Roma - Figura no estanque

Arturo Souto
MIriam Elena Cortés López

Obra de Arturo Souto coñecida polos títulos de "Roma" ou tamén "Figura no estanque". Foi mercada pola USC á galeria Citania en1981. Asinada no ángulo inferior dereito: "Souto".

Esta obra de Arturo Souto Feijoo (1902-1964) presenta unha paisaxe que integra a natureza como plano último, a arquitectura nun plano intermedio e a escultura en primeiro termo. Como o seu propio título reflicte, trátase da representación dunha escultura, probablemente unha alegoría da cidade de Roma que se presenta como unha muller. Neste contexto pode entenderse que se atope nun pórtico que rodea un estanque ou fonte que lembra a tradición clásica italiana.

A maneira de compoñer os espazos revela a influencia académica na que se forma o artista; aplicación dos tres eixos que crean a profundidade. Así e todo, Souto dá un paso máis e comeza a diluír as figuras, empregando recursos sintéticos propios das Vangardas Históricas. Igual que sucede co Cubismo, minimiza os detalles, case non se ofrecen datos concretos que acheguen pistas sobre a identidade da figura. Non hai trazos persoais, só se suxire a idea. O mesmo sucede co espazo no que se sitúa a acción, unha fonte, pero indeterminada.

En canto ao emprego das cores, pola maneira na que se fai, pode distinguirse a influencia da corrente fauvista no uso de cores anacrónicas, vermellas, amarelos e azuis. Na maneira na que se aplica a mancha de cor, hai unha lembranza á tradición impresionista, en tanto que o uso da liña negra apunta a unha conexión coa técnica expresionista.

Falar de Arturo Souto invita a lembrar as escenas de festas no París nocturno, as salas de cabaré, bailarinas ou prostíbulos. Pero esta obra forma parte dunha etapa anterior, a republicana que coincide co momento no que é premiado e recibe unha bolsa da Academia de San Fernando na Academia Española en Roma. Este momento supón un xiro na obra do pintor, porque non só cambia a súa maneira de entender o que a pintura pode contar, senón as diferentes forma que existen para expresalo. Influído polas novas correntes europeas, esta obra coincide co momento no que coñece a de Giorgio de Chirico.

O óleo foi adquirido na Galería Citania, para a colección da Universidade, en 1981.

Arturo Souto forma parte dunha serie de artistas con proxección internacional. Formouse entre Sevilla e Madrid, e foi a París cunha bolsa, onde entrou en contacto coas correntes artísticas máis avanzadas do momento. Seguramente esta estadía xustifica parte das temáticas que desenvolve na súa obra e supuxo unha renovación para a práctica pictórica galega de preguerra.

Traballou para o goberno republicano español na elaboración de material propagandístico. Xunto con Picasso, forma parte do grupo con representación no Pavillón Español da Exposición Universal de París, en 1937, no momento do lanzamento da súa carreira como artista ao servizo da República. Son anos complicados polo conflito bélico español e o seu desenlace, o que provoca o seu exilio en América, establecéndose definitivamente en México ata o seu pasamento.

Como aconteceu con outros artistas e escritores contemporáneos, o conflito bélico foi un motivo de interpretación na súa obra, que presentou en varias exposicións fóra da Península. Revolucionario en canto ás formas e á maneira na que emprega a cor, sempre con certa inclinación cara á estética do Expresionismo, e co recordo da obra de Goya de fondo, mantívose dentro da Figuración. As súas temáticas tamén ensinan cambios, de maneira que aínda que o seu repertorio e o estudo de tipos iconográficos e de recursos formais se afianzan durante os seus traballos para a República, pode dicirse que as súas escenas de taberna e cabaré, a vida nocturna, os lupanares…, situacións coas que se puido familiarizar durante a súa época na Cidade das Luces, son características do seu facer. Un repaso pola súa obra permitirá apreciar a importancia que o artista lle deu á figura feminina. Ademais, o valor e a función que ten a cor nestas pinturas, así como unha certa tendencia a facetar as figuras, delata a influencia dos movementos Fauvista e Cubista.

Na actualidade, xunto con Maruja Mallo ou Eugenio Granell, Arturo Souto é un dos artistas galegos máis representativos da Arte de Preguerra. Igual que a dos seus compañeiros, a súa obra está altamente demandada, sendo un dos artistas galegos, xunto con Lugrís, Colmeiro ou Maside, cuxos traballos adquiren maior prezo nos mercados de Arte.

A. Castro et al., 2011: A. Castro et al., “Arturo Souto”, Galegos, nº. 13, (2011).

X. A. Castro Fernández, 1993: X. A. Castro Fernández, “Arturo Souto”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.), Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña, Hércules, 1993, pp. 46-48.

P. Porta Martínez, 2002: P. Porta Martínez, Arturo Souto, Vigo, Promocións Culturais Galegas, 2002.

M. L. Sobrino Manzanares, 1984: M. L. Sobrino Manzanares, Arturo Souto: Exposición antológica: VI Bienal Internacional de Arte 84, Pontevedra, Diputación Provincial, 1984.

A. Souto Alabarce et al., 1996: A. Souto Alabarce et al., Arturo Souto: 1937-1964: óleos y dibujos, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 1996.

X. C. Valle Pérez, 1997: X. C. Valle Pérez (coord.), Arturo Souto: (1902-1964). Catálogo da exposición, A Coruña, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1997.

VV. AA., 1988: Arturo Souto. Exposición Antolóxica, Vigo, Caixavigo, 1988.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000252
Autoría: Arturo Souto
Título: Roma - Figura no estanque
Temas: 
Arquitecturas e edificios
Figura de
Muller
Metafísico
Data: 1934
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 110 cm Longo: 94 cm (sen marco) Alto: 130,5 cm Longo: 114 cm Ancho: 4 cm
Materiais: 
Liño