Vaso de marfil con tapa

Ana Pérez Varela

Vaso con tapa decorado en relevo con cupidos. Copia dos xerróns de Villa Medici. Gardado na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841 como elemento complementario da cátedra de Historia Natural.

Este pequeno vaso de marfil con tapa, datado contra 1700, é unha copia dos da Villa Medici. Á súa vez, estas pezas estaban inspiradas nas cráteras gregas de mármore do século I, cuxo mellor exemplo é o conservado na Galleria degli Uffizi, proveniente da mesma vila florentina, obra moi copiada en multitude de materiais e con diferentes iconografías e decoracións. De considerables dimensións e exquisita calidade, o gran vaso italiano dispón dunha parte decorada con figuras e un pé a xeito de colo ovalado.

No tocante ao exemplar compostelán, presenta unhas medidas reducidas, para ser empregado realmente como vaso pequeno ou copa, pero conserva o mesmo esquema morfolóxico. Está constituído por un corpo cilíndrico case troncocónico -fronte aos vasos Médici, en forma de campá-, cun pé que imita os devanditos vasos, como un gran colo ovalado e adornado por grecas trenzadas, e unha tapa decorativa. O corpo está cuberto por unha serie de Cupidos, portando a súa alxaba de frechas, mentres que a tapa repite catro destas figuras en menores dimensións e actitude máis dinámica, en posturas cos corpos en torsión para volverse uns a outros por parellas.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000175
Título: Vaso de marfil con tapa
Data: século XVIII
Técnicas: 
Eboraria
Dimensións: 
Alto: 10,5 cm Diámetro: 4,5 cm
Materiais: 
Marfil