Vítor de Eugenio Montero Ríos

Mariano Tito Vázquez
José Manuel García Iglesias

Eugenio Montero Ríos (1832-1914) foi estudante e catedrático de Dereito Canónico en Santiago. Está recoñecido cun vítor nesta Universidade, probablemente cando foi designado Ministro de Graza e Xustiza (1871-1873); reutilizouse dedicándollo a Joaquín Díaz de Rábago. O actual é obra de Tito Vázquez e dátase en 1913. Conta cun retrato seu na parte alta e un largo epígrafe abaixo. Iníciase así un formato que, trala concreción do Paraninfo, van seguir outros vítores.

Naceu en Santiago (1832-1914).  Aos 10 anos ingresou no Seminario compostelán. Despois, xa na Universidade da súa cidade natal,  licenciouse en Dereito e Filosofía en 1858. Doutorouse na Universidade Central en 1859. O ano seguinte gañou a Cátedra de Dereito Canónico da Universidade de Oviedo e nese mesmo ano trasladouse á de Santiago. Xa o seu discurso de recepción Ultramontanismo y cismontanismo en la historia y en la Ciencia (E. Montero, 1862), obxecto de varias reimpresións  (M. Barral, E. García López, 1999, p. 19. Vid E. Montero 1861), é testemuño dunha parte importante do seu ideario político que nolo mostra como un home cheo de matices que vai ter unhas moi medidas relacións coa Igrexa (X. R. Barreiro, 2010, pp. 557-574).

Trasladouse á Universidade Central en 1865. Será durante o sexenio revolucionario cando Montero se envorca na vida política e ocupa a carteira de Graza e Xustiza (entre 1871e 1873, de forma intermitente). Atoparase  entre os que apoian a Amadeo de Saboya para a Coroa de España e, xa en 1881, no propiamente universitario, accede á cátedra de Estudos Superiores de Dereito Público Eclesiástico de Doutoramento en Dereito, na Universidade Central. En 1885 ocupa a Carteira de Fomento. Entre 1886 e 1891 optou por presentarse como deputado polo distrito de Compostela, posto que despois pasaría a outros membros da súa familia. Esta cuestión resulta fundamental á hora de explicar o modo tan positivo no que Montero proxecta o seu apoio cara a esta cidade e, particularmente, á súa Universidade (Vid. M. Barral, E. García López, 1999), cuestión que se lle recoñece e agradece. Así se alude ás “obras debidas á protección que a Santiago dispensa o seu esclarecido fillo, o Exmo. Sr. D. Eugenio Montero Ríos, alumno e catedrático que foi daquela, e que actualmente se están executando” (A. Milón, 1895, p. 122).

Será Presidente do Goberno durante un curto espazo de tempo -de 23 de xuño a 1 de decembro de 1905- e manifestouse, ata o final da súa carreira política, contrario ás fórmulas rexionalistas (M. Barral, E. García López, 1999, p. 33). Entre as honras coas que se distinguiu, cabe resaltar que foi  Cabaleiro da Lexión de Honra, Colar de Carlos III, Gran Cruz de Afonso XII e da Orde do Toisón de Ouro. Tamén foi recoñecido coa Gran Cruz de San Mauricio e San Lázaro de Italia. Dispuxo no seu testamento que tras o seu falecemento, se lle devolvesen ao rei as condecoracións españolas recibidas (M. Barral, E. García López, 1999, p. 33. Vid. R. Villares Paz, 2016, pp. 41-92; M. Barcia Lago, 2016, pp. 93-124; X. Carmona Badía, 2016, pp. 125-148; J. A. Durán, 2016, pp. 149-173).

O feito de que Alfredo Brañas cite un vítor relacionado con este personaxe en 1889 -estaba na ala oeste do claustro, na planta baixa (A. Brañas, 1889, pp. 336-337)- supón a súa existencia cun formato diferente ao que ten o que hoxe se conserva, dado que o actual responde a unha cronoloxía posterior a esa data. Que foi dese suposto vítor anterior co que contou Montero Ríos nesta Universidade antes de 1889? É moi probable que se correspondese co que posteriormente será dedicado a Joaquín Díaz de Rábago.

A Universidade encarga en 1913 un novo vítor dedicado a Montero Ríos. É nese momento cando o pinta Perico Vázquez (M. Barral, 2007, pp. 346-347) -agora co seu estudio na Casa do Cabido, na praza de Praterías de Compostela (Vid. J. M. B. López Vázquez, 1997, p. 132)- .  Presenta na parte superior un retrato de busto de Montero Ríos, atendendo á idade que ten por aquel momento e levando sobre o seu peito a medalla de doutor; incídese deste xeito na vertente universitaria do personaxe. O medallón no que se inscribe inclúese nunha ambientación. En primeiro lugar, enmárcano ramas de loureiro e carballo; deste xeito a idea da vitoria e a vinculación á súa terra atópanse identificadas con este home cuxa vida universitaria se significa tamén mostrándonos o seu barrete de doutor en Dereito, un tinteiro cunha pluma, dous libros pechados e outro aberto, así como un rolo que pode ser entendido como alusión aos seus correspondentes diplomas de mérito (M. Barral, 2007, p. 346).

O retrato no seu medallón aquí incorporado segue en certo modo as directrices que poden verse na serie de nove medallóns que se encontran na ornamentación do Paraninfo, realizada pouco tempo antes. Por outra parte, cabe valoralo como o inicio dunha serie de vítores que van estar constituídos en tres partes: un retrato, unha ambientación complementaria e un epígrafe que, neste caso, di:

AL EXMO. SR. D. EUGENIO MONTERIO RÍOS/ NATURAL DE SANTIAGO Y ALUMNO, DOCTOR, / CATEDRATICO Y BENEFAC-TOR INSIGNE DE SU UNI-/ VERSIDAD, SENADOR VITA-LICIO Y PRESIDENTE DEL / SENADO, PRESIDENTE DEL TRIBUNAL SUPREMO Y MINISTRO/ DE GRACIA Y JUSTICIA, MINISTRO DE FOMENTO Y PRESI-/DENTE DEL GOBIERNO ACADEMICO DE LA HISTORIA Y DE / CIENCIAS MORALES Y POLITICAS./ CABALLERO DE LA LEGIÓN DE HONOR, COLLAR/ DE CARLOS III, GRAN CRUZ DE ALFONSO XII/ Y DE LA ORDEN DEL TOISON DE ORO EN 1895.

Dita lenda estivo durante un tiempo cubierta por outra que dicía así: AL EXMO. SR. D. EUGENIO MONTERIO RÍOS/ NATURAL DE SANTIAGO Y ALUMNO, DOCTOR Y CATEDRATICO EN ESTA UNIVERSIDAD, DIPUTADO A CORTES SENADOR VITALICIO MINISTRO/ DE GRACIA Y JUSTICIA, EN 1870 Y 1892, DE FOMENTO EN 1885. PRESIDENTE DEL CONSEJO DE MINISTROS EN 1906 (DEBÍA DECIR 1905). PRESIDENTE DEL SENADO EN 1894, 1898, 1901, 1902, 1906, 1910, PRESIDENTE DE LA COMISIÓN GENERAL DE CODIFICACIÓN EN 1903, PRESIDENTE DEL TRIBUNAL SUPREMO DE JUSTICIA. EN 1888 ACADÉMICO NUMERARIO DE LAS REALES ACADEMIAS DE LA HISTORIA Y  DE  CIENCIAS MORALES Y POLITICAS./ CABALLERO DE LA LEGIÓN DE HONOR, COLLAR DE CARLOS III EN 1893, GRAN CRUZ DE ALFONSO XII EN 1902/ Y DE LA ORDEN DEL TOISON DE ORO EN 1895 (A. Álvarez, 1967, pp. 79-80);  escríbese en letra negriña a parte engadida nunha segunda versión do texto, hoxe desaparecida; debeu de recuperarse, nesa formulación máis concisa, á hora de facerse unha restauración deste vítor.  

En tanto que o primeiro vítor de Eugenio Montero Ríos estivo, como se dixo, na planta baixa -quizais durante un tempo nun lugar principal á entrada da Facultade de Dereito-, este novo sitúase no primeiro andar -é dicir, no propio do actual Paraninfo-. Posiblemente fose disposto nesta altura para iniciar a serie que aquí se vai presentar; polo menos estaba xa neste lugar en 1967 (A. Álvarez, 1967, p. 33). Hai que ter en conta que durante todos estes anos tamén é neste mesmo nivel onde se situaba a reitoría.

Cabe ter en conta que a Universidade compostelá contou cun busto de Montero Ríos desde 1876, hoxe en paradoiro descoñecido. Neste sentido, sábese que o reitor “recibiu dous magníficos bustos dos Sres. D. Eugenio Montero Ríos, construídos polo afamado escultor D. Juan Sanmartín?” (Diario de Santiago, 15, V, 1876, en V. Santos, 2000, p.156).

O escultor Juan Sanmartín faría sobre este personaxe un baixorrelevo en mármore (publicado en Ilustración Española y Americana,  44, 30 de novembro de 1881, p. 317, en E.  Beerman, 1992, p. 32; S. Andrés 2014, p. 23).

Tamén cabe citar o medallón, a relacionar con Rafael de la Torre Mirón,  que nolo mostra no Paraninfo -nun lugar tan relevante como é estar sobre a porta que enlazaba a sala de profesores con este espazo- dando conta, así mesmo, da relevancia que se lle outorga neste centro universitario.

Ademais, nunha data anterior a 1924, entre dúas portas do Paraninfo cara ao exterior, dispúxose unha placa que evoca, unha vez máis, este personaxe. Conta co seguinte texto: AL EXCMO. SR. D. EUGENIO MONTERO RÍOS/ QUE PROMOVIÓ LA AMPLIACIÓN DE ESTA UNIVERSIDAD/ LA CONSTRUCCIÓN DE SU FACULTAD DE MEDICINA/ Y LA FUNDACIÓN DE LA ESCUELA DE VETERINARIA.  Sobre tal lenda disponse unha coroa real –coa que se enlaza unha grilanda a cada lado- timbrando un escudo de España que presenta no seu escudón a insignia dos Borbóns. A redacción deste escrito parece supor que a Escola de Veterinaria (1882-1924)  está nese momento en funcionamento (Vid. M. Rodríguez García,1994).

Existe un retrato de Montero Ríos (debuxo de F. Peña, Lit. J. Osterberger), na Gaceta de Galicia, Diario de Santiago, 20 de febreiro de 1888. En 1888, o 19 de febreiro,  inaugúrase a Escola de Artes e Oficios de Santiago. O apoio a esta causa por parte de Montero Ríos foi moi importante, polo cal o seu retrato preséntase na primeira páxina da Gaceta de Galicia. Diario de Santiago. O autor do debuxo pertinente é José Pena Meléndez, profesor de debuxo tanto do Instituto como da Real Sociedade Económica na súa Escola de Debuxo. Tamén era escritor. Co seu irmán, Valentín, funda en Santiago O Ciclón, que se presentaba como Periódico Satírico e que se publicaba dicindo que “Sopra todos os sábados”. Tamén se lle debe a posta en marcha dunha publicación periódica titulada Álbum de Galicia, que tiña como protagonista os seus debuxos, que foron gravados igualmente por Osterberger.

 

A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago conta tamén cun retrato seu asinado por José María Fenollera en 1896 (A. Fernández-Cid, 2008, p. 123; A. Fernández-Cid, 2009, pp. 70-71). Represéntase en pé, distinguido polas medallas de doutor universitario e da propia Real Sociedade Económica. A aproximación de Montero Ríos á Económica compostelá debeu de iniciarse por 1854-1855, o momento no que se fai amigo de Ramón de la Sagra (M. Barral,  E. García López 1999, p.18). É socio desde 1860, o mesmo ano no que, tras conseguir cátedra na Universidade de Oviedo, se trasladou á de Compostela. Moitas veces os empeños da Real Sociedade contarán co seu apoio: participa, por exemplo, no Congreso Agrícola Galego de 1864 (J. A. Parga, 1884, p. 4; A. Fernández-Cid, 2008, pp. 123-124). Tamén, cando se promove a construción dunha liña de ferrocarril entre Carril e Santiago -idea, igualmente,  promovida desde os Amigos do País-  será Montero Ríos quen logre unha subvención do Estado en 1870 que contribúe a que dita liña se puidese inaugurar en 1873 (M. Barral, 2007, 82). Por outra banda, o denominado “monterismo” vai ter unha presenza importante na Económica. Cando Fenollera realiza por 1896 o retrato de Montero (véxase J. M. B. López Vázquez, 1996, pp. 365-440; M. D. Vila, J. M. B. López Vázquez, J. M. Monterroso, 1998, p.128; A. Fernández-Cid, 2008, pp. 123-124 ; A. Fernández-Cid, 2009, pp. 70-71; E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso, M. Carrascal, 2010, pp. 88-91) é Luís Rodríguez quen está á fronte deste centro. É médico e catedrático da Universidade compostelá e, por outra banda, contaba cunha experiencia parlamentaria xa que fora deputado entre 1869 e 1872, e tamén entre 1881 e 1884. Neste sentido, é ben importante a súa actividade parlamentaria (véxase M. Barral,  E. García López 1999; X. R. Barreiro, 2010, pp. 557-574). Ademais, fora senador entre 1886 e 1887 e recoñéceselle no “ronsel do pensamento de Montero Ríos”  e volverá ser senador tras o seu paso pola dirección da Económica na lexislatura 1899 -1900 (X. R. Barreiro, 2003, pp. 604-605). Por outra banda, debe terse en conta que Montero, que foi presidente do Senado en 1893, 1894 e 1898 (M. Barral, 2007, pp. 128), era senador vitalicio desde 1889 (M. Barral, 2007, pp. 84), condición que ostentaba cando se lle fai este retrato no que se nos mostra en pé e no que se suman á toga universitaria (véxase M. Barral, 1998, pp. 203-228), cos puños propios de quen é doutor en dereito, as insignias da cátedra e da propia Sociedade Económica de Santiago. En 1893 é nomeado, por primeira vez, presidente do Senado. É rechamante o feito de que en 1900, cando esta Sociedade contaba con 454 socios de número, Montero pagaba o equivalente a catro cotas; 60 pesetas da época (M. Barral, 2007, p. 83).

 

Así mesmo, o Concello de Santiago conta cun retrato seu, asinado, en Madrid,  por S. Martínez Cubells en 1897, Ano Santo en Compostela, co monterismo presidindo esta institución. Represéntase en pé, nun suntuoso marco (Vid. J, Conde Roa, 1993, pp. 37-38).

 

O antigo colexio de San Clemente -onde se situaron tanto a Real Sociedade Económica como a Escola de Artes e Oficios, que dependía, entón, da Universidade- tamén tivo durante un tempo no centro do seu claustro un monumento dedicado a Montero (S. Andrés, 2014, pp. 17-42). É obra asinada por R. Núñez, profesor tanto de Modelado e Baleirado como de Labra artística en pedra e madeira (J. Sousa, F. Pereira, 1988, p. 144). Debeu de facerse, probablemente, pouco tempo antes de que acometese este escultor a obra da portada da Real Universidade, datada en 1902, e houbo de levantarse de tal lugar cando se preparou a Exposición Rexional de 1909, momento no que as esculturas de José Ferreiro son retiradas da citada portada universitaria e se dispoñen no sitio anteriormente ocupado por este monumento. O busto ocupará a partir dese momento outras localizacións na propia Escola de Artes e Oficios.

 

Por outra parte, en 1914, tras o falecemento de Montero, colocarase unha lápida na casa da rúa dúas Xasmíns 3, na que nacera (M. Barral, E. García López, 1999, 15). É obra encargada ao escultor Miguel Cruz, cuxo nome aparece na mesma como sinatura -Miguel Cruz. Madrid-. Entre os asistentes á colocación desta  lápida estaban o alcalde Blanco Rivero e o reitor Cleto Troncoso (M. Barral, 2007, 347-348). Unha muller con indumentaria popular galega porta un medallón no que pode verse o rostro de Montero Ríos -a relacionar cunha fotografía que lle fixo Antonio Cánovas del Castillo (1862-1933) y Vallejo, coñecido  polo pseudónimo Kaulak- coroado por unha grilanda que, pendendo do citado medallón, enlaza nunha lápida que di: EN ESTA CASA NACIÓ/ D. EUGENIO MONTERO RÍOS/ GRAN PATRICIO ESPAÑOL/ Y AMANTE DE GALICIA/ EL CENTRO GALLEGO DE MADRID/ 13-11.1838----1. OCTUBRE. 1914.

Por todo o visto anteriormente, podemos afirmar que é Eugenio Montero Ríos, entre os personaxes relacionados coa Universidade compostelá, quen conta na cidade cunha representación máis relevante en espazos que non son especificamente universitarios. Foi precisamente un catedrático, Cleto Troncoso, entón alcalde de Santiago, quen en 1905, sendo Montero presidente do Goberno, promove que se lle faga un monumento (M. Barral, 2007, pp. 348-375).  Tras o seu falecemento, o Concello retomará a idea nun momento no que tamén é outro catedrático, Blanco Rivero, quen ocupa as funcións de alcalde. É entón cando se lle encarga a obra a Mariano Benlliure, que vén á cidade para elixir o emprazamento máis adecuado.

 

Neste caso, hai que dicir que a presenza universitaria é maioritaria na Comisión Xestora que seguirá o tema. Tanto é así que non só é presidida polo alcalde Branco Rivero, senón que figura na mesma, como o primeiro dos seus membros, o entón reitor Cleto Troncoso (M. Barral, 2007, p. 351). A subscrición  popular levada a cabo tivo, tamén, unha resposta moi xenerosa por parte do mundo académico (M. Barral, 2007, p. 357).

 

A localización elixida por Benlliure, na chamada Praza de Alfonso XII, hoxe do Obradoiro, non ía estar exenta de polémica (M. Barral, 2007, pp. 358-362, 367-368, 374-375). Finalmente, o monumento levantarase no lugar elixido e inaugurarase solemnemente en 1916 (M. Barral, 2007, pp. 362-366), ano no que a asina o escultor na parte dianteira da estatua, á vez que se alude á participación de LA METALOPLÁSTICA/ CAMPÍNS CODINA/ FUNDIDORES-MADRID. Na parte inferior da figura, tamén na súa base, pódese ler: INAUGURADO EL XXIII D JULIO/ D MCMXVI POR SUSCRIPCIÓN/ POPULAR A INICIATIVA DEL/ AYUNTAMIENTO D SANTIAGO SIENDO/ ALCALDE D. LUIS BLANCO RIVERO.

 

Disponse sobre un alto pedestal configurado por pétreos bancos nos seus catro lados. Na parte dianteira, enmarcado por unha grilanda, dise A D. EUGENIO/ MONTERO RÍOS/ MDCCCXXXII-MIMXIII. E na parte posterior: XXV JULIO/SANTIAGO/ MCMXVI.

 

Interesa ver aquí como se nos mostra a Montero, xa que aparece non só coa toga, de quen se dedica ás Leis, e co Toisón de Ouro, de quen contou coa máxima relevancia, senón tamén coa medalla de quen é doutor e, por tanto, parte dunha universidade que, no caso da de Santiago, tanto lle debe. Non é estraño, pois, que entre os actos realizados con motivo da inauguración do monumento, o Claustro da Universidade organizase unha velada necrolóxica (M. Barral, 2007, pp. 366-367). Porta na súa man, en tanto, un  volume relativo, tal como se di na súa portada,  á  LEY /PROVISIONAL SOBRE /OR/(GA)NIZACIÓN/ (DEL) PODER JUDICIAL/ (1870); trátase dunha lei aprobada sendo Montero Ríos ministro de Graza e Xustiza e Francisco Serrano y Domínguez, rexente do Reino.

 

Xa na base sobre a que se presenta a figura de Eugenio Montero Ríos situábanse representacións simbólicas da Sapiencia e da Fe, na parte dianteira, coa Sapiencia á dereita e a Fe á esquerda do personaxe. Na parte posterior e no mesmo lado que a Fe, pode verse a Caridade, en tanto que na outra parte, vinculada á Sapiencia, está a representación da Xustiza; con todo, na súa enumeración anteponse nun lado a Xustiza á Sapiencia, en tanto que no outro se cita antes a Fe que a Caridade. Tamén, estas catro imaxes relacionáronse (M. Barral, 2007, p. 365) cos catro edificios que entornan a praza: Fe- Catedral, Caridade-Hospital, Xustiza- Concello, Sapiencia- Colexio de San Xerome). Completan o conxunto catro escenas de carácter popular. As dos laterais aluden ao traballo: á agricultura -unha muller sementando a terra- e á gandería -unha muller coidando o gando-. As que están na fronte e na parte posterior tratan, en cambio, sobre a festa: a música galega na parte posterior e unha parella na fronte, amorosamente entrelazados nun xesto de amor co que concordan esas dúas cabezas de anxo que se bican aos pés de Montero.

 

Polo que se refire á denominada Alegoría da Sapiencia, na súa versión actual é obxecto dunha reposición de tal imaxe, subtraída despois dos anos cincuenta do pasado século. Foi a Fundación Benlliure quen localizou no Museo Nacional de Cerámica González Martí de Valencia o modelo orixinal en escaiola que fixo posible completar este monumento, nunha iniciativa relacionada co centenario da morte deste personaxe en 2014 [lectura: 13/04/2015].

 

Será en 1928, en plena ditadura de Primo de Rivera (M. Barral, 2007, p. 370), cando se faga o traslado do monumento ao seu actual emprazamento, na praza de Mazarelos;  por tanto nun espazo ben próximo á Universidade e que esta sente como seu.

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

A. Álvarez, 1967: A. Álvarez Montes, Los Vitores de la Universidad (Tesis de licenciatura inédita dirigida por R. Otero Túñez), Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela), 1967.

S. Andrés 2014: S. Andrés Ordax, “Un olvidado monumento a Montero Ríos en el Colegio de San Clemente de Santiago de Compostela, obra del escultor Ramón Núñez”, Boletín de la Real Academia de Extremadura de las Letras y las Artes, XXII (2014), 17-42.

M. Barral, 1998: M. Barral Martínez, “O mecenado de Montero Ríos na Universidade de Santiago”, Semata, 10 (1998), pp. 203-228.

M. Barral, 2007: M. Barral Martínez, Montero Ríos y Compostela. Un feudo clientelar, Barcelona (Editorial Ronsel. Consorcio de Santiago), 2007.

M. Barral, E. García López 1999: M. Barral Martínez, E. García López, E. (ed.), Discursos parlamentarios de Montero Ríos na restauración borbónica (1874-1923), Santiago de Compostela (Escola Galega de Administración Pública), 1999.

X. R. Barreiro, 2003: X. R. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela (Parlamento de Galicia. Real Academia Galega) , 2ª Ed. 2003, 2 vols.

X. R. Barreiro, 2010: X. R. Barreiro Fernández: “López Ferreiro y Montero Ríos: polémica por la Ley del matrimonio civil”, Compostellanum, 55, 3-4 (2010), pp. 557-574.

E. Beerman, 1992: E. Beerman, “El porqué del patio del Colón en el palacio de Santa Cruz”, Revista de Historia Naval, X, 37 (1992), pp. 7-42.

A. Brañas, 1889: A. Brañas Menéndez, El regionalismo: Estudio sociológico, histórico y literario, Barcelona (Jaime Molinas), 1989. Entre otras reediciones: A Coruña (La Voz de Galicia), 1981; Santiago de Compostela (El Correo Gallego); Santiago de Compostela (Fundación Alfredo Brañas), 1999. Citamos desde esta última edición.

J. Conde Roa, 1993: J. Conde Roa, Catálogo do Patrimonio Pictórico da Casa do Concello de Santiago, Santiago de Compostela (Concello de Santiago), 1993.

E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso, M. Carrascal, 2010: E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, M. Carrascal Aguirre, Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. Catálogo dos fondos pictóricos, Santiago de Compostela (Real Sociedad de Amigos del País de la Ciudad de Santiago), 2010.

A. Fernández-Cid, 2008: A. Fernández-Cid Fenollera, Fenollera pintor gallego por amor, Santiago de Composetela (Cosorcio de Santiago-Deputación da Coruña), 2008.

A. Fernández-Cid, 2009: A. Fernández-Cid Fenollera, Fenollera. Obra pictórica, Pozuelo de Alarcón (Mirada Malva), 2009.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 223-226.

J. M. B. López Vázquez, 1996: J. M. B. López Vázquez, “Análise da obra de José María Fenollera Ibáñez”, en (Catálogo de Exposición) José M. Fenollera : (1851-1918), Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1996, pp. 27-45.

J. M. B. López Vázquez, 1993: J. M. B. López Vázquez, “Neoclásico, “Do Neoclasicismo a 1950”, en J. M. B. López Vázquez, I Seara Morales, Arte Contemporánea, t. XV, A Coruña (Hércules Ediciones), 1993, pp. 28-319

J. M. B. López Vázquez, 1996: J. M. B. López Vázquez, “Análise da obra de José María Fenollera Ibáñez”, en (Catálogo de Exposición) José M. Fenollera : (1851-1918), Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1996, pp. 27-45

A. Milón, 1895: A Milón y Reales, “Universidad de Santiago”, Boletín Oficial de la Dirección General de Instrucción Pública, 3 (1895), Madrid (Tipografía de los Hijos de M. G. Hernández), 1895, pp. 107-152.

E. Montero, 1861: E. Montero Ríos, Discursos leídos ante el Claustro ordinario de la Universidad de Santiago en la recepción solemne del doctor Eugenio Montero Ríos, Santiago (Establecimiento Tipográfico de Manuel Mirás), 1861.

E. Montero, 1862: E. Montero Ríos, “Ultramontanismo y cismontanismo en la historia y en la Ciencia”, Revista General de Legislación y Jurisprudencia, XX, 10 (1862), pp. 7-31/ 146-166 / 257-272 / 369-388.

J. A. Parga, 1884: J. A. Parga y Sanjurjo, “Efemérides de la Sociedad Económica Compostelana”, El Primer Centenario. Número extraordinario de la Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Santiago (Estab. Tip. de la Gaceta, Felipe de la Torre y Cª), 1884, pp. 3-5.

M. Rodríguez García,1994: M. Rodríguez García, Historia da Escola Veterinaria de Santiago de Compostela: (1882-1924), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 1994.

V. Santos Farto, 2000: V. Santos Farto, La actividad artística en las publicaciones periódicas diarias de Santiago en el último tercio del siglo XIX, (Tesis de licenciatura inédita dirigida por J. M. García Iglesias), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago), 2000.

J. Sousa, F. Pereira, 1988: J. Sousa, F. Pereira, Historia de la Escuela de Artes y Oficios de Santiago de Compostela 1888-1988, A Coruña (Excma. Deputación Provincial da Coruña), 1988.

M. D. Vila Jato, J. M. B. López Vázquez, J. M. Monterroso Montero, 1998: M. D. Vila Jato, J. M. B. López Vázquez, J. M. Monterroso Montero, “José Mª Fenollera Ibáñez”, en A. Pulido Nóvoa (dir.). Artistas Galegos, Pintores. Novecentos, Vigo (Nova Galícia Edicións), 1998, pp. 118-157.

R. Villares Paz, 2016: R. Villares Paz, “Eugenio Montero Ríos, figura e contrafigura dun político liberal”, en Eugenio Montero Ríos. Homenaxe da cidade de Santiago de Compostela no centenario do seu pasamento, A Coruña, Deputación Provincial da Coruña, 2016, pp. 41-92.

M. Barcia Lago, 2016: M. Barcia Lago, “Eugenio Montero Ríos e o Dereito”, en Eugenio Montero Ríos. Homenaxe da cidade de Santiago de Compostela no centenario do seu pasamento, A Coruña, Deputación Provincial da Coruña, 2016, pp. 93-124

X. Carmona Badía, 2016: X. Carmona Badía, “Montero Ríos na economía galega da Restauración”, en Eugenio Montero Ríos. Homenaxe da cidade de Santiago de Compostela no centenario do seu pasamento, A Coruña, Deputación Provincial da Coruña, 2016, pp. 125-148.

J. A. Durán, 2016: J. A. Durán, “Negocios, andanzas e moradas do Cuco de Lourizán”, en Eugenio Montero Ríos. Homenaxe da cidade de Santiago de Compostela no centenario do seu pasamento, A Coruña, Deputación Provincial da Coruña, 2016, pp. 149-173.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000077
Autoría: Mariano Tito Vázquez
Título: Vítor de Eugenio Montero Ríos
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Masculino
Data: 1901
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 160,5cm. Longo: 121 cm. Ancho:2,5.
Materiais: 
Lenzo