Vítor de Jacobo Gil Villanueva

Francisco Asorey
José Manuel García Iglesias

Jacobo Gil Villanueva naceu e morreu en Compostela (1831-1906). En 1857 é catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago; tamén será reitor (1890-1891, 1904-1906). O seu vítor é unha obra escultórica na que se suman un retrato, un sucinto encadre e unha epígrafe. Preséntase o personaxe en forma de busto, coa muceta negra, propia do reitor, lucindo a medalla. Polo que se refire ao rostro, parece seguirse unha imaxe súa correspondente a 1905. Apoia o seu brazo esquerdo nun libro cuxo lombo di: DE LOS CENSOS, referíndose ao seu libro “De los censos, según la legislación general de España”. Fíxoo Francisco Asorey en 1923 e está localizado na entrada do Paraninfo.

Gil Villanueva licénciase en Dereito na Universidade compostelá en 1852 e en 1855 doutórase na Universidade Central (A. M. López Medina, 2012). Conta cunha importante obra bibliográfica (Vid. J. Gil Villanueva, 1874; J. Gil Villanueva, 1880). Foi senador real e foi distinguido coa Cruz de Isabel a Católica (Vid. “ Necrología”, Boletín da Real Academia Galega, 8 [1906], pp. 171-172). Foi el quen, en nome do claustro, levou a cabo a contestación ao discurso de ingreso de Eugenio Montero Ríos como catedrático desta Universidade. Tamén leu o discurso inaugural do curso 1874-1875 e, en “… conformidade co decreto de abril de 1899”, foi nomeado vicepresidente da Comisión de Dereito Foral Galego” (P. Pedret Casado, 1953, p. 39).

Disponse o busto cun fondo e un encadre realizado con pedras de diferentes cores. Abaixo preséntase a seguinte epígrafe: AL SABIO CIVILISTA/ EXCMO. SR. DR. JACOBO GIL VILLANUEVA/ SUS DISCÍPULOS/ XXV FEBRERO MDCCCXXXII- + XXVII NOVIEMBRE MCMVI. Neste caso, estamos ante unha obra asinada: “Franco. Asorey 1923”. Dátase, pois, nun ano no que a cuestión agraria resulta especialmente debatida en Galicia, nun momento candente na resolución da problemática foral (X. R. Barreiro, 2007, pp. 34-35, 114-117). Disponse, xa por entón, entre dúas das portas do Paraninfo que el mesmo inaugurara como reitor (R. Otero Túñez, 1970, 294. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 337-339).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

X. R. Barreiro, 2007: X. R. Barreiro Fernández, Historia política da Galícia contemporânea. Volume. 4. O devalar da Restauración. A Ditadura e o tránsito á República, A Coruña (Edición La Voz de Galicia S. A.), 2007.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp.337-339.

J. Gil Villanueva, 1874: J. Gil Villanueva, Apuntes sobre el Fuero Juzgo leídos en la Universidad Literaria de Santiago, Santiago (Establecimiento tipográfico de José M. Paredes), 1874.

J. Gil Villanueva, 1880: J. Gil Villanueva, De los Censos en la Legislación General de España, Santiago deCompostela (Tip. de José M. Paredes).1880.

A. M. López Medina, 2012: A. M. López Medina, “Gil Villanueva, Jacobo (1831-1906)”, en Diccionario de Catedráticos Españoles de Derecho (1847-1943). Madrid (Universidad Carlos III de Madrid), 2012,

http://www.uc3m.es/portal/page/portal/instituto_figuerola/programas/phu/diccionariodecatedraticos (consultado el 23 de Novembro de 2017).

R. Otero Túñez, 1970: R. Otero Túñez, “Los últimos vítores de la Universidad Compostelana”, Cuadernos de estudios gallegos, XXV, 77 (1970), pp. 290-298.

P. Pedret Casado, 1953: P. Pedret Casado, “La Facultad de Derecho de la Universidad Gallega al comenzar el año 1900”, Lar.-- Buenos Aires, 236-237 (1953) pp. 39-40

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000594
Autoría: Francisco Asorey
Título: Vítor de Jacobo Gil Villanueva
Temas: 
Conmemorativo
Data: 1923
Técnicas: 
Cicelado
Dimensións: 
Alto: 108 cm Longo: 107 cm Ancho: 11,5 cm
Materiais: 
Bronce
Granito
Mármore