Retablo de San Francisco Xavier
A estrutura é idéntica á do retablo adicado a San Ignacio de Loyola, que lle fai fronte no outro lado do cruceiro. Adóptase a solución, vixente dende finais do século XVII na retablística española, dun corpo único sobre bancal ou predela e ramatado en ático. Este corpo principal articúlase mediante catro columnas salomónicas de orde xigante e asentadas sobre enormes mensulóns, quedando así dividido en tres rúas, a central maior. Nas rúas laterais superpóñense dous fornelos, pouco profundos, e na central, un gran oco de medio punto acubilla a imaxe de San Francisco Xavier. O ático está presidido polo lenzo da Visión da Storta; nel repítense as columnas salomónicas, logo unha orde de machóns e a continuación arcobotantes avolutados rematando o enmarque. No bancal, e coincidindo coa rúa central do corpo principal, un oco acolle a imaxe de San Francisco Xavier xacente. A ornamentación, exuberante e recargada, emprega unha gran variedade de motivos como festóns, tarxetas e follas de vide, motivos xeométricos, cintas, etc.