Vítor de José Rodríguez Carracido
José Rodríguez Carracido naceu en Santiago de Compostela (1856-1928), licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago (1874) e doutorouse na de Madrid (1875). Neste caso, o vítor divide o espazo en tres partes seguindo, en certa maneira, as pautas marcadas por Tito Vázquez no vítor que realiza de Montero Ríos en 1913. Vai introducir, como naquel, a súa imaxe nun medallón. Unha segunda parte está protagonizada polas dúas figuras sedentes, que se mostran coas cores propias dunha grisalla dispostas de costas e partindo dunha mesma base. Como terceira parte, unha epígrafe completa o espazo do vítor. Datada en 1916, é obra do pintor Fernando Martín Marqués.
Tras gañar unha praza de farmacéutico militar, está no exército ata 1880. En 1881 é catedrático de Química Orgánica da Facultade de Farmacia de Madrid e, a partir de 1898, de Química Biolóxica do doutoramento de Ciencias, Medicina e Farmacia, na mesma Universidade. A súa relevancia era tanta que, en 1893, o escultor Sanmartín regala “un medallón que contén esculpido no medio de relevo” un retrato seu, recoñecéndoo como catedrático de Química da “Universidade Central” (Gaceta de Galicia. Diario de Santiago, 31,I, 1893). Tras ser decano da Facultade de Farmacia, será reitor en 1916, cargo que exerceu ata 1927. Como profesor, figura en cambio ata 1926. En 1887 foi elixido Académico da Real Academia de Ciencias Exactas. Físicas e Naturais, institución da que é presidente en 1922, cargo que ocupou ata que faleceu (L. Máiz Eleizegui, 1961, pp. 172-174; J. M. López Piñero et al., 1983, II, pp. 247-249; M. Bermejo Patiño, 1993 pp. 269-271.; A. Iglesias Díeguez, 1999, p. 32; X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez, 1993, pp.269-271.). Posuía as grandes cruces de Carlos III e de Alfonso XII, o colar de Santiago e a Espada de Portugal… (A. Couceiro Freijomil. 1953, pp. 206-208).
A súa imaxe, incluída nun medallón, aproxímanos en certa maneira á forma de representar as personaxes máis destacadas entre as que teñen unha presenza no novo paraninfo, inaugurado en 1905. Tanto é así que este medallón, concibido como unha coroa de loureiro, no que podemos ver a Carracido de perfil, evoca aos alí existentes -coma se con esta aclamación quixese ampliar a galería dos nove alí presentados- e disponse, tamén, entre unha decoración de claro sabor renacentista. Unha segunda parte está protagonizada polas dúas figuras sedentes. Son un home e unha muller que, dalgún modo, parecen evocar as figuras, naquel caso deitadas, dispostas sobre as tumbas dos Medici en Florencia. Hai, deste xeito, unha certa aproximación ao “miguelanxesco” e quizais poidan ser interpretadas como alegorías ao crepúsculo (o rostro do home esta ensombrecéndose) e á aurora (a muller, en cambio, parece abrirse á luz). Sobre ese contexto, de orde temporal, destaca no medio, en formas áureas, unha pequena figura que pende do medallón de Carracido; trátase dunha representación da Vitoria, portando unha coroa de loureiro, a que merece, como honra, a personaxe de que se trata.
Polo que se refiere á epígrafe, que completa como terceira parte o espazo do vítor, di: AL EXMO. E ILMO. SR. D. JOSÉ RODRIGUEZ CA-/RRACIDO, HIJO DE SANTIAGO, ALUMNO DE ESTA/ UNIVERSIDAD, CATEDRÁTICO DE FARMACIA Y REC-/ TOR DE LA DE MADRID, MIEMBRO DE LAS REALES ACADEMIAS DE CIENCIAS EXACTAS FISICAS Y NA-/ TURALES, DE MEDICINA Y ESPAÑOLA, CONSEJERO DE INSTRUCCIÓN PÚBLICA, SENADOR DEL REINO, CABALLERO GRAN CRUZ DE ALFONSO XII, ECT. ECT.
Dados os méritos aquí sinalados, a aclamación en cuestión debe encadrase cronoloxicamente entre 1916, ano no que chega á Reitoría de Madrid, e 1922, momento no que preside a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais, xa que non figura tal honra nesta lenda.
Sobre Fernando Martín Marqués cabe dicir que foi profesor de Debuxo Artístico na Escola de Artes e Oficios de Santiago desde o curso 1920-1921 ata o 1929-1930. Tamén, neste último curso, explica Historia da Arte neste centro de ensino (J. Sousa, F. Pereira, 1988, p- 145). Era un artista próximo a Perico Vázquez. Tanto é así, que figura ao seu lado entre os asinantes do Regulamento da Sociedade “Amigos da Arte de Santiago”, constituída en 1928 (A. Fraguas Fraguas, 1974, p. 6). Tamén tiña relación con Rafael de la Torre Mirón, fundamental na concreción do programa iconográfico do Paraninfo; con el comparte a execución do artesoado de madeira de cedro existente na capela do Colexio da Inmaculada, en Santiago. Nela tamén se remiten ao estilo do Renacemento, ao que miran tanto a decoración do Paraninfo como este vítor. Pois ben, esa proximidade entre ambos os artistas contribúe a explicar este vítor como continuador, en certa maneira e como xa se dixo, da obra do Paraninfo (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 300-302).
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do Colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor. Aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións. Para iso, séguense formas (coma o modo de pintar os caracteres en vermello) semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, onde que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
M. Bermejo Patiño, 1993: M. Bermejo Patiño, “Rodríguez Carracido”, en X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez (coord.), Diccionario Histórico das Ciencias e das técnicas de Galícia. Autores, 1868-1936, Sada- A Coruña (Ediciós do Castro), 1993, pp. 269-271.
A. Couceiro Freijomil. 1953: A. Couceiro Freijomil, Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela (Bibliófilos Gallegos),1953, t. 3.
X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez, 1993: , X. A. Fraga Vázquez, A. Mato Domínguez (coord.), Diccionario Histórico das Ciencias e das técnicas de Galícia. Autores, 1868-1936, Sada- A Coruña (Ediciós do Castro),1993.
A.Fraguas Fraguas, 1974: A. Fraguas Fraguas, “La Sociedad “Amigos del Arte”. Apuntes para su historia”, Abrente (1974), pp. 6-61.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 223-226.
A. Iglesias Díeguez, 1999: A. Iglesias Díeguez, Historia do Pensamento Antropolóxico en Galicia, Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1999.
J. M. López Piñero et al., 1983: J. M. López Piñero et al., Diccionario histórico de la Ciencia Moderna en España, Barcelona (Ediciones Península), 1983, 2 vols.
L. Máiz Eleizegui, 1961: L. Máiz Eleizegui, Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago (cien años de vida de la Facultad) 1857-1957, Santiago de Compostela (Facultad de Farmacia), 1961.
J. Sousa, F. Pereira, 1988: J. Sousa, F. Pereira, Historia de la Escuela de Artes y Oficios de Santiago de Compostela 1888-1988, A Coruña (Excma. Deputación Provincial da Coruña), 1988.