Vítor de José Varela Montes
Este vítor dátase en 1940. É obra da pintora Elvira Santiso. Na súa composición cabe valorar tres partes: un retrato, unha ambientación complementaria e un epígrafe. No relativo ao retrato de Varela de Montes (1796-1868), está disposto na parte alta e media, nun marco ovalado rodeado de loureiro. Copia, nas súas formas, o realizado por Dionisio Fierros. Baixo o retrato pode verse unha disección anatómica que evoca a representada na propia Facultade de Medicina á que se fai, así, referencia, así como aos seus estudos, mostrando libros, apuntamentos e recipientes utilizados para a atención médica. O epígrafe disponse, como é común, na parte inferior.
A ambientación remítenos a Compostela a través dun fondo en que aparecen cruces de Santiago decorándoo. Baixo o retrato, e enmarcado polas ramas de loureiro que penden do retrato, pode verse unha disección anatómica; oito estudantes contémplana. A configuración pétrea, que se aparenta, evoca en certo modo a mesma temática que incluída nun frontón que preside a entrada da propia Facultade de Medicina, á que se fai así referencia, como tamén aos seus estudos, mostrando libros, apuntamentos e recipientes utilizados para a atención médica.
O epígrafe que completa o conxunto di: D. JOSE VARELA DE MONTES NACIÓ EN SAN/ TIAGO EN MAYO DE 1796 Y FALLECIÓ EN 1868/ DECANO Y CATEDRÁTICO DE MEDICINA CLINI-/CA EN LA UNIVERSIDAD DE SANTIAGO, CABA/LLERO GRAN CRUZ DE LA REAL ORDEN AME/RICANA DE ISABEL LA CATÓLICA Y DE/ NUMERO DE LA R ACADEMIA DE MEDICINA Y / CIRUGIA DE GALICIA Y ASTURIAS/ CORRESPONSAL DE LA DE MADRID Y DE LA R./ ACADEMIA DE ESCULAPIO DE LA QUIRÚRGICA/ MATRITENSE/ DE LA DE MEDICINA PRÁCTICA DE/ WILLEBRDECK DE LA LEGAL DE GRAN DU/CADO DE BADEN- SOCIO DE MÉRITO DE LA R. SOCIEDAD AMIGOS DEL PAÍS DE SANTIAGO.
Como pode verse, o texto difire dos previamente realizados, xa que neste caso incídese, sobre todo, nas condecoracións recibidas, o que, polo demais, engrandece a Medicina compostelá (Vid. R. M. Cacheda Barreiro, 2007, pp. 92-93; J. M. García Iglesias, 2016, pp. 302-304).
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
R. M. Cacheda Barreiro, 2007: R. M. Cacheda Barreiro, “O Vítor como soporte iconográfico. Heráldica, alegoría e retrato”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp.87-98.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 223-226.