Rúa do Vilar
Na década dos 90, Manuel Matas comeza a traballar na serie Perspectivas Urbanas de Galicia que presentaría nunha exposición no Colexio de Fonseca de Compostela. As protagonistas son visións aéreas, perspectivas ou rúas, -como neste caso que nos presenta a Rúa do Vilar coa Torre do Reloxo no fondo-. Desde unha óptica realista e cunha depurada técnica, Matas amósanos un recanto evocador da Compostela monumental que denota a súa admiración e influencia por Canaletto, o romántico galego Cancela ou os impresionistas franceses. Busca tamén a captación do ambiente, da atmosfera, e aquí recolle unha visión do amencer de luz clara. O resultado final pretende non ser só un cadro realista, senón que o pintor busca trasmitir a sensación de nostalxia e suxestións. Asinado no a.s.e. : "M. Matas"