Temporal
Nesta obra de Deflet Kappeler, artista alemán afincado en Muxía, a mestura de técnicas, a explosión de cores e as formas contrastadas marcan a dualidade entre a inmensidade e o frenesí do tempo. Os rostros superpostos co cabelo en movemento dun deles, xunto coas diferentes técnicas do action painting, como o dripping, forman unha obra chea de dinamismo estético. A redución das cores e das estruturas lixeiras crean un marco perfecto para as ideas destrutivas do autor.
Deflet Kappeler é un pintor, arquitecto e catedrático alemán nacido no ano 1938 e afianzado dende o ano 2004 en Muxía. A súa obra defínese dentro do expresionismo abstracto pero, para encontrar a súa propia linguaxe, realiza unha gran evolución no estudo da técnica e da temática existencial presente en toda a súa carreira.
Kappeler comeza a súa traxectoria artística coa pintura mural en espazos públicos onde pretende visibilizar os problemas sociais e políticos do momento. Para iso, emprega elementos Pop como as cores propias da publicidade. A súa pintura consegue impactar polo gran formato, as cores e a experimentación nos diferentes modos de expresión. Nestas pezas xa logra destacar o carácter fragmentario das formas enfrontándose coa condición estática da obra pictórica e a estabilidade do presente.
A pobreza, a guerra e a loita psicolóxica son liñas temáticas presentes en toda a súa evolución. Dende os rostros desfigurados e o frenesí das cores, o autor traballa nunha reflexión política á vez que íntima onde a linguaxe abstracta desenvolve un estilo único.
A partir de 1991, nun contexto marcado pola Guerra do Golfo, Kappeler comeza a aumentar o seu número de obras. Nelas, as formas corporais atormentadas encarnan o dominio da morte, da decadencia e da melancolía mesturadas coa rabia e a rebeldía desafiante.
En 1994, Kappeler trasládase a Barcelona trala súa exposición itinerante na Galería Gaspar cos seus traballos más recentes. Decide mudarse a cidade onde se centra nos bosquexos e debuxos en placas de zinc.
No ano 2004 múdase a Muxía - Costa da Morte, establecendo alí a súa morada. Admite que non se encontra como un estraño, senón nun lugar onde só cambia a lingua. En 2007, leva a Potsdam (Alemaña) unha exposición na que se centra nunha percepción artística sobre a costa galega, na que a paisaxe é unha forza poderosa para a vida e para a morte. Esta xuntanza temática, entre a contorna e o existencialismo, terminará de transformar a súa carreira artística.