Vítor de Alfredo Brañas
O vítor de Alfredo Brañas (1859-1900), obra do pintor Francisco Luis López Carballo, tivo que ser realizado pouco despois de 1956. Neste caso o retrato non está incluído explicitamente nun medallón, pero a súa forma, en certo modo, suxíreo; leva a muceta vermella, propia do Dereito, así como a medalla de doutor. Seguindo o habitual, complétase a composición cunha ambientación. No fondo pode verse, recortado nun ceo azul, un conxunto de arquitecturas e guindastres, así como uns hórreos, aludindo así a dúas caras do traballo de Galicia -unha vinculada ao mundo campesiño e a outra ao industrial, máis propio do mundo urbano-. Complétase cunha epígrafe.
En Alfredo Brañas ten a Universidade de Santiago un dos seus persoeiros máis relevantes (vid. P. Pedret Casado, 1956, pp. 388-395; R. Máiz Suárez, 1983, pp. 112-113; R. Máiz Suárez, 1984; C. Otero Díaz, 1992; J. G. Beramendi 1998; F. Puy Muñoz, S. Rus Rufino, 1998, pp. 164-184; M. Otero Parga, 1999; F. Puy Muñoz, 2000, pp. 311-338; A. Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008, pp. 560-562; A.L. Fernández Álvarez, 2012). Conta cunha serie de obras de referencia no seu xénero (vid. A. Brañas Menéndez, 1889; A. Brañas Menéndez, 1890; A. Brañas Menéndez, 1892; A. Brañas Menéndez, 1893a; A. Brañas Menéndez, 1893b; A. Brañas Menéndez, 1899a; A. Brañas Menéndez, 1899b; A. Brañas Menéndez, 1899c).
Como se sinalou, estamos ante unha obra do pintor Francisco Luís López Carballo (vid. J. M. García Iglesias, 2003, pp. 212, 272). É unha obra realizada pouco despois de 1956, momento no que Pedret Casado publica o seu traballo sobre a biografía deste personaxe (P. Pedret Casado, 1956, pp. 388-395). Sábese, por outra banda, que en 1967 formaba parte do conxunto de vítores sitos no claustro de Filosofía e Letras; alí mantense, aínda que nunha localización diferente á primeira (A. Álvarez Montes, 1967, pp. 33-34, 87-88). O pintor procura, en certos aspectos, aterse ás formas tradicionais dos últimos vítores tendo en conta, sobre todo, o pintado polo seu pai, Juan Luís, relativo a Vázquez Mella. Está sentado nunha cadeira de alto respaldo do que pode apreciarse a súa parte superior. Tamén concorda co usual a utilización dunha epígrafe que di: ALFREDO BRAÑAS MENÉNDEZ/ ALUMNO Y MAESTRO D.ESTA FA-/CULTAD. ORADOR ENTUSIASTA/ ECONOMISTA CULTÍSIMO QUE/ CONSAGRÓ SU CIENCIA AL BIE-/NESTAR D SUS COMPATRIOTAS/ 1859-1900. Neste caso escríbese nunha lápida que se engalana cunha grilanda, cunha flor na parte central, rememorando deste xeito a pintada polo seu pai no vítor de Vázquez Mella, que ten en conta tamén a forma da vieira sobre unha cruz de Santiago, motivo que aquí se axusta á grilanda e alí a unha esquina da pintura. Tamén, sobre dita grilanda pode verse nun lateral o escudo da Universidade compostelá, repetindo, así, nesta pintura un dos recursos máis habituais á hora de expor un vítor.
Deste xeito, o pintor debeu de contar con algún gravado ou fotografía relativo a este personaxe; neste sentido, ben pode coñecer o artista un gravado publicado no semanario lugués “A Monteira” o 1 de marzo de 1890 dedicado, precisamente, a Brañas. Tamén foi retratado por José Pena nun debuxo publicado nun número extraordinario de “El Alcance”, o 1 de xuño de 1893 (R. Jaudenes Pena, X. Álvarez Castro, 2009, p. 16). Esa ambientación, de carácter complementario, estrutúrase en tres partes. No fondo pode verse, recortado nun ceo azul, un conxunto de arquitecturas e guindastres, así como uns hórreos, de maneira que se alude a dúas caras do traballo de Galicia -unha vinculada ao mundo campesiño e a outra ao industrial, máis propio do mundo urbano-. No primeiro plano, baixo a epígrafe, móstrasenos un capitel e sobre el unha gaita. Deste xeito, o pintor parece querer tamén aludir a dous mundos: o culto e o popular; ou, se se quere, a dúas formas de ser e de facer cultura, en clave igualmente de Galicia.
O terceiro compoñente desa parte ambiental do vítor está constituído por unha muller que adquire na composición un notable protagonismo. Neste caso, López Carballo parece mirar, unha vez máis, a obra do seu pai. Se no vítor de Vázquez Mella a muller exposta como alegoría na súa parte dereita testemuña a Patria, neste caso a quen se mostra é a Galicia como unha muller que é, ao tempo, campesiña e culta -viste con formas un tanto populares, sobre todo no seu chapeu, pero está a escribir. Quizais a idea de representar “A Patria Galega” -denominación que tamén tivo o “Boletín-Revista Órgano oficial da Asociación Rexionalista”, que se puxo en marcha en 1891- estea patente na configuración desta imaxe simbólica, nun vítor no que, por outra banda, se recoñece a Brañas como “patriota”. Esa presenza da gaita, como a do escudo universitario e a dunha muller, presentada con sentido alegórico, quizais se explique mellor tendo en conta o coñecemento do citado gravado de “A Monteira”. Polo demais, López Carballo segue o camiño do seu pai ao outorgar á cor unha importancia fundamental nunha obra na que se valoraron ecos postcubistas e nexos con Rafael Zabaleta (R. M. Cacheda Barreiro, 2007, pp. 94-96).
O feito de que en 1906 se dispuxese trasladar ata aquí os restos de Alfredo Brañas foi o que constituíu esta capela en Panteón de Galegos Ilustres, algo proposto por Federico Manciñeira desde as páxinas de El Condado de Ortigueira, e, máis tarde, por 1898, por Antonio Gil Gómez nun artigo que escribe en Montevideo e que titula “Panteón de Galegos Ilustres” (X. R. Barreiro Fernández, 2007, p. 197). O tipo de monumento que se lle vai dedicar a Brañas disponse en fronte do de Rosalía e, en certo modo, dialoga con el en cuestións como o tamaño e a forma de entender a epígrafe que integra. Hai, con todo, diferenzas substanciais. Aquí incídese máis no ideal rexionalista ao incorporar, aos lados, os escudos de Galicia e de Santiago. Outra gran diferenza é que se dispón un vulto xacente, relativo ao personaxe; preséntase coa vestimenta propia dun profesor universitario, coa barreta aos seus pés e a medalla académica ao peito. Preséntase sobre a súa urna funeraria, cuxa fronte dispón toda unha serie de figuras -ata once na parte dianteira, con Cristo no centro e anxos e santos, cinco a cada parte; e tres, en cada lateral-. O tipo de arco que enmarca cada figura, así como o sistema de columnas que o soporta, parece inspirarse na propia urna funeraria apostólica, deseñada por José Losada, para a catedral compostelá e que concorda, por outra banda, no fundamental, co modo de mostrarnos outros personaxes nesta mesma igrexa. (vid. J. M. García Iglesias, 2011, p. 80.)
Neste caso a epígrafe dinos o seguinte: AQUI YAZ/ALFREDO BRAÑAS MENENDEZ/ BOO CRISTIANO: AGARIMO D´ A TERRA GALLEGA/ SABIDO MAESO ´N A ESCOLA COMPOSTELANA/ DEUS O TEÑA ´NO CEO/ NACEU/XANEIRO 11 1859/ FINOU/ FEBREIRO 21- 1900.
Pois ben, tras ser enterrado no cemiterio do Rosario, os restos de Alfredo Brañas foron trasladados a este mausoleo, desempeñando, unha vez máis, a Real Sociedade Económica un papel importante na súa erección. Sucedeu isto o 18 de xaneiro de 1906 (P. Pedret Casado, 1956, p. 395). Estamos no momento no que a obra pictórica do paraninfo estaba a concretarse. Á hora de valorar o monumento funerario co que se engrandece a súa figura, non debe pasar desapercibido o dato de que é unha obra de Rafael de la Torre Mirón, o artífice material do plan do Paraninfo; o seu nome R. DE LA TORRE escríbese no leito mortuorio, nunha parte próxima ao rostro de Brañas, delicadamente concibido.
“A. BRAÑAS. M.- Filosofía del Derecho- Santiago- 1900”; esa é a portada que leva a figura central da pintura de Fenollera titulada “A Filosofía, as Ciencias e as Letras”, sita no Paraninfo Universitario (J. M. García Iglesias, 2016, p. 398). Con iso outorgábaselle unha nova honra a unha figura tan insigne (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 326-328; 346-348)
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
A. Álvarez Montes, 1967: A. Álvarez Montes, LVAREZ MONTES, M., Los Vitores de la Universidad (Tesis de licenciatura inédita dirigida por OTERO TÚÑEZ, R.), Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela), 1967.
X. R. Barreiro Fernández, 2007: X. R. Barreiro Fernández, “Un lugar para a memoria: o panteón da galeguidade”, en BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (ed.), Os símbolos de Galícia, Santiago de Compostela (Consello da Cultura Galega), A Coruña (Real Academia Galega), pp. 193-199.
J. G. Beramendi 1998: J. G. Beramendi, Alfredo Brañas no rexionalismo galego. Santiago de Compostela (Fundación Alfredo Brañas), 1998.
A. Brañas Menéndez, 1885: A. Brañas Menéndez, “La Universidad de Santiago”, Memoria Anuario del Curso 1883-1884, Santiago (Tipografía de Jose Mª Paredes), 1885, pp. 199-209.
A. Brañas Menéndez, 1889: A. Brañas Menéndez, El regionalismo: Estudio sociológico, histórico y literario, Barcelona (Jaime Molinas), 1889. Entre otras reediciones: A Coruña (La Voz de Galicia), 1981; Santiago de Compostela (El Correo Gallego), ; Santiago de Compostela (Fundación Alfredo Brañas), 1999. Citamos desde esta última edición.
A. Brañas Menéndez, 1890: A. Brañas Menéndez, Discurso no banquete da Prensa de Santiago, 1890.
A. Brañas Menéndez, 1892: A. Brañas Menéndez, La crisis económica en la época presente y la descentralización regional. Discurso leído en el solemne acto de la apertura del curso académico de 1892-1893, Santiago (Universidad. Imprenta de José M. Paredes), 1892.
A. Brañas Menéndez, 1893a: A. Brañas Menéndez, Discurso de Sabadell de 16.5.1893.
A. Brañas Menéndez, 1893b: A. Brañas Menéndez, El regionalismo en Galicia. Conferencia en el Centro Gallego de Madrid, 1893.
A. Brañas Menéndez, 1899a: A. Brañas Menéndez, Discurso en el Círculo Católico de Obreros de El Ferrol, 1889”, en R. Maiz, Alfredo Brañas. O ideario do regionalismo católico-tradicionalista, Vigo (Editorial Galáxia), 1983, p. 246.
A. Brañas Menéndez, 1899b: A. Brañas Menéndez, “El Exmo. Señor D. Joaquín Díaz de Rábago y sus obras económicas”, en DÍAZ DE RÁBAGO, J., Obras completas, Santiago de Compostela (Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago), 1899, I, pp. I- LXXXIII.
A. Brañas Menéndez, 1899c: A. Brañas Menéndez, Peligros que amenazan a la sociedad en el siglo XX si se aparta del Cristianismo. Congreso Católico de Burgos de 1899, en MAIZ (1983). MAIZ, R., Alfredo Brañas. O ideario do regionalismo católico-tradicionalista, Vigo (Editorial Galáxia), 1983, p. 261.
R. M. Cacheda Barreiro, 2007: R. M. Cacheda Barreiro, “O Vítor como soporte iconográfico. Heráldica, alegoría e retrato”, en (catálogo de exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp.87-98.
A.L. Fernández Álvarez, 2012: A. L. Fernández Álvarez, “A Doutrina Económica de Alfredo Brañas (Catedrático de Economia Política e Facenda Pública da USC 1887-1900)”, Anuario da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, 16 (2012), pp. 839-852.
J. M. García Iglesias, 2003: J. M. García Iglesias, La pintura gallega de la Colección Cortizo, Santiago de Compostela (Aluminios Cortizo S. A.), 2003.
J. M. García Iglesias, 2011: J. M. García Iglesias, Santiagos de Santiago. Dos apóstoles al final del Camino, Santiago de Compostela (Alvarellos Editora- Consorcio de Santiago), 2011.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp.
R. Jaudenes Peña, X. Álvarez Castro, 2009: R. Jaudenes Peña, X. Álvarez Castro, “Valentín Peña, unha voz contra a inxustiza”. Cedofeita. Revista da Asociación Socio-cultural Cedofeita, 13 (2009), pp. 16-20.
R. Máiz Suárez, 1983: R. Máiz Suárez, Alfredo Brañas. O ideario do regionalismo católico-tradicionalista, Vigo (Editorial Galáxia), 1983.
R. Máiz Suárez, 1984: R. Máiz Suárez, O Rexionalismo galego. Organización e ideoloxía (1886-1907), Sada, A Coruña (Edicións do Castro), 1984.
C. Otero Díaz, 1992: C. Otero Díaz, Brañas un século despois do discurso inaugural do curso 1892-1893, Discurso inaugural lido na solemne apertura do curso acadêmico 1992-1993, Santiago de Compostela (Universidad de Compostela), 1992.
M. Otero Parga, 1999: M. Otero Parga, Alfredo Brañas universitario, Santiago de Compostela (Fundación Alfredo Brañas), 1999.
P. Pedret Casado, 1956: P. Pedret Casado, “Datos para una biografía de Alfredo Brañas”, Boletín de la Real Academia Gallega, XXVII, 309-320 (1956), pp. 388-395.
F. Puy Muñoz, 2000: F. Puy Muñoz, “Alfredo Brañas e o amor a Galícia”, en Xornadas Alfredo Brañas, Santiago de Compostela (Xunta de Galícia), 2000), pp. 311-338.
F. Puy Muñoz, S. Rus Rufino, 1998: F. Puy Muñoz, S. Rus Rufino, Alfredo Brañas filósofo do Dereito, Santiago de Compostela (Fundación A. Brañas), 1998.
A. Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008: A. Torres Queiruga, M. Rivas García (coord.), Diccionario Enciclopédia do Pensamento Galego, Vigo (Xerais. Consello da Cultura Galega), 2008.