Sen título

Urbano Lugrís González
MIriam Elena Cortés López

Unha moi persoal concepción dun bodegón ou dunha natureza morta, dentro do universo de Urbano Lugrís. Asinado a. i. d.

A inconfundible linguaxe visual de Urbano Lugrís (1908-1973) queda plasmada nesta obra que representa unha paisaxe. O mar no fondo, o ceo contido, as árbores resoltas de maneira sintética remiten á influencia da pintura metafísica característica de certos artistas surrealistas, como Giorgio de Chirico e Carlo Carrá. Contrasta con esa maneira, que podería describirse como metálica, fría e artificial, a acumulación de obxectos no primeiro termo, dispostos dunha forma fantástica. Na confluencia destes dous planos é onde se recoñece o peculiar estilo de Lugrís. A acumulación de pequenos obxectos, o emprego do fanal, contedor de microarquitecturas, animais e elementos do mundo mariño, como cunchas e bucinas, así como as figuras fantásticas de sereas ou bestas con formas imaxinadas, lembran a influencia de El Bosco e de artistas contemporáneos como Salvador Dalí e dan esa perspectiva onírica que comparte co pintor de Cadaqués.

Polo tipo de formato empregado, así como a temática á que recorre, podería dicirse que esta obra talvez fose realizada en tempos próximos á execución da Habitación do mariñeiro, que pertence ao Museo Quiñones de León.

O ambiente familiar que rodea a figura de Urbano Lugrís xustifica a súa vocación polas artes. Críase entre poetas, pianistas e artistas, o que facilita o contexto adecuado para a súa realización profesional. Pero non sería xusto dicir que na súa proxección artística só interviñese este factor. Un repaso pola súa obra permite apreciar de inmediato que na súa figura se reunían o enxeño e a habelencia suficientes como para crear non só un estilo que toma como base as directrices do Surrealismo, senón unha galería temática e iconográfica que constituirá a verdadeira sinatura do autor e a súa consideración como grande artista contemporáneo galego.

Relacionado coa elite cultural galega, durante a súa estadía en Madrid coñeceu aos membros da Generación del 27, entre eles a Alberti e Lorca, e colaborou con este último na súa compañía teatral “La Barraca”. De feito, ademais da pintura, tamén practicou a arte das letras. Participou en revistas, sendo el mesmo promotor de Atlántida, en compañía de Mariano Tudela. A súa afección polo teatro podería xustificar algún dos escenarios que quedaron plasmados na súa obra, así como o seu gusto polo mar e todo o que este agocha tras de si. Os espazos mariños ou as estancias de mariñeiros que recrea nas súas obras trasladan a mundos repletos de pequenas curiosidades, miniaturas e imaxes envoltos dentro dunha atmosfera contida. Lugrís é un apaixonado da lectura e como tal, a traslada á súa obra pictórica, que comeza a desenvolver con maior intensidade despois da Guerra Civil.

Ben sexa a través de cadros, ventás ou cuartos, as súas paisaxes, xénero que desenvolveu con maior empeño, en certo sentido encerran o espírito metafísico da obra de Giorgio de Chirico, dulcificándoo en ocasións coa incorporación ou acumulación de pequenos obxectos que transmiten historias: estancias repletas de mobles, pratos, bólas de cristal, libros, lámpadas, reloxos…, e os barcos e velas, cunchas e bucinas, compases e esferas terrestres. A través deles, Lugrís plasma ese mundo recreado por medio das lecturas de Xulio Verne e as historias e mitos sobre mundos subacuáticos. En certo sentido, cando Lugrís desenvolve este tipo de obra, aproxima dalgunha maneira a lembranza de artistas como El Bosco.

Ao longo da súa carreira, o artista terá ocasión de desenvolver outro tipo de actividades, entre as que destaca a súa faceta como muralista, participando en proxectos realizados para asociacións e confrarías na Coruña e Malpica, pero tamén noutros desenvolvidos en Madrid. Unha das súas actuacións máis significativas foi a colaboración no Gran Hotel de Vigo e xa na década de 1960 sobresae a súa participación na igrexa parroquial de Vilaboa.

Igual que sucede con outros compañeiros de profesión, a proxección e prestixio que alcanzou a obra Urbano Lugrís, non só se xustifica a través das exposicións nas que participou; na serie de catálogos e obras que afianzan a relevancia que ten no marco da Arte Contemporánea Galega; ou na serie de acontecementos, actos e celebracións realizados no seu nome. Na actualidade a súa obra ten unha alta demanda no mercado de arte, e o seu valor de venda reflicte a consideración do artista.

X. A. Castro Fernández, 1993: X. A. Castro Fernández, “Urbano Lugrís”, en F. Rodríguez Iglesias (ed.): Galicia. Arte. Arte Contemporáneo I, vol. XVI, A Coruña: Hércules, p. 63-68.

A. González-Alegre et al., 1984: A. González-Alegre et al., Lugrís. Catálogo de exposición, Vigo, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, 1984.

J. M. López Vázquez e J. M. Monterroso Montero, 2009: J. M. López Vázquez e J. M. Monterroso Montero, Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fingal, Vigo, Museo Quiñones de León, 2009.

A. Patiño, 2003: A. Patiño, Urbano Lugrís nos fondos da Colección Caixa Galicia, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 2003.

A. Patiño, 2007: A. Patiño, Urbano Lugrís: Viaje al corazón del Océano, Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 2007.

A. Patiño, 2008: A. Patiño, Urbano Lugrís nos fondos da Colección Caixa Galicia, A Coruña, Fundación Caixa Galicia, 2008.

A. Patiño, 2008: A. Patiño, Urbano Lugrís: Viaje al corazón del Océano, Vigo, NigraTrea, 2008.

L. Rei Núñez et al., 1989: L. Rei Núñez et al., Urbano Lugrís. Catálogo de exposición, A Coruña, Xunta de Galicia, 1989.

E. Tilves Pazos et al., 2004: E. Tilves Pazos et al., Lugrís, Señor dos pazos do mar. Catálogo de exposición, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2004.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000272
Autoría: Urbano Lugrís González
Título: Sen título
Temas: 
Bodegón
Data: ca. 1940
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 77 cm Longo: 77 cm Alto: 93,5 cm Longo: 93,5 cm Ancho: 5,5 cm
Materiais: 
Táboa