Vítor de Domingo Fontán

Elvira Santiso García
José Manuel García Iglesias

Neste vítor o retrato do personaxe (1788-1866) evoca o que pode verse nun dos nove medallóns do Paraninfo. Neste caso, pártese da obra máis significativa deste catedrático: o primeiro mapa de Galicia que pode considerarse realizado con criterios científicos e que vale como fondo non só ao retrato, senón tamén á cartela que se dispón abaixo, inserida nunha cruz de Santiago. Un globo terráqueo, unha regra, un compás, libros, algún mapa…, todo isto disposto nunha base que ocupa a parte inferior desta obra e que completa a composición proposta por Elvira Santiso, a pintora asinante desta obra.

Di así a correspondente cartela: DON DOMINGO FONTÁN RODRÍGUEZ/ NACIÓ EN PORTA DE CONDE EL 17 DE ABRIL DE/ 1788/ DOCTOR EN SAGRADA TEOLOGÍA Y FILOSOFÍA/ BACHILLER EN JURISPRUDENCIA/ CATEDRÁTICO DE MATEMÁTICAS EN LA / UNIVERSIDAD DE SANTIAGO/ MIEMBRO DE LA REAL ACADEMIA DE LA HIS-/ TORIA Y DE LA SOCIEDAD GEOGRÁFICA/ DE MADRID/ DIPUTADO A CORTES/ CABALLERO DE LA R Y D. ORDEN DE CARLOS III / AUTOR DEL MAPA DE GALICIA/ MURIÓ EN CUNTIS EN 24 DE OCTUBRE DE 1866 (J. M. García Iglesias, 2016, pp. 302-304).

É obra a datar cara a 1940.

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016

El Primer Centenario. Número extraordinario de la Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Santiago (Estab. Tip. de la Gaceta, Felipe de la Torre y Cª), 1884, lámina central.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000085
Autoría: Elvira Santiso García
Título: Vítor de Domingo Fontán
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Masculino
Data: ca 1940
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 126cm (aprox.) Ancho: 105 cm
Materiais: 
Lenzo