Vítor de José Rodríguez González

Autoría descoñecida
José Manuel García Iglesias

José Rodríguez González naceu en Bermés, Lalín (1770-1824). Foi colexial de San Xerome. Dedicouse, entre outras materias, ás matemáticas e á astronomía. O seu vítor presenta un único escudo, o da Universidade, entre dous ignudi que neste caso non se vinculan tanto coa parte heráldica, á que acompañan a cada lado, senón co papel de presentarnos, un deles uns prismáticos -ademais doutro instrumento de medición, cunha chumbada- e o outro, un globo terráqueo e un mapa. Pódese distinguir tamén neste caso algún instrumento de medición no chan. Nun e noutro lado poden contemplarse, tamén nesa parte baixa, coroas de grilandas. Estamos, por outra parte, ante un modo de narrar que resulta moi próximo ao exposto por José Ferreiro na portada da Universidade. Conta con epígrafe e cabe datalo cara a 1856.

Foi, con Francisco Neyra, o creador do Gabinete de Física da Universidade compostelá (M. Murguía, 1888, p. 445). Accede á cátedra de Matemáticas desta Universidade en 1800. Trasládase posteriormente a París. Tamén terá responsabilidades en Madrid e será recoñecido en Londres, destacándose especialmente o seu traballo sobre a medición do meridiano. En 1819 responsabilizarase da dirección do observatorio astronómico de Madrid (Vid. J. M. López Piñero et ao., 1983, II, pp. 249-251; A. Gil Novales, 2010, III, p. 2640; M. Sampayo Yáñez, 2007, pp. 347-360; A. Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008, pp. 521-522; I. Fernández Pérez, 2009, p. 56; I. Fernández Pérez, J. A. Docobo Durántez , 2011, pp. 79-82). Ao ano seguinte é nomeado deputado nas Cortes; concretamente ocupa tal cargo entre 1820 e 1822 (A. Costa Rico, 2004, p. 815; X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes,2001, pp. 573-575).

A epígrafe que completa o tema di o seguinte:

D. JOSÉ RODRÍGUEZ GONZALEZ, CATEDRATICO/ DE MATEMATICAS DE ESTA UNIVERSIDAD.// NOMBRADO POR EL EMPERADOR DE RUSIA PA. DIRIGIR. EL / OBSERVATORIO DE SN PETERSBURGO PROFESOR DE ASTRONOMIA/ EN EL MUSEO DE CIENCIAS NATURALES DE MADRID Y DIRECTOR DEL / OBSERVATORIO ASTRONOMICO. NATURALISTA DISTINGUIDO Y/ COMPAÑERO DE SABIOS FRANCESES BIOT Y ARAGO EN LA MEDICIÓN DEL / ARCO MERIDIANO, DIPUTADO A CORTES & &

Ao recoñecermos a proximidade formal ao vítor de Folgueras Sión, cabe encadrar o de Rodríguez, como se dixo, cara a 1856. Estamos agora nun tempo de renovación, consecuente coa volta dos progresistas ao poder, 1854-1856 (Vid. X. R. Barreiro Fernández, 1991, pp. 338-350). É posible que o vítor de Folgueras se acometese no primeiro mandato do reitor Viñas (1846-1854), en tanto que o de Rodríguez foi feito nunha seguinte etapa súa, á fronte da Universidade compostelá, 1856-1864 (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 273-275).

El é un dos nove persoeiros especialmente destacados desde a decoración do Paraninfo universitario (J. M. García Iglesias, 2016, p. 381).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

X. R. Barreiro Fernández, 1991: X. R. Barreiro Fernández, Historia Contemporánea. Política (Século XIX), A Coruña (Hércules Ediciones, S. A.),VII, 1991.

X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes,2001: X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes, Parlamentarios de Galícia. Biografias de Deputados e Senadores, Santiago de Compostela (Parlamento de Galicia. Real Academia Galega), 2001

A.Costa Rico, 2004: A. Costa Rico, Historia da educación e da cultura en Galicia, Vigo (Xerais), 2004.

I.Fernández Pérez, 2009: I. Fernández Pérez, Aproximación al desarrollo de La astronomía en España. Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela, 2009 [recurso electrónico].

I. Fernández Pérez, J. A. Docobo Durántez , 2011: I. Fernández Pérez, J. A. Docobo Durántez, As Matemáticas e a Astronomia en Galícia, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela, 2011.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 273-275, 381.

A. Gil Novales, 2010: A. Gil Novales, Diccionario biográfico de España (1808-1833): de los orígenes del liberalismo a la reacción absolutista, Madrid (Fundación Mapfre), 2010.

J. M. López Piñero et al., 1983: J. M. López Piñero, Diccionario histórico de la Ciencia Moderna en España, Barcelona (Ediciones Península), 1983, 2 vols.

M. Murguía, 1888: M. Murguía, M. Galicia, Barcelona (Establecimiento Tipográfico- Editorial de Daniel Cortezo y Cª), 1888- Hai dúas edicións fácsimil publicadas unha en Santiago de Compostela, (Edicións Salvora), 1985, 2 volúmenes; e outra en Vigo (Edicións Xerais de Galicia - Concello de Arteixo), 2000.

M. Sampayo Yáñez, 2007: M. Sampayo Yáñez, “Legado científico do matemático galego José Rodríguez González”, Lucensia, 17, 35 (2007), pp. 347-360.

A. Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008: A. Torres Queiruga, M. Rivas García (coord.), Diccionario Enciclopédia do Pensamento Galego, Vigo (Xerais. Consello da Cultura Galega), 2008.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000447
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Vítor de José Rodríguez González
Temas: 
Conmemorativo
Data: Ca. 1856
Técnicas: 
Témpera
Dimensións: 
Alto: 150 cm Ancho: 112 cm
Materiais: 
Táboa
Localización: Facultade de Matemáticas