Vaso de corno de rinoceronte 2

Autoría descoñecida
Ana Pérez Varela

Vaso chinés realizado en corno de rinoceronte esculpido con motivos de polbos. Forma parella con outro vaso similar, acubillados os dous nunha vitrina no cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte da colección coñecida como Gabinete de Curiosidades creado en 1841.

Dúas das pezas máis curiosas do Gabinete de Curiosidades son uns vasos realizados en corno de rinoceronte, tallados con motivos orgánicos, procedentes de China e contextualizados no período da dinastía Quing -1644-1912-, concretamente entre os séculos XVIII e XIX. Presentan unha forma semiovalada, cun pé plano e unha parte sobresaínte para o asir, a morfoloxía característica deste tipo de pezas. Están decorados con motivos de polbos serpeantes que ramifican os seus tentáculos entrelazándose con outras partes de animais, como patas con gadoupas ou cabezas de ave, conformando un todo con aspecto orgánico, e que culmina na parte superior da asa cunha cabeza de dragón que mira cara ao interior da copa. A isto contribúen os adornos de sintéticas espirais de aspecto caligráfico e a forma xeral nebulosa. Sobresae a minuciosidade dos patróns decorativos incisos, por unha banda, a fina plumaxe dos animais, por outra, unha placa mixtilínea tamén de aspecto de nube sobre un campo de grecas xeométricas no corpo, e finalmente, esa mesma orla repetida no bordo do vaso.

Este tipo de pezas en corno de rinoceronte popularizáronse na dinastía Ming -1368-1644-, xerando exemplares moi cobizados pola escaseza do material, nos que se combinaban técnicas de tallado doutras artes, como as de bambú, madeira, metal ou xade. Os cornos de rinoceronte, que foron empregados como material preciosista, non son en realidade un óso, senón que están formados por queratina e teñen unha dureza distinta, que require tamén de técnicas de traballo especiais. Por mor da propia forma do corno, a maioría destas pezas foron talladas a xeito de recipientes, e especialmente vasos ou copas para libacións, como é o caso das compostelás.

A presenza destas pezas no Gabinete de Curiosidades é unha das máis facilmente explicables, xa que cumpren o gusto destas coleccións polo raro, o exótico, os materiais aos que tradicionalmente se lles atribuíron propiedades máxicas e a minuciosa talla en miniatura. Ademais, estes exemplares en concreto son dun corno tongxi, nome que reciben aqueles que, unha vez seccionados, presentan un ton marrón máis claro no bordo, que se vai escurecendo a negro consonte se avanza ao interior, o que fai estas pezas aínda máis ricas e exclusivas dentro do seu xénero.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000183
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Vaso de corno de rinoceronte 2
Data: Dinastía Quing (XVIII-XIX)
Técnicas: 
Talla
Dimensións: 
Alto: 10 cm Longo: 18,5 cm Ancho: 11 cm
Materiais: 
Corno de rinoceronte