Salvador Cabeza de León
Xa sendo decana Milagros Otero Parga, encoméndaselle o seu retrato ao pintor Xoán Fernández (C, García Bayón, 2002). Salvador Cabeza de León -1864-1934- foi catedrático de Dereito Internacional -1918-1934- e decano entre 1920 e 1928 (I. López Silva, 2011; E. Conde, 2012). Está datada a pintura no ano 2002. Pártese dunha coñecida fotografía para caracterizar o personaxe, seguindo, en liñas xerais, as directrices mantidas nos decanos previamente retratados (J. M. García Iglesias, 2016, p. 227-228). Tamén cabe relacionar a súa imaxe coa que mostra o vítor que, sobre este mesmo personaxe, realizou Xurxo Martiño (J. M. García Iglesias, 2016, p. 307-308; J. M. García Iglesias, 2021, p. 95-96). A adaptación do retrato ao que demanda a conveniente homoxeneidade dunha galería de decanos, acomoda a representación ao medio corpo, coa muceta vermella de Dereito e a medalla de doutor. Tamén, neste caso, se procura ser o máis fidedigno posible no tratamento do rostro, delimitado por un fondo neutro e resaltando o cabelo e o bigote branco co que se pretende distinguilo.
Naceu en Betanzos (1864-1934) e licenciouse en Dereito (sección de Civil e Canónico) en 1884 na Universidade de Santiago. Foi doutor en Dereito na Universidade Central en 1887. Inicia a docencia na Universidade de Santiago en 1887 como profesor auxiliar de Dereito Mercantil e Internacional. En 1903 accede á Cátedra de Dereito Internacional Público e Privado na mesma facultade, da que será decano entre 1920 e 1928 (Vid. F. J. Sánchez Cantón, P. Pedret Casado, F. Bouza Brey, 1964, pp. 257-258; L. Fontoira Surís, C. García Rodríguez, 2004, pp. 216-217). Ademais das súas publicacións, tras a súa morte, o bibliotecario Enrique Fernández Villamil ordena, completa e publica os materiais que Cabeza de León preparara sobre a historia da Universidade compostelá, obra de referencia neste ámbito de estudo (Vid. S. Cabeza de León, 1934, pp. 93-95).
En 1890 participa na constitución da Asociación Rexionalista Galega e en 1898 promove, con Alfredo Brañas, a creación dunha organización rexionalista católica que se denominará Liga Galega. Foi alcalde de Santiago entre 1910 e 1914. En 1932 presidiu a comisión redactora do Anteproxecto do Estatuto Galego. Pertenceu á Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, á Real Academia Galega, ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos Galegos, sendo o seu presidente desde 1925 ata a súa morte.
Ao traballar conxuntamente o pintor Xoán Fernández na concreción pictórica de dous retratos de decanos, exponos desde uns certos criterios de complementariedade compositiva, aínda cando non os dimensiona de forma semellante xa que, no relativo a Gárate, proponse unha maior ocupación do espazo pintado por parte do personaxe.
Ten como elemento central unha fotografía que o pintor Xurxo Martiño copia dunha existente no Arquivo da Real Academia Galega. Inclúea sobre un fondo no que se xoga con dous campos de cor sobre os que parece impoñerse o retrato en cuestión baixo o cal se dispón unha forma esférica coa que o artista identifica o mundo do Dereito, entendendo que a esfera é unha forma que simboliza a perfección e, por tanto, o máis xusto.
Neste caso, a epígrafe di así: Ó INSIGNE D. SALVADOR CABEZA DE LEÓN (1863-1934), / NATURAL DE BETANZOS, CATEDRÁTICO DE DEREITO/ INTERNACIONAL PÚBLICO E PRIVADO, DECANO DA FACULTADE DE DEREITO. ALCALDE DE SANTIAGO, FUNDADOR DAS ACADEMIAS GALEGAS, &C. &C
E. Conde, 2012: E. Conde, “Cabeza de León, Salvador”, en Diccionario de catedráticos españoles de Derecho (1847-1943), Madrid, Universidad Carlos III de Madrid, https://portal.uc3m.es/portal/page/portal/instituto_figuerola/programas/phu/diccionariodecatedraticos/lcatedraticos/cleon, 2012.
C. García Bayón, 2002: C. García Bayón, “Xoan Fernández”, en A. Pulido Nóvoa: Figuracións-Abstraccións, Vigo, Nova Galicia, Edición 2002, pp. 126-153.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2106.
J. M. García Iglesias, 2021: J. M. García Iglesias, A Minerva Compostelá. As súas glorias, Santiago, Universidade de Santiago de Compostela, 2021.
I. López Silva, 2011: I. López Silva, “Salvador Cabeza de León”, en Real Academia de la Historia, Diccionario biográfico electrónico. https://dbe.rah.es/biografias/53839/salvador-cabeza-de-leon, 2011.