Vítor de José Rodríguez Carracido

Francisco Asorey
José Manuel García Iglesias

A Facultade de Farmacia, asentada no seu momento no Colexio de Fonseca, dedicoulle un lugar de honra a José Rodríguez Carracido: o centro do espazo da escaleira que enlaza as súas dúas alturas. Alí disporase un vítor en 1924, realizado por Francisco Asorey. Quen é obxecto del móstrase sedente, nunha gran cadeira de brazos da que vemos o seu alto respaldo e tras el, como sinala Otero Túñez, acubíllao “o perfil da deusa Minerva”.

Disponse unha longa epígrafe na súa parte inferior.

É unha obra encargada tempo antes, tanto é así que hai constancia de que Carracido posa en Madrid ante Asorey en 1922, o que contribúe a explicar o “portentoso realismo” posto en valor (R. Otero Túñez, 1959, pp. 133-134). O modo de compoñer esta lápida parte da localización que vai ter, na citada escaleira. A longa epígrafe, que se dispón na súa parte inferior, está en parte dividida pola insignia propia de Farmacia. Di así: TESTIMONIO------ DE CARIÑO AL / EXCMO. SR. D. JOSÉ RODRÍGUEZ CARRACIDO/ SABIO BIÓLOGO---- ORADOR ELOCUENTÍ/ SIMO. HIJO D SANTIAGO/ ALUMNO ESCLA-----RECIDO DE ESTA/ FACULTAD DE FAR-----MACIA RECTOR/ D LA UNIVERSIDAD D MADRID ETC ETC/ MCMXXIV.

Hai constancia de que daquela tamén se pensou en facerlle un monumento a esta personaxe, o que levou a encomendar o consecuente bosquexo (“….consérvase na Sala de Xuntas da Facultade de Farmacia”, en R. Otero Túñez, 1970, p. 294. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 333-334).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do Colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor. Aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións. Para iso, séguense formas (coma o modo de pintar os caracteres en vermello) semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, onde que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 333-334.

R. Otero Túñez, 1959: R. Otero Túñez, El escultor Francisco Asorey, Santiago de Compostela (Imprenta Paredes), 1959.

R. Otero Túñez, 1970: R. Otero Túñez, “Los últimos vítores de la Universidad Compostelana”, Cuadernos de estudios gallegos, XXV, 77 (1970) pp. 290-298.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000881
Autoría: Francisco Asorey
Título: Vítor de José Rodríguez Carracido
Temas: 
Retrato
Data: 1924
Técnicas: 
Fundición
Dimensións: 
Alto: 134 cm    ancho: 126 cm    fondo: 25 cm 
Materiais: 
Bronce