Vítor de Luís Porteiro Garea

Soledad Penalta
José Manuel García Iglesias

Luís Porteiro Garea (1889-1918), profesor de Dereito Civil, vincúlase coa creación das Irmandades da Fala (1916). El foi o primeiro que utilizou o idioma galego nun acto realizado no Paraninfo universitario, no ano 1915. Conta cun vítor na Facultade de Dereito, realizado en 2016 -en conmemoración do centenario das Irmandades da Fala- pola escultora Soledad Penalta, quen acompaña o retrato de Porteiro coa súa palabra, así como cunha epígrafe na súa base.

O Diario de Galicia. Periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general, na sección “Necroloxía” recolleu unha descrición de Luís Porteiro na que é recoñecido como “…novo e ilustrado profesor auxiliar da Facultade de Dereito e concelleiro do Excmo. Concello… baixa ao sepulcro cando para el se abrían os horizontes dun brillante porvir, e empezaba a recoller o froito da súa aplicación e intelixencia no seu bufete de avogado. Pouco tempo despois de abandonar as aulas e de obter o premio extraordinario no Doutoramento da Facultade, obtivo por oposición a praza de profesor auxiliar que desempeñaba. Máis tarde, a Cámara agrícola levouno como o seu representante ao seo da corporación municipal”

(http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/morte-luís- porteiro- garea- xxi/20161030002852170294.html ).

E, deste xeito, lémbrao a propia Universidade con motivo da colocación deste vítor: “Luís Porteiro licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela en 1911 con Santiago Carro, Fernández Mato, Xaime Quintanilla, José Fuciños e o mesmo Castelao, e alentados por Salvador Cabeza de León e Armando Cotarelo pulan polo emprego do galego na universidade. Desde a asociación estudantil Joven Galicia mobilízanse pola constitución da Biblioteca América á que se negaba a reitoría, reclaman a cátedra de Lingua e Literatura Galaico-portuguesa que se pretendía instaurar en Madrid e demandan unha facultade de letras e ciencias". Como avogado, defendeu dende o seu despacho aos mártires de Nebra.


Na revista Suevia publica en 1913 Rexurdimento Galego, un manifesto anticaciquil e agrarista no que pon exemplos da súa curta experiencia como secretario do Concello de Arzúa. De 1912 a 1913 reside en Madrid preparando a tese de doutoramento, que presenta a finais de ano na Universidade Central co título El sistema parlamentario y sus relaciones con el caciquismo.

En Madrid publica no xornal lerrouxista El Radical na sección «Galicia», na que o caciquismo foi o tema recorrente e onde fixo un achegamento á singularidade dos problemas do campo galego. Vincúlase ao grupo intelectual máis galeguista en Madrid con Rodrigo Sanz e Aurelio Ribalta cos cales, posteriormente, colabora na revista Estudos Gallegos.

En 1915 comeza o seu labor docente como profesor de Dereito Civil na Universidade de Santiago. Exerceu de secretario da Facultade e desenvolveu o posto de secretario xeral da Universidade. O 16 de setembro dese mesmo ano pronuncia a que foi a primeira conferencia en galego na universidade, titulada A transformación do Dereito civil pola Gran Guerra, onde se centra no dereito público. En 1916 pronuncia en Vigo outra conferencia sobre Influencia de la Guerra en el derecho público y privado, que versa máis sobre o dereito privado e na que debulla moitos dos seus posicionamentos sobre o feito diferencial de Galicia.

En 1915 preséntase a concelleiro de Santiago de Compostela polos agraristas e resulta nomeado en decembro ao non haber candidatos suficientes, cargo que exerce ata o seu pasamento.

Ademais do seu labor como docente na universidade, abre un despacho de avogado en Santiago desde onde defende aos afectados polos incidentes de Nebra (Mártires de Nebra) ou na folga do 17 aos obreiros de Santiago, polos que tamén foi encadeado.

O 18 de maio de 1916 constitúese a primeira Irmandade da Fala na Coruña; a segunda foi a de Santiago de Compostela días despois nun acto no que Porteiro dá o discurso inaugural.

(http://www.gciencia.com/perspectivas/a-usc-lembra-a-figura-de-luis-porteiro-garea-ex-profesor-e-fundador-da-irmandade-da-fala-de-santiago/

Vid. R. Bello Vázquez, 1998; B. Cores Trasmonte, 2005; E. Vázquez Souza, 2009; C. Calvo Varela, 2016; M. Pazos Gómez, 2016; M. A. Seixas Seoane, 2016.

Soledad Penalta é a primeira muller á que a Universidade compostelá lle encarga a realización dun vítor (Vid. P. Corredoira, 2003; S. Penalta, 1997; S. Penalta, 2000; R. B. Tapp, 1992). Para acometelo, ten en conta no seu tamaño e nas pautas xerais outros que se realizaron previamente en pintura, partindo basicamente dos que hoxe poden verse na Facultade de Xeografía e Historia, tanto ante o Paraninfo como na planta baixa do claustro. De aí a idea de partir do rostro do personaxe en cuestión levando ao bronce o que lle achega unha fotografía. Pero, nun caso coma este en que o uso da palabra -e en galego- é protagonista, a autora incorpóraa a través dun texto representativo do pensamento de quen recibe aquí homenaxe: “Amigos d’a fala: qu’os nosos xueces e notarios sepan o galego, é o menos que podemos pedir, si han de ser garantía de xusticia e de fidelidade”.

Ao seu redor, e na parte baixa, o ferro recortado en aceiro simula un grupo de personaxes abstractos formando a V propia do vítor. Penalta tivo, neste caso, que adaptarse a traballar a partir dunha superficie practicamente plana, a diferenza do sentido do volume e da espacialidade, coa que adoita abordar a escultura. Complétase a obra na base con outro texto, o habitual, no que se nos di: “Luis Porteiro Garea (1889-1918)/ Catedrático, Secretario da Facultade de Dereito e Secretario Xeral da Universidade/ O 16 de setembro de 1915 pronunciou o primeiro discurso en galego na universidade/ Fundador da Irmandade da Fala de Santiago en 1916”.

O día 27 de outubro de 2016, nun solemne acto presentouse este vitor á vez que na Biblioteca Concepción Arenal se mostraba unha exposición referente a este personaxe (https://www.gciencia.com/perspectivas/a-usc-lembra-a-figura-de-luis-porteiro-garea-ex-profesor-e-fundador-da-irmandade-da-fala-de-santiago/) .

Previamente tivera desde o Concello compostelán outro recoñecemento; neste caso, unha placa na rúa da Acibechería, 14, a súa residencia en Compostela (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2016/11/17/uspan-langglnha-placa-recordar-luis-porteiro-gareaspan/0003_201611S17C11993.htm).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do Colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor. Aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións. Para iso, séguense formas (coma o modo de pintar os caracteres en vermello) semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, onde que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

R. Bello Vázquez, 1998: R. Bello Vázquez, Luís Porteiro Garea : (1889-1918), Ordes : Asociazón Cultural Obradoiro da História, D.L. 1998.

C. Calvo Varela, 2016: C. Calvo Varela, Luís Porteiro Garea : (1889-1918), O irmandiño de Gafoi, Frades, Ordes (Asociazón Cultural Obradoiro da História), 2016.

B. Cores Trasmonte, 2005: B. Cores Trasmonte, Luis Porteiro Garea, Santiago de Compostela (tresCtres), 2005.

P. Corredoira, 2003: P. Corredoira, “Soledad Penalta”, en A. Pulido Novoa (dir.), Realismos-abstraccións , Vigo (Nova Galicia Edición) 2003, pp. 18-43.

M. Pazos Gómez, 2016: M. Pazos Gómez, “Luis Porteiro Garea, sementador de ideas”, Terra e tempo: revista galega de pensamento nacionalista, 173-174 (2015-2016), pp. 30-37.

S. Penalta, 1997: S. Penalta (catálogo de exposición), Expresiones de Soledad Penalta, A Coruña, Fundación Caixa Galícia, 1997.

S. Penalta, 2000: S. Penalta (catálogo de exposición . Casa da Parra), Santiago de Compostela (Xunta de Galicia, 2000.

M. A. Seixas Seoane, 2016: M. A. Seixas Seoane, Luís Porteiro Garea e as Irmandades da Fala, Santiago de Compostela (Concello de Santiago), 2016.

R. B. Tapp, 1992: R, B. Tapp, “Soledad Penalta”, en (catálogo de exposición) Alén-Mar : a creatividade galega no Novo Mundo, Santiago de Compostela, Xunta de Galícia, 1992, pp. 120-123.

E. Vázquez Souza, 2009: E. Vázquez Souza, Luis Porteiro Garea (Lugo 1889-Frades, 1918), O ideólogo do nacionalismo irmandinho, Ordes (Foucelhas), 2009, en

http://www.pglingua.org/images/stories/pdfs/2009/031109_luis_porteiro_garea.pdf

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000880
Autoría: Soledad Penalta
Título: Vítor de Luís Porteiro Garea
Data: 2016
Dimensións: 
Alto: 148 cm    ancho: 100 cm    fondo: 8 cm
Materiais: 
Bronce
Ferro
Localización: Facultade de Dereito