Vítor de Gumersindo Busto
Gumersindo Busto naceu en San Martiño de Laraño, Santiago (1872-1937). Emigra a Uruguai e, máis tarde, a Arxentina. A el débese a creación da Biblioteca América da universidade compostelá, inaugurada en 1926. O vítor co que se lle distingue parte dun retrato seu, nun marco ovalado que presenta, arriba, unha lenda que di: UNA, GRANDE, LIBRE; encima, na parte central, pode verse a aguia de San Xoán, utilizada no escudo de España da época na que se realiza esta pintura. Disponse unha ampla cartela baixo o citado retrato. É obra de 1947 e débese a Elvira Santiso.
Gumersindo Busto Ingresou no Seminario de Compostela, onde permaneceu cinco anos. Aos quince emigrou. Licenciouse en Dereito en Buenos Aires en 1898. En 1904 pon en marcha a creación da Universidade Libre Hispanoamericana, para instalar en Santiago; deste proxecto, errado, xurdirá outro: o da Biblioteca América (Vid. M. Presas Beneyto, 2008, pp. 214-216). Tamén está vinculado ao Centro Galego de Buenos Aires do que será vicepresidente. En 1910 é nomeado socio de honra do Centro Galego da Habana.
A súa derradeira viaxe a Galicia dátase en 1909; entón asiste á Exposición Rexional e participa no Congreso de Emigración que organizou a Sociedade Económica de Amigos do País. Entre os froitos daquela viaxe cabe citar a súa iniciativa de poñer en marcha o Padroado da Universidade de Santiago que principia o seu labor en 1922. É nomeado Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica en 1926, e doutor honoris causa en 1934 pola Universidade de Santiago (Vid. R. Pérez Santos, M. Presas Beneyto, 2004, pp. 73-87; R. Pérez Santos, 2004, pp. 73-87; http://emigracion.xunta.es/es/conociendo- galicia/ biograf% C3%Ada/ gumersindo-busto- villanueva; consulta: 13 de setembro de 2017). O doutoramento en cuestión, que non puido recoller xa Busto, faríaselle efectivo en 1940, momento no que se lle entrega á súa familia, en Buenos Aires, unha placa co título correspondente (M. Díaz y Díaz, 1980, p. 245). Nesta pode verse na parte alta unha cabeza de Minerva, centrada por unha arquitectura e, aos lados, os catro escudos das provincias galegas, dúas a cada parte.
Aos lados deste vítor, e cubrindo o espazo de arriba ata abaixo, poden verse a cada lado unha figura -unha feminina, a da dereita, e outra masculina, na outra parte-, a modo de tenantes e cuxa configuración parte do mundo do grotesco, o que, unha vez máis, leva a unha cita renacentista á hora de elaborar unha composición. Os seus corpos, mesturando na parte superior o humano co vexetal na parte baixa, móstranse ocultando os seus rostros coa disposición dos brazos; o da dereita mantén pámpanos con uvas; o da outra parte, ramas de loureiro. Alúdese deste xeito, quizais, á produción (pámpanos con uvas) e á gloria (loureiro), que se debe vincular co que o personaxe en cuestión logrou e co recoñecemento merecido.
A ampla cartela, disposta baixo o retrato e enlazado con este por unha cuncha de vieira compostelá, di así: “D. GUMERSINDO BUSTO NACIÓ EN/ SANTIAGO DE COMPOSTELA EL 11 DE JU-/LIO DE 1872 Y FALLECIÓ EN BUENOS AI-/RES EL 21 DE JUNIO DE 1937/ AMÓ INTENSAMENTE A GALICIA Y SU UNI-/VERSIDAD. Y LOGRÓ TRAS PERSERVERANTE/ LABOR FUNDAR LA BIBLIOTECA AMÉRICA/ LA UNIVERSIDAD COMPOSTELANA/ RECOMPENSÓ SU ESFUERZO CONFIRIÉN/DELO EL TÍTULO DE / DOCTOR HONORIS CAUSA/ EN 31 DE OCTUBRE DE 1934.”
Será o 23 de abril de 1947 cando se coloque o vítor na Biblioteca América (A. Couceiro Freijomil, 1951, p. 150). Posteriormente estaría colocado no primeiro andar do claustro, no espazo da Facultade de Filosofía e Letras (A. Couceiro Freijomil, 1951, pp. 33-34). Con motivo do V Centenario, en 1995, volvería á Biblioteca América, agora no Colexio de Fonseca (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 320-322).
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do Colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
A. Couceiro Freijomil, 1951: M. Álvarez Montes, Los Vitores de la Universidad (Tesis de licenciatura inédita dirigida por R. Otero Túñez, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela), 1967.
A. Couceiro Freijomil, 1951: A. Couceiro Freijomil, Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela (Bibliófilos Gallegos), 1951, t. I.
M. Díaz y Díaz, 1980: M. Díaz y Díaz (coord.), La Universidad de Santiago, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago), 1980.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
R. Pérez Santos, 2004: R. Pérez Santos, “Gumersindo Busto: Apuntamentos para unha biografía”, en P. Cagiao Vila, (coord.), Cen anos da Biblioteca América (1904-2004), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2004, pp. 73-87.
R. Pérez Santos, M. Presas Beneyto, 2004: R. Pérez Santos, M. Presas Beneyto, “Gumersindo Busto: apuntes para una biografía”, en CAGIAO VILA, P. (coord.), Cen anos da Biblioteca América, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2004, pp. 73-87.
M. Presas Beneyto, 2008: M. Presas Beneyto, "Retornos culturales: Gumersindo Busto y la Biblioteca América de la Universidad de Santiago de Compostela", Estudios Migratorios (2008), pp. 213-227.