Réquiem

Xosé Miguel Tomé
José Manuel García Iglesias

Nesta gran pintura mural, Tomé desenvolve un friso de figuras anónimas, apenas bosquexadas. Baixo unha linguaxe neoexpresionista, tan característica non só nas obras do autor, senón tamén propia da arte da década dos 80, é a que a Tomé lle serve para crear unha obra na que impera unha sensación de inquedanza e angustia. Apenas hay concesión á anécdota; os protagonistas únicamente son as figuras -de rotundos volumes perfilados de trazos negros- e a cor, a pincelada enérxica e expresiva que emprega.

Antes de realizar este mural, a obra de Tomé discorreu desde unha neofiguración expresionista (1971-1979), ao preciosismo e, a partir de aquí, ata o que se denominou unha “abstracción redonda” (1979-1992). É aquí, por 1987, onde cabe encadrar ese mural, pintado sobre lenzo, disposto diante da entrada da aula B da Facultade de Económicas e Empresariais da USC. O pintor parece reflectir nas súas formas, evocadoras do humano e amazocadas no espazo, unha reflexión plástica sobre o que é o sufrimento humano; nunha posición ideolóxica que na pintura ten páxinas brillantes no Goya da Quinta del Sordo e, por suposto, no Picasso creador do Guernica. Tamén aquí, na obra de Tomé, parece palparse a dor e a derrota que abate ao xénero.

Naceu en Benavente en 1942. Chegou a Santiago en 1962 para estudar Medicina pero a vocación levouno á práctica da arte. Tivo unha relación moi especial coa Facultade de Económicas e Empresariais e, nesta cidade, que terminou sendo a súa, tivo moitos e bos amigos. Morreu no ano 2005. (C. García Martínez, 2007: 29-32).

A súa traxectoria poderíase dividir de diferentes formas (Vid. F, López Silvestre, 2007: 35-44). Sinaláronse, por exemplo, na mesma ata catro etapas diferentes: a primeira caracterizouse pola influencia que sobre el exerceu a estética da neofiguración expresionista matizada pola materia; a segunda, a comezos de 1980, por utilizar unha paleta de cores moi ampla; a terceira, que abarcaría a segunda metade da década dos oitenta, por ser pura abstracción; e finalmente, a cuarta etapa, a partir dos anos noventa, pola influencia do informalismo na súa obra, e polo seu interese pola abstracción e o contraste dos materiais. Tamén a súa obra, como antes se dicía, estivo influenciada pola estética de Laxeiro e mesmo polas pinturas de Bacon e de Goya. En calquera caso, o contexto artístico compostelán do seu tempo debe terse en conta para valorar o seu quefacer (J. M. García Iglesias, 1993: 22-33). Conta, en todo caso, cunha importante obra (X. R. Fandiño, 2007: 233-238) que deixou unha pegada, no bibliográfico, a ter en conta (C. Rodríguez Cordeiro, 2007: 239-240).

Non se pode, pois, falar propiamente de abstracción na súa obra porque do que se trata, parece ser, é de representar o espírito do humano a través de formas, neoxpresionistas, que denotan e xeran o sentimento da angustia.

Esa abstracción redonda feita humanidade ten presenza xa nesta colección universitaria en 1982 e mantense no seu facer nos anos seguintes. Despois, a partir de 1993, volverá ao informalismo. É, pois, este mural unha obra que cabe considerar, entre as do período e estilo ao que corresponde, como unha achega chea de madurez, na que X. M. Tomé, consciente do privilexiado lugar que, desde o Decanato da Facultade se lle outorga para situar a súa pintura, quere dar o mellor de si mesmo. Próximo a outros pintores composteláns do momento -especialmente a Pardiñas e a Xulio Maside- tamén aproxima a súa mirada a outros artistas xa galegos -o propio Laxeiro-, xa internacionais, sendo Francis Bacon, neste sentido, a principal referencia que cabe ter en conta.

Creou as figuras a partir dunha pincelada enérxica e esvaecida que fai que apenas se poidan diferenciar os seus rostros. O único elemento que utilizou para separar e perfilar cada silueta foi un expresivo trazo negro, o cal está próximo da abstracción do expresionismo, e que contrasta cos tons agrisados e avermellados.

X. R. Fandiño, 2007: “X. M. Tomé. Crónica dunha vida artística”, en (catálogo de exposición) X. M. Tomé. Antolóxica, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2007, pp. 233-238.

J. M. García Iglesias, 1993: J. M. García Iglesias, “Dez artistas na Compostela de fin de século”, en (catálogo de exposición) Dez visións da arte compostelá, Santiago de Compostela (Consorcio de Santiago), pp. 22-23.

J. M. García Iglesias, 2002: J. M. García Iglesias, “Historia e Arte na “Casa Grande do Pozo””, en (catálogo de exposición), Historia e Arte na “Casa Grande do Pozo”, Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), pp. 64-65.

C. García Martínez, 2007: C. García Martínez, “X. M. Tomé, pintor e alén amigo””, en (catálogo de exposición) X. M. Tomé. Antolóxica, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2007, pp. 29-32.

F. López Silvestre, 2007: F. López Silvestre, “X. M. Tomé, angustia da arte moura”, en (catálogo de exposición) X. M. Tomé. Antolóxica, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2007, pp.35-44.

J.M. Monterroso Montero, 2002: J. M.- Monterroso Montero, “X.M. Tomé (Benavente, Zamora, 1942” en (catálogo de exposición) Historia e Arte na “Casa Grande do Pozo”. Santiago de Compostela (Fundación Caixa Galicia), 2002, pp. 152-153.

C. Rodríguez Cordeiro, 2007: C. Rodríguez Cordeiro, “Referencias nos xornais e bibliografía de X. M. Tomé”, en (catálogo de exposición) X. M. Tomé. Antolóxica, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago), 2007, pp. 239-240.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000678
Autoría: Xosé Miguel Tomé
Título: Réquiem
Temas: 
Figuras
Data: 1987
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 200 cm    ancho: 360 cm
Materiais: 
Parede