Tabaqueira de marfil
Caixa de rapé de prata e marfil decorada en relevo nun lado con motivos florais e no outro cunha batalla. Asinada no pé: "MFF Fecit". Gardada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome.
As caixas de rapé son pequenos estoxos popularizados desde a Idade Moderna nos que se gardaba a voaxa de tabaco para o aspirar. As máis exquisitas estaban construídas en materiais ricos como ouro e prata con engaste de pedras, esmaltes ou, neste caso, marfil minuciosamente tallado, en dúas placas aplicadas á caixa metálica. Podían estar decoradas con patróns ornamentais ou con pequenas imaxes de episodios bíblicos ou cortesáns. Estas caixas caixas responden ao gusto do Gabinete de Curiosidades polos obxectos en miniatura tallados finamente en materiais ricos.