Retablo de San Ignacio de Loyola

Domingo de Andrade (atribución da traza); Arturo Alfonsín e Jerónimo Patiño (ensambladores)

Segundo as tendencias vixentes na retablística española desde o último terzo do século XVII, Andrade, presumible autor da traza, deseña un retablo dun só corpo articulado por columnas salomónicas de cinco voltas e orde xigante, asentado sobre un bancal e coroado por un ático de remate semicircular. As columnas, sobre grandes e recargados mensulóns, xeran unha división en tres rúas, a central máis ancha, con fornelos superpostos e de escasa profundidade nos laterais e un amplo oco no centro para colocar a imaxe do santo titular. Sobre o entabulamento, movido segundo a disposición dos soportes, eríxese o ático, no que se dispón a táboa da Virxe da Strada, quedando esta estrutura enmarcada por volutas conformadas por elementos vexetais, machóns e columnas salomónicas, que por ambos lados avanzan nunha disposición escalonada. A profusa decoración completa o conxunto, con elementos xeométricos, avolutados e curvilíneos, vexetais, con sartas de froitas, follaxe, e outros motivos característicos da exuberancia barroca, como os festóns, as tarxetas ou os pomposos espellos enmarcados por fastuosas orladuras. Este retablo, xunto co de San Francisco Xabier, situado no extremo oposto do brazo do transepto, comparten autoría, así como pautas de organización e ornamentación.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000007
Autoría: Domingo de Andrade (atribución da traza); Arturo Alfonsín e Jerónimo Patiño (ensambladores)
Título: Retablo de San Ignacio de Loyola
Temas: 
Relixioso
Data: 1700
Técnicas: 
Dourado
Policromado
Talla
Materiais: 
Madeira