San Andrés de Teixido
Trátase dunha paisaxe panorámica de San Andrés de Teixido que realizou o artista coruñés con figuras propias da inocencia infantil, resoltas a través dun trazo sinxelo e dunha cor viva e luminosa. Peteiro consegue crear un estilo único e característico no que a temática paisaxística galega é, sen dúbida, o protagonista claro na súa obra. Ademais da súa pintura, tamén podemos encontrar o seu estilo único en murais cerámicos e esculturas.
O autor coruñés definiu esta doazón á Universidade de Santiago de Compostela en 2010 como "un pacto de amizade e competencia leal entre San Andrés de Teixido e Santiago de Compostela. Lima antigas rifas entre San Andrés e o apóstolo Santiago." Conta a lenda que os de Teixido queixábanse de que Santiago restáballe peregrinos, polo que Deus tivo que mediar asegurándolles que a San Andrés peregrinarían en romaría todos os mortais baixo o risco de convertérense en bichos se non o cumprían. Estes son os que percorren o marco branco que centra unha vista panorámica da aldea de San Andrés de Teixido, definida pola súa característica igrexa, a fonte con tres saídas e o forte desnivel do terreo fronte o mar. Xunto a eles, figuras definitorias da súa produción, as flores na parte inferior, a cima das árbores redondeadas ou as formas das nubes case animálisticas.