Vítor de Benito Hermida Maldonado
Benito Ramón Hermida naceu en Santiago, (1736-1814). Foi colexial de Fonseca e era coñecedor de diferentes linguas como o francés, inglés, italiano, alemán ou grego. O seu vítor, disposto orixinariamente no Colexio de Fonseca, conxuga ata tres motivos sostidos cada un deles por nenos espidos. Na parte superior preséntase un escudo, en pequeno tamaño, que cabe relacionar coa propia Universidade e que neste caso presenta no seu centro o cáliz propio de Galicia. O centro do vítor está ocupado por outro escudo vinculado con quen é así honrado e ao que responde este tema heráldico. Tamén pode verse unha terceira representación que corresponde á dun vítor, así como unha extensa lenda alusiva ao personaxe.
Recoñéceselle entre os fillos ilustres da súa Universidade (M. Ovilo y Otero, 1880, p. 33. Vid. E. García Campra, T. Gómez Ruiz, 2006). Foi colexial de Fonseca. Doutorouse en Canons en 1756 e “… confióuselle a cátedra de Decretales, despois de substituír as de primas e véspera de Leis e Instituta” (A.Couceiro Freijomil, 1952, pp. 218-219). Traduciu O Paraíso Perdido de Milton (Madrid, 1814).
En 1760 foi nomeado Xuíz de Imprentas e Librerías do Reino de Galicia. Ocupou diversos cargos relevantes: Rexente da Audiencia de Sevilla, fiscal do Consello Real e Cámara de Castela, Ministro do Consello da súa Maxestade… Foi Cabaleiro da Orde de Carlos III (P. Pedret Casado, 1945, p. XIII; S. Cabeza de León, E. Fernández- Villamil, 1947, III, p. 204; A. Fraguas Fraguas, 1995, pp. 304-306; A.Gil Novales, 2010, II, pp. 1466-1467).
Fernández Varela dedicoulle en 1799 o texto que pronunciou no Colexio de Fonseca en memoria de Alonso de Fonseca; recoñéceo como “Colexial no Maior de Fonseca, do Consello e Cámara de S. M. &” (M. Fernández Varela, 1799, p. 3). Por entón fixo un donativo de libros á biblioteca do Colexio quen lle agradece o envío nun escrito datado en 1801 (A. Fraguas Fraguas, 1995, p.104).
Ilustrado, conservador e defensor do absolutismo, foi, con todo, desterrado en 1802 “por defender con excesivo entusiasmo os dereitos ou inmunidades eclesiásticas” (X. Barreiro Fernández, 2003, I, pp. 345-346). Xa en 1810 foi elixido pola provincia de Santiago deputado en Cortes. Solicitou en 1813 que se retirase o proxecto de supresión do Tribunal da Inquisición, o que levou a dicir a Barreiro que “En só tres anos nas cortes, 1810-1813, perdeu o gran prestixio gañado en longos anos de estudo e goberno” (X. Barreiro Fernández, 2003, I, pp. 345-346). Morreu na indixencia (A. Couceiro Freijomil, 1952, II, pp. 218-219).
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
A lenda que se presenta, na súa aclamación, di: SCHOLA COMPOSTELLANA/ D. D. BENEDICTO HERMIDA MALDONA/DO & COLL, MAJ. DE FONSECA, TOGA/ OLIM DECORATO IN HAC R. ACADEMIA / JURIS CANON. DOCTORI EJUSDEM QUE FA/CULTATIS MERITISSIMO MODERATORI R./ HISPALENSIS AUDIENTIAE PRAEFECTO AC/ TANDEM REGALIS CAMERAE DIGNÍSIMO FIS/ CALI D.O.C (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 256-257).
Consérvase na actualidade, na Facultade de Dereito.
Preséntase no seu retrato sentado, cunha mesa á beira na que poden verse libros e a banda, portando na súa man un escrito co que se lle identifica. Di así “El Paraiso Perdido/ traducido del/ Ingles pr Dn Benito/ Ramón de Hermida”. Tamén un tinteiro cunhas plumas alude á súa condición de escritor e tradutor. Unha arquitectura no fondo, ao modo dunha pilastra, ofrece igualmente unha identificación do personaxe: BENEDICTUS/ RAIMUND HERMIDA/ STATUS A CONSILIIS/ GRAT. ET JUST. / UNIVERSALIS/ MINISTER. / EX COMPOSTELA ( Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 169-170).
Hoxe pode verse na sala de Xuntas da Reitoría. Procede do antigo Colexio de Fonseca. Quizais haxa que vincular esta pintura con Plácido Fernández de Arosa (Santiago 1760-1838), autor máis significativo nesta arte na Compostela do primeiro terzo do XIX. Debeu de ser copiada ou repetida mesmo polo propio autor, xa que se coñece un exemplar moi parecido (Vid. E. García Campra, T. Gómez Ruiz, 2006)
X. Barreiro Fernández, 2003: X. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela (Parlamento de Galícia- Real Academia Galega) , 2ª Ed. 2003, 2 vols.
S. Cabeza de León, E. Fernández-Villamil, 1947: S. Cabeza de León, E. Fernández-Villamil, Historia de la Universidad de Santiago de Compostela, Pontevedra (Imprenta C. Peón), 1947, III.
A.Couceiro Freijomil, 1952: A Couceiro Freijomil, Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores. II, 1952; III, 1953. Santiago de Compostela (Bibliófilos Gallegos), 1952, t. II.
M. Fernández Varela, 1799: M. Fernández Varela, Oración que a la inmortal memora del Sr. D. Alonso de Fonseca. Arzobispo de Santiago y Toledo…, Madrid (Imprenta Real) 1799.
A.Fraguas Fraguas, 1995: A. Fraguas Fraguas, O Colexio de Fonseca, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago), 1995.
E. García Campra, T. Gómez Ruiz, 2006: E. García Campra, T. Gómez Ruiz, “Benito Ramón Hermida y Maldonado”, en Julián Pablo Díaz López (coord.), Diccionario Biográfico de Almería, Almería (Instituto de Estudios Almerienses), 2006.
http://www.dipalme.org/Servicios/IEA/edba.nsf/xlecturabiografias.xsp?ref=237
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
A.Gil Novales, 2010: A. Gil Novales, Diccionario biográfico de España (1808-1833): de los orígenes del liberalismo a la reacción absolutista, Madrid (Fundación Mapfre), 2010.
M. Ovilo y Otero, 1880: M. Ovilo y Otero, Hijos ilustres de la Universidad de Santiago, Santiago (Imp. de la Gaceta de Galicia), 1880
P. Pedret Casado, 1945: P. Pedret Casado, “Prólogo”, en S. Cabeza de León, E. Fernández-Villamil, Historia de la Universidad de Santiago de Compostela, I. Pontevedra (Imprenta C. Peón), pp. I-XXIII.