Vítor de Castelao

Xurxo Martiño
José Manuel García Iglesias

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, seguindo a estela da conmemoración do V Centenario, no ano 2000 encomendoulle a Xurxo Martiño, autor dos últimos vítores realizados, un de grandes dimensións dedicado ao licenciado en Medicina, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950). O pintor parte, neste caso, dunha coñecida fotografía do personaxe, tratándoa como se fose un cartel, co seu nome a un lado, visto tras unha mesa sobre a que poden verse diferentes útiles. Na epígrafe correspondente recóllese, tamén, un fragmento de Sempre en Galiza.

Mantense aquí a fórmula de acompañar o retrato cunha epígrafe, que reúne unha curta aproximación ao personaxe e á súa vinculación coa Universidade compostelá, cun fragmento dun texto seu alusivo ao papel que espera debe ter esta Universidade. Di así: ALFONSO DANIEL RODRÍGUEZ CASTELAO. Rianxo, 1886-Bos Aires, 1950/Licenciado en Mediciña por esta Universidade na que ingresou en 1903/“Vexo a Universidade de Sant-Iago convertida en cerebro de Galiza/ irradiando cultura e saber mais alá dos lindeiros naturais da nosa Terra”/ (Sempre en Galiza, Libro primeiro, capítulo XXXIII)”.

Chama a atención o tamaño que se lle outorga ao vítor, cunha superficie que duplica a habitual. Preténdese con isto darlle un especial protagonismo, centrando na Facultade o descanso da escaleira que leva ao Salón de Actos (J. M. García Iglesias, 2016, pp. 331-332).

Na Facultade de Medicina pode verse un recoñecemento expreso co que se honra a un alumno: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Trátase dunha placa que deixa ver na parte alta as armas de Galicia e abaixo un símbolo alusivo á Medicina. O texto que ocupa o centro da placa di: A ALFONSO DANIEL/ RODRÍGUEZ CASTELAO/ ALUMNO DESTA FACULTADE/ 1903-1909/ NO DÍA DE SAN LUCAS/ ANO- 1985 (J. M. García Iglesias, 2016, p. 342).

Os restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao chegan ao Panteón de Galegos Ilustres en 1984, trasladados desde Bos Aires. Neste caso, chama a atención en primeiro lugar a localización que se lle outorga xa que se dispón na capela inmediata á ocupada polos demais Ilustres. Inclúese nunha monumental e sinxela urna funeraria, tallada en granito e no bordo de cuxa tapa pode lerse: RIANXO 1886--- CASTELAO--- B. AIRES 1950. Foi o arquitecto Rafael Baltar (1933-2004) quen se encargou de dirixir a concreción desta obra. Preténdese, con este tipo de enterramento, outorgarlle un valor semellante ao da propia Rosalía de Castro ou de Alfredo Brañas ou, quizais, mesmo superior, xa que á súa figura dedícase a totalidade desa capela do Santo Cristo que, en certo modo, na súa configuración arquitectónica, non deixa de converterse no encadre que monumentaliza máis, se cabe, a urna de quen escribiu Sempre en Galiza, publicado en Buenos Aires en 1944 (J. M. García Iglesias, 2016, p. 348).

Cabe citar, tamén, en relación con este personaxe e Compostela, a homenaxe que se lle rende mediante unha obra de Francisco Leiro (1995). Quizais o primeiro acerto nesta obra plástica, que se configura como homenaxe a Castelao, estea na localización seleccionada: a parte alta dunha carballeira, nas inmediacións da igrexa de Santa Susana. Parece formar parte da natureza mesma esa mole de granito negro -a selección do material, identificador de Galicia, outro logro- que ten na súa forma algunha semellanza co contorno desa Galicia, punto de partida de todo o pensamento e ideais de Castelao. Unha figura humana, deitada, debuxada na pedra de forma sinuosa, parece evocar maneiras que son, ao tempo, moi modernas e de orixe prehistórica. Quererase aquí simbolizar os ríos -en concreto ese “pai Miño”- que vivifica esta terra ou encerrará algún tipo de alusión con respecto ao propio Castelao? Unha sinxela placa, aos pés desta homenaxe, dinos “A CASTELAO/ ABRIL 1995 ( J. M. García Iglesias, 2016, p. 355).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 331-332, 342, 349, 355.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000621
Autoría: Xurxo Martiño
Título: Vítor de Castelao
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Masculino
Data: 2000
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 180 cm Ancho: 180 cm Profundidade: 2,5 cm
Materiais: 
Táboa