Tabaqueira de marfil lobulada

Ana Pérez Varela

Caixa de rapé de prata e marfil decorada minuciosamente en relevo nun dos lados coa escena bíblica de Esther e Amán e no outro con motivos florais e xeométricos. Gardada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. 

Unha peza a destacar dentro da arte de traballar o marfil na colección do Gabinete é unha delicada caixa de rapé ou tabaqueira de perfil mixtilíneo decorada cunha escena iconográfica tallada, datada contra 1700. As caixas de rapé son pequenos estoxos popularizados desde a Idade Moderna nos que se gardaba a voaxa de tabaco para o aspirar. As máis exquisitas estaban construídas en materiais ricos como ouro e prata con engaste de pedras, esmaltes ou, neste caso, marfil minuciosamente tallado, en dúas placas aplicadas á caixa metálica. Podían estar decoradas con patróns ornamentais ou con pequenas imaxes de episodios bíblicos ou cortesáns. Neste exemplar podemos observar ambas as dúas facetas. No reverso, a superficie mixtilínea divídese en cuarteis ondulantes en torno a un centro alargado e cubertos todos eles cun traballo de patróns vexetais a candelieri en baixorrelevo. O anverso, cun relevo moito máis rico desde o punto de vista iconográfico e sobre todo técnico, contén o episodio do Antigo Testamento de Ester e Asuero.

A historia bíblica cóntase no Libro de Ester, filla adoptiva de Mardoqueo, casada co rei persa Asuero, nome bíblico de Xerxes I. O momento máis interesante da súa historia é cando se aparece diante do seu marido para lle revelar a súa ascendencia xudía, para pedirlle que, como rei, deixase de perseguir ao seu pobo. Consciente da prohibición da entrada de mulleres ao Salón do Trono e ante o medo de revelar como a súa relixión aquela que o seu home perseguía, a muller desmaiouse (Libro de Ester, 15, 9-10). A escena tradicionalmente escollida na historia da arte para ser representada, polo seu patetismo e dramatismo, é precisamente o momento do desmaio, que podemos observar nesta tabaqueira. Non atopamos o modelo exacto desta iconografía, que seguramente estaría copiado dunha estampa ou gravado. O esquema compositivo, así e todo, resulta moi semellante á maioría de obras de arte que o tratan, tales como as de Rubens -1620-, Gentileschi -1628-1635- ou Poussin -1655-. Na parte dereita, o rei Asuero —con tocado turco— levántase do seu trono, sinalando co cetro á súa muller na esquerda, que se atopa desmaiada, axeonllada e asistida por dúas doncelas. Arrodea a escena unha serie de personaxes sorprendidos, tanto soldados como acompañantes do rei, con vestimentas persas. Cómpre destacar a preocupación pola procura da perspectiva e a profundidade de campo, coa colocación dunha figura nun plano afastado que pode ser Mardoqueo, padre adoptivo de Ester e instigador da escena, quen non foi admitido en palacio para levar a cabo a devandita protesta. A arquitectura palatina concrétase en columnas corintias, un arco representando a porta de entrada e un rico dosel de colgaduras que velaría o trono. A escena está finamente tallada a trépano e nela se distinguen diferentes niveis de relevo consonte a profundidade.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000174
Título: Tabaqueira de marfil lobulada
Temas: 
Histórico
Data: século XVIII
Técnicas: 
Eboraria
Dimensións: 
Alto: 1,5 cm Longo: 7,5 cm Ancho: 5 cm
Materiais: 
Marfil