Santa Rosa de Viterbo
Este lenzo de Alonso del Arco, pertencente á escola barroca madrileña do século XVII, representa a Santa Rosa de Viterbo. A Santa, descalza e de pé sobre uns libros, viste unha austera túnica marrón, co cordón de tres nós, é dicir, o hábito franciscano. Con longa cabeleira solta, xira a cabeza mirando cara o ceo. Leva na man esquerda un crucifixo e sobre ela un anxo e multitude de rosas caendo que fan referencia ao convento de Santa Maria das Rosas no que a santa quixo entrar pero non foi aceptada e tamén ao convento de Santa Rosa, antigamente de San Damián, no que descansa o corpo da santa. Na parte inferior esquerda hai unha escena da vida de pequenas dimensións, protagonizada pola santa, coa mesma iconografía, e que semella unha aparición milagrosa. A fogueira sobre a que se aparece a santa, pode facer alusión ao incendio ocorrido na igrexa na que fora enterrada e que segundo a tradición a penas danou o xa seu incorrupto corpo.