Vítor de Joaquín Díaz de Rábago

Autoría descoñecida
José Manuel García Iglesias

Neste caso, o vítor móstranos unha representación da Xustiza, sedente, acompañada de dous ignudi; tamén pode verse aquí un escudo da Universidade compostelá. Polo seu estilo cabe encadrar esta obra cara a 1870-1875, algo impropio se do que se trata é de render homenaxe a Joaquín Díaz de Rábago (1837-1860), personaxe ao que se alude no correspondente epígrafe. É moi probable que esteamos ante un vítor reaproveitado alá por 1913 e dedicado, inicialmente, a Eugenio Montero Ríos.

Joaquín Díaz de Rábago naceu en Muros en 1837 pero a súa vida está vinculada a Compostela desde os dez anos. Aquí estudou as carreiras de Dereito e Filosofía e Letras. Vinculouse desde moi cedo á cátedra de Economía Política e Facenda Pública pero tamén tivo tal interese pola lingua e literatura hebraica que chegou a serlle encomendada, con carácter interino, a cátedra de Lingua Hebrea sendo secretario da Facultade de Filosofía e Letras (1860).

Entre os postos que desempeñou, en Santiago, encóntranse os de Director do Banco de España (1860), Delegado Rexio da Escola de Artes e Oficios (1887), director da Real Sociedade Económica de Amigos do País (1887-1890).

Entre os temas que abordou destacan as súas publicacións sobre o cooperativismo e o crédito agrícola. Morreu en 1898 (véxase J. Barcia, 1899, pp. I-XVII, A. Couceiro, 1951, p. 355; L. Fernández de la Fuente, 1978; R. García Domínguez, 1998, pp. 119-150: S. Martínez Rodríguez, 2002; S. Martínez Rodríguez, 2005, pp. 585-599; S. Martínez Rodríguez, 2006 ).

O vítor de Díaz de Rábago reaproveita, segundo o noso modo de ver, outro anterior dedicado a Eugenio Montero Ríos, do que toma a súa parte figurativa dispoñéndose agora tan só unha nova epígrafe, congruente co personaxe a evocar. Esta reutilización faríase ao dedicar un novo a Montero Ríos.

Nel preséntase no centro a imaxe da Xustiza como unha muller sedente. A súa cabeza está coroada con loureiro. Na man dereita leva a espada e na esquerda unha balanza. Un ignudo, a un lado, mantén na súa man o seu cetro, que lle ofrece. Esta figura alegórica mira cara a outro ignudo que, tamén sentado, está a ler. Ao seu lado hai un escudo coas armas da Universidade.

A inscrición que hoxe ten -relativa a Díaz de Rábago- disponse nun lugar previamente ocupado por outra, tal como pode verse ao albiscárense restos de letras semiocultas nas liñas da lenda actual. O modo de identificar a Montero Ríos en relación coa Xustiza leva a pensar que debeu de ser concibido arredor de 1871 – 1873, dado que por eses anos -final do Sexenio Democrático e boa parte do reinado de Amadeo de Saboya-, ocupou o cargo de Ministro de Graza e Xustiza. No relativo á inscrición que formaba parte do mesmo, debeu de responder a unha redacción concordante con ese momento. Debe de ser, por iso, obra dun pintor con taller na década dos setenta; una vez máis, posiblemente José Garabal Louzao. De ser así, o modo de facer neste caso afasta o formato doutros a vincular, tamén a este pintor; por iso, en razón do estilo asumido parece máis ben próximo ao modo de facer de Manuel Rodríguez, o autor do vítor de Antonio Casares.

A epígrafe en cuestión di: AL EXMO. SR. DR. D. JOAQIN DIAZ DE RABAGO ALUM-/NO DE ESTA UNIVERSIDAD Y CATEDRÁTICO AUXI-/LIAR EN ELLA, GRAN CRUZ DE ISABEL LA CATOLI-/ CA, DIRECTOR DE LA SOCIEDAD ECONÓMICA DE AMI/ GOS DEL PAIS, DIRECTOR DE LA ESCUELA DE AR-/ TES Y OFICIOS, DIRECTOR DE LA SUCURSAL DEL/ BANCO DE ESPAÑA. ESCRITOR Y ECONOMISTA.

Chama a atención o que se nos di nesta lenda, na que se menciona o seu labor na Real Sociedade, mostrando o personaxe como escritor e economista. A súa posición nas cuestións de carácter agrario foron especialmente destacadas e resulta totalmente lóxico, por outra parte, que nun momento coma este -cara a 1913- se decida dedicarlle un vítor a un personaxe falecido quince anos antes, se temos en conta o desenvolvemento do agrarismo en Galicia entre 1907 e 1918 (véxase X. R. Barreiro, 2007, pp. 11-29). Non é cuestión menor, por outra parte, o feito de que por estes anos o reitor sexa Troncoso Pequeño, antigo director da Real Sociedade Económica de Amigos do País, na que tamén coincidira con Díaz de Rábago.

Conta Joaquín Díaz de Rábago cun retrato na Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Tralo seu falecemento, acordouse en sesión de 10 de outubro de 1898 “imprimir todas sus obras, poniendo al frente el retrato, la biografía de aquel distinguido escritor y dos estudios críticos de sus citadas obras”; José Rivero de Aguilar, como Secretario, deixa constancia do dito (J. Díaz de Rábago, 1899, páxina preliminar).

É neste caso unha fotografía -presente nas ditas obras completas, a modo de retrato- a que parece seguir Fenollera á hora de afrontar esta encomenda. Este retrato preséntao levando, ademais da medalla da Sociedade, a cinta amarela e branca e a Gran Cruz que corresponden á Real Orde de Isabel a Católica (E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso, M. Carrascal, 2010 pp. 52-55).

Foi o por aquel entón director da Sociedade, Ramiro Rueda Neira, quen propuxo que se publicasen (A. Brañas, 1899, p. LXXXII) e é José Barcía Caballero quen asina a biografía coa que se abren estas “Obras Completas” (J. Barcía, 1899, pp. I-XVII). Os estudos críticos débense a Alfredo Brañas, que antecede aos textos de Díaz de Rábago (A. Brañas, 1899, pp. I-LXXXIII); a relación de Brañas coa Económica principia co seu ingreso na mesma o 21 de abril de 1888 (P. Pedret, 1956, p. 391). É, en tanto, Cabeza de León quen comeza o oitavo e derradeiro tomo desta obra (S. Cabeza de León, 1901, pp. V-LIII).

Existe, por outra parte, unha variante deste cadro: preséntase aquí en tres cuartos, mostrándonos o personaxe ante unha mesa na que, entre outros obxectos, pode verse un volume de El Crédito Agrícola, obra de referencia de seu. Pertence á familia e gárdase na Pobra do Caramiñal, na Casa Grande de Aguiar (A. Fernández-Cid, 2009, pp. 162-163); neste caso, a medalla de doutor súmase ás distincións vistas no retrato da Económica.

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

J. Barcia (1899): J. Barcia Caballero, “Biografía”, en J. Díaz de Rábago, Obras completas, Santiago de Compostela (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago), 1899, t. I, pp. I-XVII.

X. R. Barreiro (2007): X. R. Barreiro Fernández, Historia política da Galícia contemporânea. Volume. 4. O devalar da Restauración. A Ditadura e o tránsito á República, A Coruña (Edición La Voz de Galicia S. A.), 2007.

A. Brañas, 1899: A. Brañas Menéndez, “El Exmo. Señor D. Joaquín Díaz de Rábago y sus obras económicas”, en J. Díaz de Rábago, Obras completas, Santiago de Compostela (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago), 1899, t. I, pp. I- LXXXIII.

S. Cabeza de León, 1901, “Prólogo”, en J. Díaz de Rábago, Obras completas, Santiago de Compostela (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago), 1901, t. VIII, pp. V-LIII

A. Couceiro (1951): A. Couceiro Freijomil, Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores. 3 vols. Santiago de Compostela (Bibliófilos Gallegos), t. I, 1951.

J. Díaz de Rábago, 1899, Obras completas, Santiago de Compostela (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago), t. I, 1899

E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso, M. Carrascal, 2010: E. Fernández Castiñeiras, J. M. Monterroso Montero, M. Carrascal Aguirre, Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. Catálogo dos fondos, Santiago de Compostela (Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago), 2010.

L. Fernández de la Fuente (1978): L. Fernández de la Fuente, Un Eminente sociólogo gallego: Joaquín Díaz de Rábago (1837-1898): pionero del cooperativismo en España, Madrid (Escala Gráfica Salesiana), 1978.

A. Fernández-Cid, 2009: A. Fernández-Cid Fenollera, Fenollera. Obra pictórica, Pozuelo de Alarcón (Mirada Malva), 2009.

R. García Domínguez (1998): R. García Dominguez, “Vida de un santo varón: Joaquín Díaz de Rábago, teórico e historiador del cooperativismo”, Cuadernos de estudios gallegos, XLV, 110 (1998), pp. 119-150.

S. Martínez Rodríguez (2002): S. Martínez Rodríguez, O Pensamento feminista do economista compostelán Joaquín Díaz de Rábago (1837-1898), Santiago de Compostela (Concello de Santiago : Universidade de Santiago de Compostela), 2002.

S. Martínez Rodríguez (2005): S. Martínez Rodríguez, “Joaquín Díaz de Rábago: un cooperativista español en la Europa de finales del XIX”, Historia Contemporánea 31 (2005), pp. 585-599.

S. Martínez Rodríguez (2006): S. Martínez Rodríguez, El liberalismo económico y social de Joaquín Díaz de Rábago (1837-1898), A Coruña (Fundación Pedro Barrié de la Maza), 2006.

P. Pedret, 1956, P. Pedret Casado, “Datos para una biografía de Alfredo Brañas”, Boletín de la Real Academia Gallega, XXVII, 309-320 (1956), pp. 388-395.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000083
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Vítor de Joaquín Díaz de Rábago
Temas: 
Conmemorativo
Data: pintura: ca 1871-1873 epígrafe: ca 1913
Técnicas: 
Óleo
Dimensións: 
Alto: 156 cm. Longo: 117 cm. Ancho: 2,5 cm.
Materiais: 
Táboa