Santo Toribio de Mogrovejo
Escultura que representa a Santo Toribio de Mogrovejo, prelado español a quen Felipe II enviou a Lima, cidade onde exerceu o cargo de arcebispo. O seu culto está estendido en toda Latinoamérica. A festa é o 23 de marzo. Viste indumentaria arcebispal: capa, mitra e sagrado palio. Preside o retablo lateral esquerdo da Igrexa. A relación de Santo Toribio coa Universidade compostelá é pola súa formación na mesma, onde se licenciou en Cánones en 1568. Segundo Monterroso Montero, a talla foi realizada dúas décadas antes que o retablo. Estas circunstancias xustifican as diferenzas estilistícas: mentres o retablo presenta formulacións tardobarrocas e rococós, a imaxe de Santo Toribio presenta aínda un vocabulario seiscentista, evidente na factura da cabeza e dos brazos. Esta imaxe, igual ca outra do Mosterio de San Martiño Pinario, presenta a singularidade da iconografía de colexial. Inscrición na peana: "S TORIBIO ALFOSO MOGROUEJO"