Vítor de Gumersindo Laverde Ruiz

Elvira Santiso García
José Manuel García Iglesias

Laverde Ruiz naceu en Estrada, Santander (1835-1890) e desde os catro anos vivirá en Nueva, (Llanes), medrando nun ambiente tradicionalista. En 1876 trasládase a Santiago, á cátedra de Literatura Xeral e Española. Ao usar unha vieira, timbrando o retrato, relaciónase o personaxe dun xeito evidente con Compostela. Entre columnas, baixo o retrato, unha parella de figuras femininas aluden aos seus estudos: unha á Xurisprudencia e a outra a Filosofía e Letras. Tamén, neste caso, relaciónase o vítor con Elvira Santiso e dátase cara a 1940. Complétase cun longo epígrafe.

Estudou Xurisprudencia en Oviedo, aínda cando un curso, o de 1853-1854, o fixo en Valladolid; licénciase en 1859. En 1862 foi nomeado catedrático de Retórica e Poética do Instituto de Lugo (vid. A. Fraguas Fraguas, 1956, pp. 307-312; F. Carreira, 1956; P. Pedret Casado, 1956). É importante a súa achega ao estudo da Filosofía (vid. G. Bueno Sánchez, 1990, pp. 49-85). Conta cunha obra importante (vid. G. Laverde Ruiz, 1868). Tamén mereceu o respecto de figuras da talla de Menéndez y Pelayo quen, por 1911, o recoñecía como o seu mestre: “…don Gumersindo Laverde; escribiu pouco, pero moi selecto, e o seu nome vai unido a todos os conatos de historia da ciencia española, e moi especialmente aos meus, que seica sen o seu estímulo e dirección non se realizaron. Lembrar hoxe o seu nome é un deber de xustiza” (M. Menéndez Pelayo, 1911, p. 388. Cítao J. Egozcue Alonso, p. 70. Vid. BUIDE [1956], pp. 313-388). Entre ambos houbo unha comunicación epistolar importante (vid. G. Laverde Ruiz, 1967).

En 1873 obtivo a cátedra de Literatura Latina da Universidade de Valladolid e en 1876 trasládase á de Santiago, á cátedra de Literatura Xeral e Española; cando chegou aquí xa era unha persoa enferma (J. M. Cossío, 1951; P. Pedret Casado, 1956, pp. 303-306; D. Gamallo Ferros, 1961; P. Pedret Casado, 1961, pp. 223-227; J. I. Graza Noriega, 1990). Aínda así, o seu labor como investigador seguiu adiante; desde ese contexto cabe relacionar noticias como esta: “O catedrático da Facultade de Filosofía e Letras, D. Gumersindo Laverde e Ruiz, foi comisionado -por Real Orde do 7 de xullo de 1885- para estudar nos Arquivos e Bibliotecas de Galicia, os monumentos literarios de verdadeiro interese para a Historia das orixes da lingua castelá” (A. Milón y Reales, 1887 p. 2).

Nos últimos tempos é sinalado tamén como “fundador do Nacionalismu Asturianu”, o que levou a festexar o 12 de outubro -data do seu falecemento- como o día do pai do “Nacionalismu Asturianu” (vid. http://old.kaosenlared.net/noticia/12- dochobre- dia-pai- nacionalismu- asturianu- gumersindo- laverde , consulta: 20 de agosto de 2017). Cabe relacionar tal cuestión cos seus estudos sobre temática do Principado (vid. J. Egozcue Alonso, 2013, pp. 38-41).

Quizais se poña en marcha a idea de realizar un vítor á súa persoa ao celebrarse o centenario do seu nacemento -1935-, cuestión que debeu de ser destacada, así como o centenario do seu falecemento (vid. J. I. Gracia Noriega, 1990, pp. 41-47). Con todo, a Guerra Civil debeu de atrasar, neste sentido, a homenaxe que se faría xa nos anos corenta. Neste sentido, garda unha certa analoxía a estruturación entre columnas da obra cunha ilustración anterior, relativa ao mesmo personaxe, aínda cando, neste caso, se reduce o lugar destinado ao retrato propiamente dito, que se inscribe nun medallón gardando, por tanto, unha vez máis, certa semellanza con outros da mesma serie e evoca, como os demais, ao Paraninfo, neste caso tamén, no uso de columnas como elementos de encadre, aínda que son empregados alí de diferente forma (vid. http://1.bp.blogspot.com/_iaCpAq4RV0ou/SpMLbhrVt0I/AAAAAAAAAes/Q5 Nhop0- Nmw/s200/laverde- gumersindo- padred%27Asturies- xunta. JPG , consultada o 6 de agosto de 2017).

Entre as columnas e baixo o retrato, seguindo canons relacionados co barroco, unha parella de figuras femininas aluden aos seus estudos (F. Vilanova, 1998, p. 103; R. M. Cacheda Barreiro, 2007, p. 94). Á súa dereita, unha imaxe que evoca a Xustiza portando unha balanza, sobre a que se mostran as táboas dos dez mandamentos e un pergamiño estendido que a muller parece querer entregarnos. Posiblemente, con iso, se queira facer referencia aos seus méritos neste sentido. Nese mesmo lado, e completando esa idea, xa na base da composición, poden verse unhas coroas de loureiro que inciden en tal cuestión. En tanto, a figura feminina da esquerda móstranos un libro pechado sobre outro aberto, algo que suxire como o estudo -e por extensión o escrito- debe partir do coñecemento do previamente indagado. Tamén, neste caso, sublíñase ese concepto presentándonos outros libros, pechados, na parte baixa, alén das citadas coroas de loureiro. Se a primeira muller nos remitía aos seus estudos de Xurisprudencia, estoutra, recoñecida como imaxe da Sabedoría, debe vincularse coa súa carreira de Filosofía e Letras, completándose, deste xeito, a referencia aos campos do saber en que se licenciou (R. M. Cacheda Barreiro, 2007, pp. 93-94).

A extensa cartela que completa o vítor di así: AL ILMO. SR. D. GUMERSINDO LAVERDE RUIZ Y LAMADRID/ NATURAL DE LA PROVINCIA DE SANTANDER Y FALLECIDO EN/ SANTIAGO (LA CORUÑA) (1835-1890)/ DR. EN FILOSOFÍA Y LETRAS Y LIC. EN DERECHO. CATEDRÁTICO/ Y DIRECTOR EN EL INSTITUTO DE LUGO Y EN LAS UNIVERSIDA-/ DES DE VALLADOLID Y SANTIAGO. ACADEMICO C DE LAS RR. ACA-/ DEMIAS ESPAÑOLA Y DE LA HISTORIA. GRAN CRUZ DE ISABEL/ LA CATÓLICA Y GRAN CRUZ DE MARÍA VICTORIA. POETA GALARDO-/ NADO POR LA REAL ACADEMIA DE LA LENGUA, FILOLOGO EMINENTE Y RESTAURADOR DE LOS ESTUDIOS FILOSÓFICOS EN ESPAÑA/ PROLOGUISTA DE LA CIENCIA ESPAÑOLA, ADALID DE LAS LE-/ TRAS PATRIAS. MAESTRO DE LA CÁTEDRA. ENTRE SUS DÍSCIPU- /LOS DESTACAN D. MARCELINO MENÉNDEZ Y PELAYO Y DON JUAN/ VÁZQUEZ DE MELLA. VARÓN DE EXCELSAS VIRTUDES, SANTO Y/ SABIO. CONSAGRÓ SU VIDA AL BIEN Y DEFENDIÓ SU PROFUNDO SA-/ BER AL ENALTECIMIENTO DE ESPAÑA. A SU MEMORIA.

Uns libros apóianse na cartela por un lado; polo outro, descúbrese parte dunha grilanda, debuxando a forma dunha coroa. Tamén, neste caso, relaciónase o vítor con Elvira Santiso e dátase cara a 1940 (R. M. Cacheda Barreiro, 2007, p. 90. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 315-318).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

G. Bueno Sánchez, 1990: G. Bueno Sánchez, "Gumersindo Laverde y la Historia de la Filosofía Española", El Basilisco, 4, 1990, pp. 49-85.

R. Buide Laverde, 1956: R. Buide Laverde, "Presencia en Galicia, de Menéndez Pelayo a través de D. Gumersindo Laverde", Cuadernos de estudios gallegos, 33, (1956), pp. 313-388.

R. M. Cacheda Barreiro, 2007: R. M. Cacheda Barreiro, “ O Vítor como soporte iconográfico. Heráldica, alegoría e retrato”, en (catálogo de exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp.87-98.

F. Carrera, 1956: F. Carrera, Laverde Ruiz en la niñez Oviedo (Instituto de Estudios Asturianos), 1956.

J. M. Cossío, 1951: J. M. Cossío, Gumersindo Laverde Ruiz, Santander (Impta. y Encuadernación de la Librería Moderna), 1951.

J. Egozcue Alonso, 2013: J. Egozcue Alonso, Gumersindo Laverde Ruiz, Madrid (Fundación Ignacio Larramendi), 2013.

A.Fraguas Fraguas, 1956: A. Fraguas Fraguas, “Don Gumersindo Laverde Ruiz catedrático del Instituto de Lugo”, Cuadernos de estudios gallegos, 33 (1956), pp. 307-312.

D. Gamallo Fierros, 1961: D. Gamallo Fierros, “Laverde en Compostela”, Boletín de la Biblioteca de Menéndez Pelayo, XXVII, 1-3 (1961), pp. 229-259.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 315-318.

J. I. Gracia Noriega, 1990: J. I. Gracia Noriega, "Gumersindo Laverde Ruiz en su centenario", El Basilisco, 5, 1990, pp. 41-47.

G. Laverde Ruiz, 1967: G. Laverde Ruiz, Epistolario de… y Menéndez Pelayo (1874-1890). Santander (Diputación provincial) 2 vols. 1967.

G. Laverde Ruiz, 1868: G. Laverde Ruiz, Ensayos críticos sobre Filosofía, Literatura e Instrucción Pública, Lugo (Imprenta de Soto Freire), 1868

Menéndez Pelayo, 1911: M. Menéndez Pelayo, “Contestación al Discurso de Ingreso de A. Bonilla y San Martín en la Real Academia de la Historia (26 de Marzo del 1911)”, en Ensayos de Crítica Filosófica, Madrid (Consejo Superior de Investigaciones Científicas), 1948.

A.Milón y Reales, 1887: A. Milón y Reales, “Introducción”, Memoria estadística del curso 1884-1885, Santiago (Imprenta de José M. Paredes), 1887, 3 pp.

P. Pedret Casado, 1956: P. Pedret Casado, Gumersindo Laverde Ruiz en la Universidad de Santiago, Madrid (C. Bermejo) , 1956.

P. Pedret Casado, 1961: P. Pedret Casado, Laverde y sus contemporáneos en Compostela, Santander, 1961

F. Vilanova, 1998: F. Vilanova, A pintura galega 1850-1950, Vigo (Ediciós Xerais de Galícia), 1998.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000079
Autoría: Elvira Santiso García
Título: Vítor de Gumersindo Laverde Ruiz
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Masculino
Data: ca 1940
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 141,5cm. Longo: 105,5 cm. Ancho: 2cm
Materiais: 
Lenzo