Vítor de Jimena e Elisa Fernández de la Vega

Xurxo Martiño
José Manuel García Iglesias

O vítor en cuestión, encomendado con motivo do V Centenario da Universidade compostelá, resólvese dándolle o protagonismo a unha muller indefinida -está de perfil e apenas se distingue o seu rostro-  que se encontra sentada nunha cadeira,  portando nas súas mans unha fotografía na que poden verse as dúas irmás Fernández de la Vega,  Jimena (1895-1984) e Elisa (1895-1933), que culminan os seus estudos de Medicina en 1919 sendo as primeiras mulleres que rematan os seus estudos nesta universidade. O pintor parte para isto dunha fotografía cuxo contido simplifica, en obra datada en 1996.

Naceron en Vegadeo, Asturias, e foron mulleres pioneiras. A súa forma de actuar na universidade foi tan exemplar que son na súa xeración as que contan co mellor expediente académico e unha delas, Jimena, foi o Premio Extraordinario da súa carreira en 1919, nos seus estudos de Medicina en Compostela, doutorándose dous anos despois en Madrid. Tras o seu paso por esta Universidade, a vida de Jimena levaríaa a estudar noutros lugares como Berlín, Xénova ou Viena. Xa en Madrid, compartiría a práctica profesional coa docencia universitaria. Elisa, en tanto, cunha traxectoria vital moito máis curta, sería tamén docente e médico en Sevilla e Zaragoza (M. P. Casas Gil, 2007, pp. 126-127).

Parte o pintor dunha fotografía cuxo contido simplifica. Deste xeito, aparentemente, a figura tenante é o principal pero a clave da obra é a fotografía que se mostra nun marco na que un fragmento da Porta Santa da Catedral compostelá simboliza o lugar no que se desenvolve unha acción na que o pintor suxire a idea de que o presente feminino desta Universidade pode e debe verse nesas mulleres que están na orixe mesma dunha nova páxina, certamente histórica.

O epígrafe di neste caso: ÁS DOUTORAS DONA JIMENA E DONA ELISA FERNÁNDEZ DE LA VEZ, / LICENCIADAS EN MEDICINA CON PREMIO EXTRAORDINARIO NO CURSO/ ACADÉMICO 1918-1919, PRIMEIRAS MULLERES QUE REALIZARON OS / SEUS ESTUDIOS NA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 306-307).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

M. P. Casas Gil, 2007: M. P. Casas Gil, “Memoria e personaxes. Unha constante na historia da Universidade”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 115-133.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela  (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 306-307.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000070
Autoría: Xurxo Martiño
Título: Vítor de Jimena e Elisa Fernández de la Vega
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Feminino
Data: 1995
Técnicas: 
Óleo
Materiais: 
Táboa