Vítor de Luis Iglesias

Autoría descoñecida
José Manuel García Iglesias

Luis Iglesias inicia a súa vida (1768-1868) como franciscano aos 15 anos, en 1782. É doutor na Universidade de Santiago en 1808. Os franciscanos elixirano, nemine discrepante, Xeneral o 29 de maio de 1830. O seu vítor é un escudo con armas propias dos franciscanos que se acompaña doutro, propio da Universidade compostelá. Ambos están enlazados e unidos na súa parte alta coas letras características do vítor. Unha figura alegórica da Igrexa, coroada coa tiara pontificia, preséntase sedente ao lado do escudo franciscano, mentres que o outro mostra unha representación de Minerva cunha coroa de loureiro na súa destra, honrando deste modo o personaxe na súa faceta universitaria. Conta, como é común, con inscrición datada en 1830.

Foi un dos membros do claustro compostelán que recoñeceu a José Napoleón en 1809. É por entón cando accede como substituto a unha cátedra de Teoloxía vacante, nomeamento que se anulará nese mesmo ano (X. Barreiro Fernández, M. A. Cendón Amado, M. X. Souto Blanco, 2002, p. 69).

Nun claustro de 1810 recoñeceráselle, en relación coa súa postura relativa a Napoleón, “libre e absolto de toda culpa” (J. Rodríguez de Legísima, 1912, pp. 360-375. Vid. X. R. Barreiro Fernández, 1990, pp. 6-21; J. A. Vázquez Vilanova, 2004, p. 203). Con todo, non sucedía o mesmo na súa Orde. Así o xeneral de entón dispoñía o seguinte: “nin debo permitir nin permito que exerza oficio de honra na nosa Orde, relixioso cuxo patriotismo e amor a N. Católico Monarca D. Fernando VII non fose inmaculado e notorio” ( J. Rodríguez de Legísima, 1912, p. 379). A pesar de tales precedentes, será nomeado Xeneral da orde franciscana e, como tal, presidirá o Capítulo Provincial de 1832 (J. Rodríguez de Legísima, 1912, pp. 383-387, 822-825). Conta con doce títulos publicados entre os anos 1814 e 1834 (M. de Castro e Castro, 1996, pp. 546-549). Entre eles cabe destacar neste caso a súa Oración pronunciada o 26 de maio de 1814 da restitución de Fernando VII (Vid. L. Iglesias, 1814).

Un amplo dosel ampárao todo en tanto que o conxunto heráldico se pousa sobre unha representación da terra, mostrada en dous círculos -evocando os hemisferios leste e oeste, segundo a proxección de Aaron Arrowsmit (1750-1823)-, a modo de mapamundi, enlazados polo cordón franciscano. Unha lenda, disposta coma se fose unha placa sostida por dous dourados cravos, di o seguinte: AL EXCMO Y RMO P. M. FR./ LUIS YGLESIAS/ LECTOR JUBILADO Y GUARDIAN EN EL / CONVENTO DE S. FRANCISCO. DEFINIDOR/ GRAL, DE LA ORDEN DR. EN TEOLOGÍA/ MRO EN ARTES Y CATEDRÁTICO DE/ RELIGIÓN EN ESTA REAL UNIVERSIDAD/ TEOLOGO CONSULTOR EN LA REAL JUNTA/ DE LA CONCEPCION. GRANDE DE ESPAÑA DE / PRIMERA CLASE. Y MINISTRO GENERAL DE TODA LA ORDEN DE S. FRANCISCO. AÑO DE 1830.

A datación do vítor -1830- coincide, pois, co momento no que é elixido Xeneral da Orde. Dispoñíase, como xa se dixo, a principios do XX, “…nun dos ángulos do claustro baixo” (J. Rodríguez de Legísima, 1912, p. 388. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 270-272).

O seu nome figura neste espazo nobre entre os personaxes destacados da Universidade compostelá, atendendo a criterios de principios do século XX (J. M. García Iglesias, 2016, p. 380).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

X. R. Barreiro Fernández, 1990: X. Barreiro Fernández, “O clero galego afrancesado”, Encrucillada, 66 (1990), pp. 6-21.

X. Barreiro Fernández, M. A. Cendón Amado, M. X. Souto Blanco, 2002: X. Barreiro Fernández, M. A. Cendón Amado, M.X. Souto Blanco , “O Século XIX”, en X. R. Barreiro, , Historia da Universidade de Santiago de Compostela, II , Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2002.

M. de Castro y Castro, 1996: M. de Castro y Castro, Escritores de la Provincia Franciscana de Santiago. Siglos XIII-XIX, Santiago de Compostela (Burgos: Imprenta Aldecoa), 1996.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 223-226.

L. Iglesias, 1814: L. Iglesias, Oración que en la solemne acción de gracias al Todo-Poderoso por la venida, y restitución de nuestro legítimo y amado Monarca ... Fernando el Séptimo al Trono de sus Mayores celebró la Real Universidad de Santiago el día 26 de Mayo de este año en su Capilla de Sti-Spiritus dixo el P. M. Fr, ... de la Órden de San Francisco, Doctor en Sagrada Theología, Lector en el Convento de San Francisco de la misma Ciudad, y Exâminador Sinodal del Arzobispado, Santiago (Imprenta de D. Juan Francisco Montero y Frayz), 1814.

J. Rodríguez de Legísima, 1912: J. Rodríguez de Legísima, Héroes y mártires gallegos, Santiago de Compostela (Tip. de El Eco Franciscano), 1912.

J. A. Vázquez Vilanova, 2004: J. A. Vázquez Vilanova, Clero y sociedad en la Compostela del siglo XIX, Santiago de Compostela (CSIC- Xunta de Galicia), 2004.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000456
Autoría: Autoría descoñecida
Título: Vítor de Luis Iglesias
Temas: 
Conmemorativo
Data: 1830
Técnicas: 
Temple
Dimensións: 
Alto: 142 cm Ancho: 99 cm
Materiais: 
Madeira
Localización: Facultade de Dereito