Vítor de Luis Rodríguez de Viguri

Fernando Martín Marqués
José Manuel García Iglesias

Rodríguez de Viguri naceu en Santiago (1881-1945). Cursou a licenciatura de Dereito en Santiago e doutorouse en Madrid. O seu vítor presenta tres partes. Na parte superior hai un frontón no que pode verse unha balanza, unha espada, un cetro e un libro aberto, alusivos ao Dereito, todo isto significando a Xustiza. Abaixo, aos lados, hai dúas cariátides. A da dereita leva un cetro relacionado co deus Mercurio, alusivo aos labores do corpo diplomático ao que pertence e entre ambas móstrase un retrato do persoeiro. Un epígrafe alusivo a Viguri cobre a zona inferior. É obra de Fernando Martín Marqués, de 1923.

En 1907 ingresa no corpo diplomático e no xurídico militar. Foi deputado en Cortes por Lugo en 1918, formando parte do Partido Conservador. Tamén o foi pola mesma circunscrición nas lexislaturas de 1919, 1920, 1923 e 1933 (X. R. Barreiro Fernández, 2003). Entre os seus cargos cabe citar os de subsecretario da Presidencia do Consello de Ministros, 1921; subsecretario de Fomento, 1922; ministro de Fomento , 1922 e ministro de Economía Nacional, 1930 (A. Couceiro Freijomil, 1953, pp. 236-237; P. Pascual, 1999, p. 185; J. Varela Ortega, 2001, pp. 364-365). Asina algunhas publicacións (L. Rodríguez de Viguri, 1901; L. Rodríguez de Viguri, 1924). Contou coa distinción de ser cóengo honorario da catedral de Lugo (ABC, 30 de Xaneiro de 1936, p. 25. Vid. R. Gurriarán, 2006, p. 399).

Na parte central disponse en forma de busto un retrato do personaxe, partindo dalgunha fotografía súa dese tempo. Aparece enmarcado por un mosaico. O epígrafe que cobre a zona baixa, di así: AL EXCMO. SR D. / LUIS RODRIGUEZ DE VIGURI/ NATURAL E HIJO PREDILECTO DE SANTIAGO/ SUBSECRETARIO DEL MINISTERIO DE FOMENTO/ EN EL AÑO 1922 OBTUVO LA CREACIÓN DE LA/ SECCIÓN DE HISTORIA DE ESTA FACULTAD/ MINISTRO EN 1923.

Estamos ante unha obra realizada polo pintor Fernando Martín Marqués quen a asina en 1923. Acomete, por tanto, este labor despois de pintar o vítor de Carracido, co que este ten claras concordancias.

O recoñecemento que se lle fai a este personaxe en Compostela gárdase na memoria dunha placa de mármore, asinada por Eiroa -tamén sita neste mesmo andar-, que se engalana na súa parte superior co distintivo do vítor e no que se di: AL EXCMO. SR./ D. LUIS R. DE VIGURI/ CREADOR/ HACE CINCUENTA AÑOS/ DE LA SECCIÓN DE HISTORIA/DE ESTA FACULTAD/ 1922-1972.

Cítase este espazo como propio da Facultade (entón de Filosofía e Letras, nun momento no que Dereito se situaba na planta baixa). Debeu de ser redactada polo entón decano, o catedrático de Historia da Arte, profesor Otero Túñez (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 312-313 ).

O feito de que se creasen, en paralelo, as seccións de Historia e Química, co apoio de Luis Rodríguez de Viguri, levou a que a Universidade de Santiago, na que había tres facultades -Medicina, Dereito e Farmacia-, completase o seu cadro de estudos con outras dúas -Filosofía e Letras, por unha parte, e Ciencias, pola outra-, supoñendo ese ano 1922, un momento de cambio, positivo, no devir desta institución universitaria.

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

C. A. Baliñas Fernández, 1980: C. A. Baliñas Fernández, “La Facultad de Filosofía y Letras. La Facultad de 1922 a 1975”, en M. C. Díaz y Díaz (coord.), La Universidad de Santiago, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago, 1980, pp. 146-148.

X. R. Barreiro Fernández, 2003: X. R. Barreiro Fernández (coord.), Parlamentarios de Galicia: biografías de deputados e senadores (1810-2003), Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia e Real Academia Galega, 2ª ed., 2 vols., 2003.

A. Couceiro Freijomil, 1953: A. Couceiro Freijomil, Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos, t. III, 1953.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016, pp. 312-313.

R. Gurriarán, 2006: R. Gurriarán, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela. 2006.

P. Pascual, 1999: P. Pascual, El compromiso intelectual del político. Ministros escritores en la Restauración Canovista, Mostoles (Madrid), Ediciones de la Torre, 1999.

O. Rey Castelao, 2018: O. Rey Castelao, “La muerte de un maestro: Don Antonio Eiras Roel (1931-2017)”, en Revista de Demografía Histórica, XXXVI, I, (2018), pp. 135-138.

L. Rodríguez de Viguri, 1901: L. Rodríguez de Viguri, La comerciabilidad de los inmuebles: observaciones sobre la transmisibilidad de las cosas, Santiago de Compostela, Imprenta do Seminario C. Central, 1901.

L. Rodríguez de Viguri, 1924: L. Rodríguez de Viguri, La Retirada de Annual y el asedio de Monte Arruit: escrito en defensa del general Don Felipe Navarro, Madrid, Sucesores de Rivadeira, 1924.

J. Varela Ortega, 2001: J. Varela Ortega, (dir.), El poder de la influencia. Geografía del caciquismo en España (1875-1923), Madrid, Marcial Pons e Centro de Estudios Políticos y Constitucionales, 2001.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000078
Autoría: Fernando Martín Marqués
Título: Vítor de Luis Rodríguez de Viguri
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Masculino
Data: 1923
Técnicas: 
Témpera
Dimensións: 
Carece de marco Alto:145,5cm Longo: 103,5 cm. Ancho. 4,5 cm.
Materiais: 
Táboa