Ventá
A colección da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago ten nesta obra un testemuño evocador de alguén que se licenciou na mesma. E foi en Compostela, na Sala “Matisse” e no “Modus Vivendi”, onde, por 1978, Monroy mostrou por primeira vez de forma individual as súas obras, precisamente no ano no que conclúe os seus estudos. Neste caso, estamos ante un lenzo seu de cara a 1980, a relacionar coas súas series dedicadas ás xanelas, na antesala do momento no que aquel movemento galego renovador que supuxo Atlántica abre novos camiños para a arte e os artistas desta terra. É el un autor próximo, entre outros, a Antón Patiño e Menchu Lamas; tamén, a Ánxel Huete.
Concibido a modo de díptico, unha franxa vertical de cor marrón divide o cadro en dúas metades simétricas. Cun gran rigor xeométrico, Monroy cobre a superficie pictórica por medio de figuras romboidais, triangulares e cadradas. Pero o que máis chama a atención son as cores, dispostas por medio dunha pincelada áxil e ampla de trazo enérxico cunha gama cromática de corte expresionista na que teñen cabida os laranxas, amarelos, azuis, verdes, que poñen de manifesto a influencia de Matisse. Referido ao tema, Monroy recorre á representación de elementos do seu "hábitat", que plasma a través destas fiestras que permitirían a visión dun tendal de roupa.
Aínda que Monroy se licenciou en Ciencias Económicas na Universidade de Santiago de Compostela, desde un primeiro momento decidiu dedicar a súa vida integramente á pintura.
A súa verdadeira traxectoria artística comezou en 1974 cando tivo a oportunidade de expoñer os seus traballos na Bienal de Pontevedra. A partir de entón comezou a participar en diversas exposicións colectivas e nas feiras ao aire libre que se celebraron en Vigo. Ademais viaxou a París para coñecer e comprender a pintura europea que se estaba a realizar neses momentos.
Posteriormente, entre 1976 e 1977, trasladouse a Madrid para cumprir co servizo militar e en 1978, xa en Galicia, iniciou o seu camiño no mundo das exposicións individuais.
Monroy vinculouse a unha nova xeración de pintores que xurdiu en Vigo. Este, xunto con outros integrantes como Antón Patiño, Menchu Lamas ou Ánxel Huete, decidiron viaxar a Nova York. Por mor desta viaxe formaron o movemento Atlántica co que colaboraron en 1980 coas edicións de Baiona e, posteriormente, coas de Santiago de Compostela e Madrid.
Desgraciadamente, faleceu en 1982 por mor dun accidente de tráfico e non foi ata once anos máis tarde cando obtivo a súa consagración grazas á exposición antolóxica que realizou a Casa das Artes do Municipio de Vigo (vid. M. X. Ruíz, 1993: 11-13; M. A. Abellán, 1993: 95-97).
Do seu modo de pintar díxose que “… constrúe un mundo de luz, un cosmos radiante. Rotación de figuras na fragmentación do espazo nun universo luminoso de formas polarizadas… non hai anguria, a axitación do trazo obedece a unha actitude vitalista.” (A. Patiño, 1993: 20). E, tamén, que “ a pintura era o seu vehículo de comunicación e, nela, habería sempre obxectos que a poboaron, desde a cen veces pintada cancela da casa de San Paio ata as macetas e ventás.” (A. González-Alegre, 1993: 80).
E, como se escribiu, “a súa obra fala dos seres humanos e tamén do seu mundo inmediato, as xanelas, as cadeiras, as mesas, o propio estudio… tamén lle interesaba moito a música” (M. Cabrera, 1993: 98). Era, ademais, “dono da linguaxe que manexaba, plena de brillante cromatismo; pero, ademais, dotada dunha poderosa orixinalidade, apoiada principalmente nun estalante ritmo xestual que sacode a tea como un látego” (F. Calvo Serraller, 1993: 104). En definitiva, estamos ante un artista que “trataba de fusionar a arte e a vida, avogando polo cotián, pola enerxía, polo espírito libre." (D. Barro, 2005: 247).
Díxose que “Monroy, como pintor, elixiu a cor para cantarlle a liberdade ao mundo. Fixo do cadro unha lóxica de liberdades. Unha desorde aparente dos sentidos que nos leva ao goce. Fixo da cor pensamento libre e limitado… As súas fiestras estaban sempre abertas ás belezas do mundo e ós matices do corazón.” (A. Pexegueiro, 1993: 93).
É verdade que se lle vinculou á abstracción á vez que se significou o seu coñecemento do expresionismo abstracto americano e, sobre todo, do legado de Matisse (Vid. A. Castro, 1993: 82). Naturalmente, unha aprendizaxe e unha obra que xorden da relación entre ambos os mundos, América e Europa, outórgalle a cada concepto –expresionismo, abstracción…- un sentido diferente, propio e, así, cando se fala de expresionismo abstracto con relación a Monroy pouco ou case nada ten que ver co legado de Jackson Pollock. Ademais, tamén cabe dicir, ao contemplar a súa obra, que non é de todo allea ao mundo figurativo. Así, nunha obra como esta parece verse o mundo a través dunhas xanelas, mediante unha pincelada áxil, ampla e enérxica, con cores intensas e rechamantes.
Así, nese afán por representar os elementos e as rutinas da vida cotiá, decidiu plasmar neste lenzo, cun certo rigor simétrico, desagregando o espazo en definidos campos de cor, cheos de vida, partindo da idea de presentarnos uns tendais que reparten teas de cores e formas distintas, basicamente na parte superior do cadro… Estamos, máis que nada, ante “obxectos que funcionan máis que nada como pretextos para suxerir espazos vividos desde dentro, ou fiestras abertas á luz e á paisaxe.” (M. L. Sobrino, 1993: 86). Trátase, en definitiva, de “A SÚA FIESTRA!...tantas veces idealizada en filtracións de luz entre xanelas e visos imaxinados… ou datada en sensuais reflexos verdes e amarelos. Desde aquel marco de luz puña a “vista en movemento”, como el mesmo dicía, para deixarse namorar pola paisaxe, para pintala coa pureza dun adolescente.” (R. Pereiro, 1993: 90). E son así esas xanelas que “se abren a máis luz; estruturas trazadas a brochada limpa, peneirando unha luz branca, cegadora, conseguida –case non fai falta dicilo- por xustaposición de cores” (J. M. Bonet, 1993: 102).
Ata que punto Monroy tan só mira cara a adiante no seu modo de facer? Estamos ante un artista sumamente orixinal, é verdade, pero no pasado inmediato da arte galega hai modos de facer como foi o de Maside e o de Luís Seoane que fixan, tamén, unha certa tradición na modernización da mirada e do facer, na que cabe incardinar, tamén, un traballo como o que levou a cabo Monroy.
M. Abellán, 1992: M. Abellán Ruíz, “Evocación de Guillermo”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 95-97.
D. Barro, 2005: D. Barro, “Guillermo Monroy ”, en D. Barro, C. Vidal, Voces de Atlántica, Vigo (Editorial Galaxia, Fundación Marco), 2005, pp. 247-251.
J. M. Bonet, 1982: J. M. Bonet, “Creemos que está todo hablado…”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 100-103.
M. Cabrera, 1993: M. Cabrera, “(Monroy)”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 98-99.
F. Calvo Serraller,1993: F. Calvo Serraller, “Pintar después de morir”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 104-105
X. A. Castro, 1993: X. A. Castro Fernández, “(Monroy)” , en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 82-83.
A.González-Alegre, 1993: A. González-Alegre, “Sendo a sensación o máis importante”. Notas sobre o obxetual en Guillermo Monroy”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 79-81.
A.Patiño, 1993: A. Patiño, “A acción do trazo”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 19-24
R. Pereiro, 1993: R. Pereiro Alonso, “Guilermo Monroy, sublimación do entorno”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 89-91.
A. Pexegueiro, 1993: A. Pexegueiro, “Lembrando a Guillermo Monroy”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 92-93.
M. X. Ruíz, 1993: M. X. Ruíz Vázquez, “Verde no quiere decir hierba”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 11-16.
M. L. Sobrino, 1993: M. L. Sobrino Manzanares, “Guillermo Monroy: a propósito dun pequeño collage”, en Guillermo A. Monroy. Exposición Antolóxica. 9 de Febreiro-4 de Marzo, Vigo (Casa das Artes-Concello de Vigo), 1993, pp. 85-87.