, malia que nel subxace a iconografía retratada polo sevillano como a imaxe que se popularizou desde a corte. Os máis próximos por data poderían ser o extraordinario Filipe IV en Fraga —Frick Collection, 1644—, aquí cun aspecto bastante máis idealizado e non filtrado polo realismo velazqueño.

Os materiais do reloxo son o metal e a porcelana con aplicación de esmalte. A porcelana é un material cerámico cuxo aspecto pulido e brillante favoreceu a súa conxunción coa técnica preciosista de aplicación de esmalte na súa superficie. O esmalte é vidro reducido a po, composto por chumbo e bórax, mestura á que se lle engaden óxidos metálicos: ferro -vermello-, antimonio, chumbo e prata -amarelo-, cobalto -azul-, cobre -verde-, etc., e que logo se aplica sobre diversos soportes (M. L. Martín Ansón, 1994, p. 549). Aquí o esmalte vai sobre o cicelado conseguido no metal, cun efecto decorativo colorido e de gran relevo. Toques vivos de azul, verde, vermello e amarelo adquiren gradacións tonais e mestúranse con filamentos dourados e brancos.

Este pequeno reloxo de peto é un obxecto tremendamente susceptible de ser incluído nos gabinetes de curiosidades. En primeiro lugar, exemplifica claramente a categoría de scientifica destes, onde se encadraban aparatos mecánicos, matemáticos, de medición, etc. En segundo termo, e malia que no século XIX os reloxos portátiles eran comúns, tratábase dun obxecto escaso na época na que foi construído e, xa que logo, un exemplar único por pertencer a ela. E en terceiro lugar, é unha peza suntuosa, que combina o fino cicelado en metal, a porcelana, a pintura en miniatura e a aplicación de esmalte, técnicas consideradas preciosistas, e especialmente ao ser aplicadas a superficies tan pequenas, que polo seu propio mérito xa eran decote incluídas nos devanditos gabinetes.

A invención dos reloxos de peto data de mediados do século XV en Francia, a raíz de que Heinlein de Nuremberg substituíse o motor de pesa por un resorte, permitindo construír exemplares moito máis pequenos e liviáns. Isto converteu os reloxos nun obxecto útil para as tarefas cotiás, as viaxes comerciais e mesmo o campo de batalla, e asemade nunha peza cobizada polo emprego de materiais ricos e técnicas preciosistas (A. Aranda Huete, 2018, p. 54). A súa produción en masa e o seu uso non se popularizou ata o século XVIII e, por iso, este exemplar, datado na época de Filipe IV 1604-1665, resulta extraordinario pola súa escaseza. Na exposición de reloxos da dinastía borbónica, chamada La Medida del Tiempo e celebrada en 2011, foi exhibido de forma excepcional un reloxo anterior con ata sete retratos en miniatura da familia de Filipe IV, datado contra 1660, que podemos comparar con este pola súa tipoloxía, data e mesmo decoración semellantes (A. Aranda Huete, 2011). Sobre a procedencia do compostelán, Bugallo Rodríguez apunta a un regalo proveniente directamente da monarquía (A. Bugallo Rodríguez, 1995, p. 159).

A. Aranda Huete, 2011: A. Aranda Huete, La medida del tiempo: relojes de reyes en la corte española del siglo XVIII, Madrid, Patrimonio Nacional, 2011.

A. Aranda Huete, 2018: A. Aranda Huete, “Relojes de bolsillo en la corte española: joyas para medir el tiempo”, en Cuadernos dieciochistas, 19, Salamanca, (2018), pp. 54-55.

A. Bugallo Rodríguez, 1995: A. Bugallo Rodríguez, “O gabinete de curiosidades”, en J. M. García Iglesias (dir.), Gallaecia Fvlget (1495-1995). Cinco Séculos de Historia Universitaria, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1995, p. 159.

M. L. Martín Ansón, 1994: M. L. Martín Ansón, “Esmaltes”, en A. Bonet Correa (dir.), Historia de las artes aplicadas e industriales en España, Madrid, Cátedra, 1994, p. 549.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000176
Título: Reloxo de peto esmaltado
Data: ca. 1645
Técnicas: 
Esmaltado
Dimensións: 
Alto: 2 cm Diámetro: 6 cm
Materiais: 
Metal