Sen título

Xosé Vivián Lourenzo "Bibián"

Durante a década dos '80, Bibián traballou nunha serie -que expón na mostra do colectivo Nome en Lugo en 1988-, que recolle un traballo no que as formas que presenta teñen o seu punto de partida e a máis clara influencia na pintura prehistórica, coa que pretendía recuperar o comezo da pintura e reinvindicar o valor e os modos de facer nos comezos da arte. Dentro desta serie inclúense tres obras que se conservan na Facultade de Matemáticas da USC. Aínda que comparten elementos comúns, esta caracterízase por unha maior aproximación á abstracción cás outras, suxeríndose tan só a forma animal. Cabe subliñar a xestualidade do trazo negro, que acada maior enerxía e expresividade ao superpoñerse directamente á superficie branca e rodearse dun fondo lixeiramente tinguido de cores apagadas e de impresión acuosa. Asinado no a.i.d.: "Bibian 84"

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000311
Autoría: Xosé Vivián Lourenzo "Bibián"
Título: Sen título
Temas: 
Abstracto
Data: 1984
Técnicas: 
Acrílico
Dimensións: 
Alto: 196,5 cm Longo: 130,5 cm Fondo: 2 cm (carece de marco)
Materiais: 
Lenzo
Localización: Casa da Cuncha